O vorticismo foi un movemento artístico londiniense de inspiración modernista, iniciado polo escritor e artista Wyndham Lewis en 1914. Inspirado parcialmente no cubismo, presentouse ao público mediante a publicación dun manifesto na revista Blast. Contra as formas tradicionais da arte representativa, o vorticismo defendeu un estilo xeométrico abstracto e de liñas duras. Lewis non foi quen de orientar os talentos dispares destes artistas de vangarda mais, durante un breve período de tempo, o vorticismo converteuse nunha destacada resposta ao futurismo de Marinetti e ao postimpresionismo dos "Omega Workshops" de Roger Fry.
A pintura vorticista puxo a énfase na "vida moderna" ao combinar liñas marcadas e cores estridentes que dirixen a ollada cara ao centro do cadro; pola súa banda, a escultura vorticista crea unha sensación de enerxía e intensidade a través do "tallado directo".
Antecedentes No verán de 1913, Roger Fry, xunto con Duncan Grant e Vanessa Bell, fundou os "Omega Workshops" en Fitzrovia, un distrito bohemio no centro de Londres. Fry defendía abstraer cada vez máis a arte e o deseño, e no seu centro de traballo (que actuaba como estudio, galería e punto de venda) empregou e apoiou aos artistas que compartían a súa visión, como Wyndham Lewis, Frederick Etchells, Cuthbert Hamilton e Edward Wadsworth. Lewis tivera moito éxito no Salón da Alianza de Artistas do ano anterior cunha obra enorme de tendencias abstractas, Kermesse, hoxe perdida; así mesmo, traballara co escultor estadounidense Jacob Epstein na decoración do recoñecido club de cabaré de Frida Uhl, The Cave of the Golden Calf.
Categoría:Arte moderna