O bombardeo de Durango foi un ataque aéreo realizado pola Aviazione Legionaria italiana o 31 de marzo de 1937 sobre a localidade biscaíña de Durango. Esta acción bélica encadrouse na ofensiva da Fronte Norte que realizaron as tropas sublevadas entre marzo e outubro de 1937 na guerra civil española baixo as ordes do xeneral Emilio Mola. A vila, bombardeada e metrallada, converteuse nun dos primeiros bombardeos sobre poboación civil da historia, segundo algunhas fontes. Era a primeira vez que dun xeito tan violento se atacaba dende o aire, en Biscaia, unha poboación situada na retagarda. A finalidade clara era causar a desmoralización. O ataque levárono a cabo compoñentes da 214 escuadrilla do grupo 24 de bombardeos pesados Savoia-Marchetti S.M.81, escoltados por cazas Fiat CR.32. Realizouse en tres pases: o primeiro ás 8 da mañá, o segundo ao comezar a tarde e o terceiro a última hora. Morreron entre 248 e 336 persoas.Mortos segundo algunhas fontes: 248 (Hugh Thomas), 250 (Antony Beevor), 258 (Paul Preston), máis de 250 (Josep Mª Solé i Sabaté e Joan Villarroya). A maior parte de civís morreron cando se atopaban nos oficios relixiosos celebrados nas primeiras horas da mañá, entre eles un sacerdote que fuxira de Asturias e 11 monxas de clausura. Xunto aos avións italianos participaron 14 cazas alemáns que despegaron de Logroño, segundo consta no diario do Xefe do Estado Maior e, posteriormente, último comandante da Lexión Cóndor, Wolfram von Richthofen.

Segundo Paul Preston, Durango foi o comezo dos experimentos de Richthofen cos bombardeos do terror, destinados a abater a moral da poboación civil e destruír as comunicacións por estrada ao seu paso polos núcleos urbanos. Isto ficou probado tres semanas despois no bombardeo de Gernika.

Antecedentes

dereita|miniatura|300x300px|Placa conmemorativa das vítimas do bombardeo. En recordo a todos os que morreron debido aos bombardeos sufridos por Durango Despois do fracaso do golpe de estado de xullo de 1936 contra o goberno da Segunda República Española comezou unha guerra civil que duraría tres anos. No norte da Península Ibérica as provincias de Navarra e Áraba ficaron baixo o dominio do bando sublevado, mentres que as marítimas, entre elas Guipúscoa e Biscaia, seguiron fieis ao goberno republicano.

As tropas facciosas (nas que se encadraban destacamentos de requetés navarros), baixo as ordes do xeneral Mola, avanzaron sobre Guipúscoa polo val do Bidasoa illando a fronteira francesa do territorio fiel ao goberno republicano. En setembro de 1936 practicamente toda Guipúscoa quedou baixo control sublevado. A fronte queda detida no val do río Deba ás portas da industriosa cidade de Éibar.

A liña da fronte seguía practicamente a demarcación fronteiriza entre Guipúscoa e Biscaia. Na costa a localidade biscaíña de Ondarroa estaba tomada polas forzas rebeldes mentres que ás súas aforas se organizaba a resistencia. Berriatua era republicana e a liña da fronte estendíase polo alto de Kalamendi, Kalamua e Akondia, deixando Éibar no fondo do val do Ego defendendo a república que alí nacera cinco anos antes. A fronte seguía cara a Elgeta e estendíase, como marcado, polo Camiño dos Toldos que une a vila de Elgeta co porto de Kanpazar sobre Bergara e o Udalaitz sobre Mondragón, ambas poboacións en mans fascistas. Alén dos cumes dos Intxortas escondíase Elorrio, onde o mando republicano tiña un cuartel xeral para a defensa desta parte da liña de fogo. Do inexpugnable Udalaitz, polos altos de Memaia e o Besaide, seguía cara ao coado de Zabalandi, Urkiola e o Saibi.

