Delhy Tejero, nome usado desde 1929 por Adela Tejero Bedate, nada en Toro (Zamora) en 1904 e finada en Madrid o 10 de outubro de 1968, foi unha pintora e debuxante española da chamada «Idade de Prata».
Traxectoria miniatura|Delhy Tejero. Arquivo de son da páxina da pintora en Wikipedia Adela foi a segunda das tres fillas que, tras o temperán falecemento da nai, educou e criou o pai, secretario do concello de Toro. Recibiu clases de debuxo na Fundación González Allende, institución afín á Institución Libre de Enseñanza. Publicou as súas primeiras ilustracións en El Noticiero de Toro. En 1925 o seu pai enviouna a Madrid ao colexio San Luis de los Franceses para que estudase francés, taquigrafía e corte e confección. O día seguinte de chegar examinouse para entrar na escola de Artes e Oficios. A súa intención era prepararse para entrar en Escola de Belas Artes, o que logrou en 1926. Os catro primeiros anos puido estudar grazas a dúas bolsas. Co tempo chegou a recoñecer que de francés non aprendeu nada, pero que logrou entrar na Academia de San Fernando. Alí estableceu amizade con Maruja Mallo, Remedios Varo e Pitti Bartolozzi, quen a retratou así:
O Ministerio suprimiu a bolsa que lle permitía seguir vivindo e estudando en Madrid. Ante a disxuntiva entre volver á casa ou seguir en Madrid, Delhy Tejero (como corresponde ao modelo de muller emancipada que en España se coñecía como as modernas) propúxose conseguir a independencia económica para ter a liberdade de continuar os estudos que elixira. Presentouse cos seus debuxos na redacción de varias revistas, ofrecéndose para colaborar. Así comezou a súa carreira profesional como ilustradora e debuxante de revistas como Estampa, Crónica, Blanco y Negro, Nuevo Mundo e La Esfera. Nos anos 60 Delhy volveu publicar ilustracións incorporadas, mesmo, a contos e relatos da súa autoría, en diarios como ABC e Ya. En Narraciones ilustradas / Ilustraciones narradas publicáronse as súas narracións curtas «El Madrid azul», «El agüita que quería volar», «El clima», «El aire limpio», «La nube nubilla», «El sueñín», «Isidro, el hijo del Manzanares» e os seus contos infantís «El niño al revés», «El hada Luzbalina», «Cemeñito» e «El Ángel Pedrito».
A súa independencia económica permitiulle vivir na Residencia de Señoritas, dirixida por María de Maeztu, durante catro anos, onde coñeceu intelectuais e artistas que alí se daban cita. Ademais, estabeleceu amizade con compañeiras de cuarto e as súas familias, como os Valle-Inclán, Josefina Carabias e Marina Romero. Tamén contactou coas novas orientacións artísticas. En outubro de 1929 obtivo o título de Profesora de Debuxo e Belas Artes da Academia de San Fernando. Ese ano decidiu substituír o seu nome, Adela, polo de Delhy, diminutivo de Adelita inspirado na capital da India. En 1930 recibiu un premio de Aprecio na Exposición Nacional de Belas Artes. Entre xaneiro e xuño de 1931 estudou en París e Bélxica técnicas de pintura mural. Ao seu regreso a España foi nomeada profesora interina de Pintura Mural na Academia de Artes e Oficios de Madrid.
Tivo o seu primeiro estudio en 1932, na rúa de Miguel Moya de Madrid. Ese ano foille concedida na Exposición Nacional a terceira medalla en Artes Decorativas pola súa obra «Castilla». En decembro tivo lugar a súa primeira exposición individual con proxectos de murais, pintura ao óleo de gran formato e unha colección de debuxos con técnicas experimentais como a decalcomanía para a súa serie de «Brujas o Duendinas», cuxa creación se atribuíu en 1939 a Óscar Domínguez.
Período vangardista Delhy buscou o coñecemento artístico das vangardas, o contacto con outras persoas e outras perspectivas desde as que mirar o mundo. Iso levouna a viaxar tanto dentro como fóra das fronteiras españolas. En 1934 pintou Mercado Zamorano, cadro que presentou na Exposición Nacional dedicada ao traxe rexional e que recibiu excelentes críticas. Ese mesmo ano obtivo unha bolsa da Junta para Ampliación de Estudios e marchou a París a estudar pintura mural.
En 1936 pasou as vacacións en Marrocos, aínda que tivo que prolongar a súa estancia até setembro por causa do estalido da guerra civil. Delhy conseguiu volver, pero ante a imposibilidade de chegar a Madrid para seguir a impartir as súas clases, quedou en Toro, onde foi profesora de debuxo no Instituto. En 1937 encargáronlle murais para comedores infantís de Salamanca e para o hotel Condestable de Burgos. Cando terminou os murais que lle encargaron, solicitou o visado especial para viaxar a Florencia onde permaneceu dous anos. En 1938 regresou a París onde tivo un achegamento ao surrealismo, en especial con Óscar Domínguez e André Breton. Fixo un curso de pintura na Universidade da Sorbona e un curso de teosofismo. Participou na mostra «Le rêve dans l’art et la littérature» xunto a Joan Miró, Remedios Varo, Man Ray, Marc Chagall, e outros.
Período espiritualista e transición En agosto de 1939 regresou a Madrid. Instalou a súa vivenda-estudio no edificio de La Prensa, na praza de Callao. Pintou os teitos do cine instalado nos baixos do inmoble. Delhy Tejero enfrontouse a un expediente de depuración profesional por abandonar as clases durante os anos da guerra. Aínda que conseguiu demostrar a imposibilidade de facelo ao estar ausente de España, o Ministerio de Educación resolveu a cuestión suprimindo a cátedra de Pintura Mural.
