Gloria de la Prada Navarro, nada en Sevilla o 17 de xuño de 1886 e finada en Madrid contra 1951, foi unha poeta, narradora, compositora e intérprete de coplas española do primeiro terzo do século XX.

Traxectoria Educouse en Sevilla. Durante a idade adulta trasladouse a Madrid, onde pasou a maior parte da súa vida laboral, pero identificándose fortemente con Andalucía.

A súa vocación poética naceu precisamente tras a lectura dos versos do poeta modernista colombiano José Asunción Silva.El barrio de la Macarena (1917). Prólogo de Gloria de la Prada Comezou a publicar na segunda década do século XX alternando obras narrativas e líricas. Con todo, obtivo maior recoñecemento en poesía grazas á publicación de diversas recompilacións de cantares, na súa maioría de inspiración andaluza. Algúns dos seus poemas apareceron previamente publicados na revista <i>Nuevo Mundo</i>.

Con todo, a súa faceta como narradora tamén é estimábel. Publicou tres novelas e cinco contos nalgunhas das coleccións máis populares de entón, como «Los Contemporáneos» e «El Cuento Semanal», decote asinadas co pseudónimo «Mimí». Por outra banda, do mesmo xeito que outras escritoras do seu tempo como Elena Fortún e Josefina Bolinaga, colaborou na sección Gente Menuda do suplemento Blanco y Negro do diario ABC. Chegou a ser redactora da súa sección de Ciencias Naturais durante a década de 1920.

Doutra banda, publicou en prensa diversas crónicas que apareceron en El Heraldo de Madrid e en El Heraldo Granadino. Especializouse en crónicas flamencas, aínda que cultivou outros xéneros de opinión.

O crítico literario Rafael Cansinos Assens nun dos apartados de La nueva literatura (1917-1927) fixo un repaso das escritoras de principios da súa época. Incluíu a Gloria de la Prada dentro do que chamou «pléiade máis recente de escritoras», xunto a outros nomes como Concha Espina, Cecilia Camps ou Angelina Alcaide. Cansinos Assens cualificouna como «a máis feminina das nosas escritoras» que «é coa súa figurita de musmé como unha copla viva».

Trazos temáticos e de estilo Malia a abundancia dos títulos da súa narrativa en forma de novelas e contos, na súa maioría de corte costumista e popular, destacou máis pola súa poesía. Esta ten un carácter neopopular e andalucista, cunha forte base no folclore andaluz e, en xeral, tendente a versos de arte menor. As súas composicións, sen título, son moi breves, e raramente superan os seis versos. Precisamente, a maioría das súas novelas utilizan a copla para aumentar matices de forma significativa e son de ton sentimental e costumista, na liña da súa poesía.

No «Prólogo íntimo» do poemario Las cuerdas de mi guitarra (1913) a propia escritora salienta o carácter persoal e experiencial do libro. Así, insiste en que os cantares que forman o poema:

Segundo Gloria de la Prada, a copla habita nas raíces do pobo. É alí onde pode atopar a súa orixe máis auténtica, fronte outro tipo de xéneros poéticos de carácter máis intelectual. De feito, os seus cinco poemarios están formados por coplas de tipo popular. A maioría delas non só teñen unha inspiración andaluza, senón tamén un transfondo especialmente sevillano, coa incorporación dalgúns topónimos como o barrio da Macarena ou Triana.

Así mesmo, nestes poemarios é posíbel distinguir varios tipos de coplas que, en ocasións, aparecen agrupadas baixo diversos epígrafes: soleares, seguidillas e seguidillas gitanas, malagueñas, sevillanas e soleadillas. Os temas tratados nas coplas son os característicos destas composicións: o desengano, a soidade, a ausencia, o esquecemento ou a vinganza. Porén, por riba de todos, o amor é o tema central de moitas das coplas. Na maioría dos casos trátase dun amor «desgraciado», sobre todo por unha comunicación escasa entre os dous suxeitos e por unha disparidade de obxectivos no referido ao vínculo amoroso. Deste xeito, nas coplas aparece o amor unido indisolubelmente á dor e ao desamor, o que xera angustia, desengano e dúbidas ante os verdadeiros sentimentos da outra persoa.

Outros temas destas poesías son a exaltación do carpe diem (o goce do momento como refuxio ante a visión negativa que subxace á maioría das coplas) ou a defensa do ideal estoico da resignación ante as adversidades e dificultades da vida (á vez que anima a seguir adiante no camiño sen nostalxia do pasado). Tamén está presente un certo ton moralizante que recolle ideas que a sabedoría popular moitas veces condensou en proverbios e refráns. A recorrente presenza da copla, o cante e a guitarra simboliza a alma do suxeito. Algunhas das coplas poñen de manifesto a desigual situación de mulleres e homes, así como o dobre criterio moral á hora de xulgar os comportamentos masculinos e femininos. Neste sentido, a vida das mulleres debúxase como duplamente limitada e obstaculizada. Noutro sentido, incídese na dependencia feminina do amor fronte ao desapego ou indiferenza masculinos. Subliña así este diferente interese que, ao seu parecer, os homes teñen nas relacións respecto ás mulleres. Con todo, e malia esta aparente conciencia de xénero, o certo é que en moitas das outras coplas aflora a visión androcéntrica e machista que caracteriza a tradición popular española e que chega mesmo a xustificar o maltrato.

Obras

Poesía

Mis cantares (1911). Prólogos de Felipe Trigo e Manuel Machado. Madrid, Impr. Española Noches sevillanas. Cantares: soleares, seguidillas gitanas, malagueñas, sevillanas (1912). Precedido dun soneto de Francisco Villaespesa e dun conto da propia autora. Madrid, Librería dos sucesores de Hernando. Las cuerdas de mi guitarra (1913). Madrid, Renacimiento. El barrio de la Macarena (1917). Madrid, Renacimiento. La copla andaluza (¿1955?). Madrid, Renacimiento.

Novelas e contos

Por una coleta (1911). Conto costumista. Debuxos de Manchón. Madrid, Impr. Artística Española. El cantar de los amores (1912). Ilustracións de Epi. Madrid, Los Contemporáneos. El ensueño se mete en casa (1912). Novela de amor. Prólogo de Eduardo Zamacois. Madrid: Impr. Alrededor del Mundo. Los labios rojos (1913). Novela. Madrid, M. Núñez. El encierro (1915). Ilustracións de L. Aguirre. Madrid, La novela de bolsillo. Salú la Corralera (1916). Conto costumista. Ilustracións de F. Mota. Madrid, Los Contemporáneos. La mejor firma (1916). Madrid, Impr. Alrededor del Mundo. El candilejo (1930). Barcelona, Publicaciones Mundial.

Notas

Categoría:Nados en Sevilla Categoría:Nados en 1886 Categoría:Escritores de Andalucía Categoría:Finados en 1951