A defensa estaba encargada a diferentes organizacións políticas e obreiras. Nos Intxortas estaban os gudaris dos batallóns do PNV (Batallón Sabino Arana xunto ás compañías do Euzko Gudarostea, Arratia e Padura). Os Hermanos Proletarios defendían o porto de Kanpazar e daban a substitución á CNT que tiña o batallón Isaac Puente e o Malatesta situados no Udalaitz e a compañía Zabalbide de Izquierda Republicana. Cara á costa estaban as milicias comunistas e socialistas de PCE e da UXT.

Na primavera de 1937, ante a imposibilidade da toma de Madrid, o alto mando golpista decidiu activar a Fronte Norte para tomar o que quedaba da cornixa cantábrica. O xeneral Emilio Mola afirmou nunhas declaracións que arrasaría Biscaia. O 31 de marzo comezaron as accións de combate e en abril as tropas sublevadas avanzaron por Biscaia camiño a Bilbao, importante praza, na que entraron o 19 de xuño. Neste contexto prodúciuse o bombardeo de Durango e posteriormente o de Gernika.

Ao comezo da contenda produciuse o incidente de Otxandio, cun ataque aéreo sobre a poboación. Tamén se realizaron algúns ataques sobre Irún e Donostia, pero lonxe dos producidos en Durango e Gernika.

O 22 de xullo de 1936 un ou varios Breguet 19 sublevados que despegaron da base de Logroño bombardearon Otxandio, onde se concentraron forzas leais e milicianos. Houbo arredor de 40 mortos, moitos deles civís. Segundo un xornal republicano de Bilbao o obxectivo fora «sementar o terror».

Durango en 1936 dereita|miniatura|400x400px|Pegadas de metralla das bombas nunha casa da rúa Kurutziaga Durango contaba en 1936 cunha poboación de 8.797 habitantes. No político era unha poboación tradicionalista, como reflictía daquela a composición do concello. Dos 13 edís que compuñan a corporación municipal, 8 eran carlistas, 3 do PNV e 2 da Fronte Popular. O alcalde era o carlista Adolfo Uribasterra.

O bombardeo Os avións Savoia-Marchetti S.M.81, pertencentes á 214 escuadrilla do grupo 24 de bombardeo pesado da aviación fascista italiana, deixaron caer sobre a poboación 80 bombas de 50 kg cada unha. Tanto a igrexa de Santa María como a do colexio de Xesuítas foron destruídas, do mesmo xeito que o próximo convento de Santa Susana. Tras tiraren as bombas, os cazas foron realizando metrallamentos sobre a poboación.

O 31 de marzo de 1937 ás 7 horas saíron 9 avións do aeródromo de Garray (Soria). Pertencían ás 213 e 214 escuadrillas do grupo 24 de bombardeo pesado Savoia 21 (S-81) da aviación fascista italiana. Ás 8 horas engalaron do aeródromo de Logroño 18 cazas Fiat CR.32. Reuníronse cos bombardeiros en ceo rioxano e dirixíronse en formación cara ao val biscaíño do Ibaizabal.

Os 5 aparellos da escuadrilla 213, comandados por Vittorio Cannaviello, tomaron rumbo á vila de Elorrio. Pola súa parte, os outros 4 aparellos da 214, ao mando de Gildo Simiri, dirixíronse a Durango.

Ás 8:30 apareceron polo horizonte da vila biscaíña 4 bombardeiros e 9 cazas sobre a parte de Abadiño. Foron vistos polo posto de vixía e alarma do campanario da igrexa de Santa Ana, os cales deron a alarma. As incursións da aviación facciosa eran habituais e decote tiñan como obxectivo a inspección da fronte e a retagarda, así como a distribución de propaganda bélica. Por ese motivo a poboación non prestou demasiada atención ás campás, que alertaban do perigo de ataque aéreo. A insistencia no toque de alarma produciu que moitas persoas buscasen refuxio.

