Kimishige "Kimi" Ishizaka (石坂 公成, en xaponés Ishizaka Kimishige), nado en Tokyo o 3 de decembo de 1925 e finado en Yamagata o 6 de xullo de 2018, foi un inmunólogo xaponés, que, xunto coa súa esposa Teruko Ishizaka, descubriu os anticorpos da clase IgE (inmunoglobulina E) en 1966–1967. Este traballo foi fundamental para entender como funciona a alerxia. Recibiu en 1973 o Premio Internacional da Fundación Gairdner e no 2000 o Premio do Xapón polo seu traballo en inmunoloxía.

Traxectoria Primeiros anos e educación Kimishige Ishizaka naceu en Tokyo fillo de Koki e Kiku Ishizaka. O seu pai era un militar de carreira que se retirou en 1933 co rango de tenente xeneral. Obtivo as súas cualificacións médicas e o doutoramento en 1948 da Universidade de Tokyo. Quedou "fascinado pola inmunoloxía cando asistía a un curso de verán na facultade" e abandonou os seus plans de ser médico.

Carreira De 1953 a 1962, encabezou a división de inmunoseroloxía no departamento de seroloxía do Instituto Nacional da Saúde do Xapón. Durante o seu exercicio nese posto pasou dous anos como membro científico do Caltech (1957–1959).

En 1962, K. Ishizaka e a súa muller Teruko foron recrutados por Sam Bukantz, director médico do Instituto e Hospital de Investigación da Asma Infantil (CARIH), e trasladáronse a Denver, Colorado. Exerceu de profesor asistente de microbioloxía na Escola Médica da Universidade de Colorado, así como de xefe de inmunoloxía do seu centro asociado, o Instituto de Investigación da Asma Infantil e CARIH. En 1965, foi ascendido a profesor titular na Universidade de Colorado Denver.

Mentres estiveron en Denver, os Ishizaka descubriron os anticorpos do tipo inmunoglobulina E (IgE) en 1966–1967 e a súa interacción cos mastocitos. Demostaron o papel esencial das IgE como mediadoras da liberación de histamina polos mastocitos. O descubrimento das IgE considérase a pedra angular da inmunoloxía e da comprensión da alerxia.

En 1970, K. Ishizaka foi nomeado Profesor O'Neill de Medicina e Microbioloxía na Escola de Medicina da Universidade Johns Hopkins de Baltimore, Maryland, así como profesor de bioloxía na Facultade de Artes e Ciencias. De 1982 a 1986, exerceu como presidente do Collegium International Allergologicum. Foi elixido asociado estranxeiro da Academia Nacional de Ciencias dos Estados Unidos en 1983. K. Ishizaka seguiu na universidade ata 1989, cando se converteu en director científico e despois presidente en 1990 do Instituto de Alerxia e Inmunoloxía de La Jolla en La Jolla, California.

Despois de xubilarse en 1996, volveu ao Xapón e foi director honorario do Instituto de Inmunoloxía da Universidade de Yamagata.

Recoñecementos O matrimonio Ishizaka recibiu numerosos premios polo seu traballo sobre a alerxia e inmunoloxía. En 1972, recibiron o Premio da Fundación Passano. En 1973, el recibiu o Premio de Paul Ehrlich e Ludwig Darmstaedter alemán, o Premio Médico Takeda, o primeiro Premio por Logros Científicos da Asociación Internacionla de Alergoloxía e, xunto coa súa muller, recibiu o Premio Intrnacional da Fundación Gairdner. En 1974, outorgáronlle o Premio Cultural Asahi, o Premio Imperial da Academia do Xapón, e a Orde da Cultura do Xapón. En 1979, galardoárono co Premio Borden. En 2000, gañou o 16º Premio do Xapón.

Vida persoal e pasamento Kimishige Ishizaka estaba casado con Teruko Ishizaka, que foi a súa colega en moitos dos seus descubrimentos. Morreu dunha doenza cardíaca á idade de 92 anos, o 6 de xullo de 2018 no Hospital da Universidade de Yamagata en Yamagata, un ano antes que a súa muller.

Notas

Véxase tamén Ligazóns xternas La Jolla Institute for Allergy & Immunology

Categoría:Nados en 1925 Categoría:Finados en 2018 Categoría:Inmunólogos do Xapón Categoría:Médicos do Xapón