En 1943 foi galardoada na Exposición Nacional coa terceira medalla na sección pintura. Ese mesmo ano finou o seu pai. A través dos círculos do padre César Vaca que apoiaba o cristianismo en Teilhard de Chardin e en contacto con aristócratas como Lilí Álvarez, Delhy Tejero entrou no que ela chamou o seu «segundo misticismo». Durante esa etapa a súa obra perdeu o carácter renovador, aínda que todo o coñecemento adquirido estaba latente. Nesta etapa destruíu as obras creadas en París.
En 1947, tras a exposición colectiva de pintura que organizou o goberno español en Bos Aires, abandonou de forma progresiva a liña mística. Á súa obra volveron as figuras, pero fusionadas. En 1948 gañou o concurso convocado polo Concello de Zamora co seu proxecto de mural Amanecer jurídico del municipio zamorano.
A partir de 1951 produciuse o renacer da súa propia experiencia das vangardas cara á abstracción. En 1953 participou na primeira exposición de arte abstracta en Santander. Foi a única muller que expuxo. A seguinte exposición foi colectiva, na Habana, en 1954. A última, individual, nas salas da Dirección de Belas Artes. En 1959 sufriu un infarto de miocardio. Durante os anos posteriores fixo murais por encargo. Unha viaxe a París levouna a considerar que o surrealismo morrera. Agravada a súa doenza, seguiu pintando e facendo ilustracións até que o 10 de outubro de 1968 finou en Madrid por mor dunha anxina de peito.
Premios e recoñecementos
1930 - Premio de Aprecio na Exposición Nacional de Belas Artes. 1932 - Terceira medalla en Artes Decorativas na Exposición Nacional pola súa obra Castilla. 1934 - Bolsa da Junta para Ampliación de Estudios. 1943 - Terceira medalla na sección pintura na Exposición Nacional. 1948 - Gañou o concurso convocado polo Concello de Zamora co seu proxecto de mural Amanecer jurídico del municipio zamorano
O 23 de febreiro de 2019 o Concello de Toro concedeu, en sesión extraordinaria e solemne, o título de Filla Predilecta de Toro a Delhy Tejero.
En 2019 participou na exposición colectiva «Dibujantas, pioneras de la Ilustración» no Museo ABC. No marco de La Iberoamericana de Toro celébranse os encontros Delhy Tejero, mesas de debate e performances sobre mulleres e artes visuais. En 2024 o Museo de Arte Contemporánea Patio Herreriano de Valladolid fixo unha exposición rescatando a súa obra do esquecemento: «Delhi Tejero - Xeometría e Misterio».
Legado
En 2005 realizouse a exposición «Delhy Tejero, ilustradora» no Museo Municipal de Arte Contemporánea Conde Duque de Madrid. Nela puideron verse as pinturas costumistas de Delhy que reflectían esa sociedade, os traxes das zamoranas ricas, o camiño do cemiterio ou as terras onduladas de Castela.
En 2025 entre as adquisicións do Museo Raíña Sofía incorporáronse tres obras de Delhy Tejero, un óleo sobre lenzo de 186 x 90 cm realizado en 1954 e presentado por primeira vez na III Bienal Hispanoamericana de Arte de Barcelona de 1955, Autorretrato en la ventana; un óleo sobre lenzo de 73,5 x 60 cm datado o 22 de febreiro de 1950 e Amanecer o atardecer, coñecida tamén como Aire limpio; e un debuxo a pluma, pincel, tinta chinesa, augadas e raspado sobre cartolina, de 29 x 30 cm, datado entre 1960 e 1965.
Estas tres adquisicións completan un amplo conxunto de obras xa existentes na colección do museo. Algunhas das obras son: pinturas como Autorretrato, Pitocha meditando, Moras, Labradora de Toro (Mujer con guindas), Castillo de Toro e Composición abstracta; debuxos e estudos como Las brujas con Delhy Tejero, Boceto para "Las bruxas..." e Brujas con candiles; así como a peza tridimensional Rabina, Taruja y Pitocha e o Cartel para as Xornadas Rexionalistas para a Residencia de Señoritas.
Notas
Véxase tamén
Bibliografía Isabel Fuentes González, Delhy Tejero entre la tradición y la modernidad, 1904-1936, Zamora: Diputación de Zamora, 1998. ISBN 84-86873-67-3. Tomás Sánchez Santiago, Zamora y la vanguardia, Valladolid: Fundación Instituto Castellano y Leonés de la Lengua, 2003. ISBN 84-933453-2-6. Delhy Tejero, Los cuadernines (Diarios, 1936-1968), edición de Mª Dolores Vila Tejero e Tomás Sánchez Santiago, Zamora: Diputación de Zamora, 2004. ISBN 84-87066-53-4. 2ª ed.: León: Eolas, 2018. ISBN 84-17315-33-0. Tània Balló, Las Sinsombrero 2, Barcelona: Espasa, 2018. ISBN 9788467054002. Tomás Sánchez Santiago, Delicada Delhy. Seis textos sobre la obra y la personalidad de Delhy Tejero, Palma de Mallorca: Los Papeles de Brighton, 2020. ISBN 978-84-947593-4-5. Dolores Romero López, Delhy Tejero. Narraciones ilustradas /ilustraciones narradas, Burgos: Instituto Castellano y Leonés de la Lengua, 2020. ISBN: 978-84-92909-27-8.
Categoría:Pensionados da JAE Categoría:Ilustradores de España Categoría:Nados en Toro Categoría:Nados en 1904 Categoría:Finados en 1968