O ataque comezou sobre o barrio de Kurutziaga, mantendo o sol ás costas dos avións. Os edificios numerados do 34 ao 40 foron totalmente destruídos. A Cruz de Kurutziaga foi danada e tamén resultou bombardeada a igrexa do colexio San José dos Xesuítas, onde Rafael Villalabeitia estaba a celebrar misa. Neste templo producíronse máis de 50 baixas, na súa maioría de civís.

Na igrexa parroquial de Santa María o párroco Carlos Morilla celebraba tamén a eucaristía, mentres que no gran pórtico exterior abriuse o mercado. En Santa María morreron numerosos civís xunto ao seu párroco. O convento de Santa Susana tamén resultou afectado e as bombas causaron nel a morte de 11 monxas. Tras o bombardeo os cazas de escolta realizaron metrallamentos da poboación.

Os bombardeiros voaban a unha altitude de 1.500 metros e os cazas a 400 metros. Realizáronse fotografías panorámicas e panimétricas do resultado da acción. Ás 11 volveron aparecer avións sobre Durango sen realizaren ningún ataque.

Ás 17:45 dese día, cando xa estaban en marcha os labores de auxilio e rescate da acción da mañá, apareceron 8 bombardeiros e 15 cazas. Realizaron un ataque sobre a diagonal entre o cemiterio (onde se estaban levando a cabo os labores de identificación de cadáveres) e a rúa Zeharkalea (centro do núcleo urbano) até as instalacións ferroviarias. Os bombardeiros lanzaron 22 bombas de 100 kg e 54 de 50 kg, mentres que os cazas realizaron metrallamentos sobre a cidadanía. Ao non estar sobre a fronte de combate, Durango carecía de defensa antiaérea.

O 2 e o 4 de abril volvéronse realizar bombardeos sobre Durango. O día 2 atoppábase na localidade unha comisión internacional, composta por ingleses e franceses, que estudaba os danos causados o 31 de marzo.

Calcúlase que se botaron en Durango 281 bombas cun total de 14 840 kg de explosivos. Houbo 336 vítimas mortais, resultaron afectados 305 edificios e deles 71 foron totalmente destruídos.

O 21 de abril as tropas fascistas subiron por Aramaio e Otxandio, tomaron o Tellamendi e romperon a fronte á altura de Zabalandi. Elgeta caera o día anterior e Éibar, o 26 de abril.

O 27 de abril combateuse ás portas de Durango polo seu lado leste. Os ataques, formados por batallóns de requetés, estendíanse pola parte norte, de xeito que se pretendía illar a poboación. As tropas de defensa retiráronse cara a Bilbao e tentaron pór unha liña de fogo no barrio de Berna, xa nos arredores de Iurreta. Quedaron en Durango algúns milicianos emboscados nos edificios facendo fronte aos tradicionalistas do Terzo de Montejurra, que tomaron a vila o 28 de abril.

O 29 de xullo constituíuse o novo concello. Nomeouse alcalde a Adolfo Uribasterra, quen substituíu a Ramón Oralde. Este exercera esas funcións desde a entrada dos alzados contra a lexitimidade republicana na poboación.

As consecuencias Josep María Solé i Sabaté e Joan Villarroya describiron así como quedou Durango tras o bombardeo:

A propaganda sublevada achacou a destrución das igrexas e conventos ao extremismo de esquerda do propio bando republicano.

O bombardeo desencadeou unha onda de manifestacións de rexeitamento, entre elas a do lehendakari José Antonio Aguirre. O cónsul británico en Bilbao, quen visitou Durango tras o bombardeo, afirmou que o ataque superaba en moito, pola súa saña, os bombardeos que contemplara durante a Gran Guerra.O xefe do estado maior da Lexión Cóndor, Wolfram von Richthofen, visitou Durango un mes despois do bombardeo e describiu o que viu:

Catro días despois do bombardeo, Franco recibiu o embaixador italiano Roberto Cantalupo, ante quen xustificou a brutalidade empregada.

Notas

Véxase tamén Outros artigos Bombardeos na guerra civil española Bombardeo de Gernika Bibliografía

Categoría:Guerra civil española

Categoría:Historia do País Vasco

Categoría:1937