Xacob Agra Carrera, nado no Porriño en 1977, é un piloto galego de motociclismo especializado en enduro e rally raid. Foi un dos pilotos galegos máis destacados da súa xeración, proclamándose campión galego de enduro en varias ocasións, subcampión de España e participante no Rally Dakar de 2006, no que chegou a situarse entre os dez primeiros clasificados nas primeiras etapas.

Traxectoria deportiva Comezou a competir sendo neno no motociclismo de campo. Aos seis anos recibiu a súa primeira motocicleta, unha Mecatecno, coa que se iniciou no enduro. Durante a década de 1990 consolidouse como un dos principais pilotos españois da especialidade. En 1999, formou parte do equipo español vencedor do International Six Days Enduro (ISDE) na categoría júnior e conseguiu dúas vitorias na Copa do Mundo Júnior de Enduro, na categoría de 125 cc 2T e 4T.

En 2005, proclamouse campión galego de enduro antes da conclusión do campionato e acadou o subcampionato de España, resultados que lle abriron as portas para disputar o Rally Dakar como piloto oficial de Yamaha España.

En 2006, participou por primeira vez no Rally Dakar integrado no equipo Yamaha patrocinado polo diario AS. Nas primeiras etapas da carreira chegou a ocupar o décimo posto da clasificación xeral e obtivo un oitavo posto nunha etapa disputada en Marrocos, converténdose nunha das revelacións da edición.

Completou a proba entre os mellores pilotos privados españois, nunha edición marcada pola destacada actuación do equipo Yamaha-AS.

Logo de abandonar a competición profesional arredor de 2011, continuou vinculado ao deporte a través do ciclismo, competindo en probas de ciclocrós na categoría máster. En 2016 obtivo diversos podios no campionato galego desta disciplina.

Notas

Categoría:Nados no Porriño Categoría:Nados en 1977 Categoría:Pilotos de motociclismo de Galicia Categoría:Personalidades de Galicia sen imaxes