O Piar Europeo de Dereitos Sociais (PEDS) é unha iniciativa da Unión Europea (UE) destinada a reforzar a súa dimensión social e a promover condicións de vida e de traballo máis xustas para a cidadanía europea. Foi proclamado conxuntamente polo Parlamento Europeo, o Consello da Unión Europea e a Comisión Europea o 17 de novembro de 2017 durante o Cumio Social de Gotemburgo (Suecia).
O Piar establece un conxunto de 20 principios e dereitos estruturados arredor de tres grandes ámbitos: a igualdade de oportunidades e acceso ao mercado de traballo, unhas condicións laborais xustas e a protección e inclusión social.
Orixe e contexto O PEDS é o resultado dun longo proceso de fortalecemento da dimensión social da integración europea. Aínda que o Tratado de Roma de 1957 recoñeceu a libre circulación de persoas traballadoras, as cuestións sociais ocuparon durante décadas un papel secundario fronte ás prioridades económicas do proxecto europeo. Identificáronse varias razóns para o limitado progreso da integración social na UE, incluída a resistencia dos Estados membros a transferir soberanía neste ámbito en atención ao principio de subsidiariedade. Algúns Estados temían unha deterioración das súas normas sociais existentes, mentres que outros con modelos sociais menos desenvolvidos estaban preocupados pola perda de competitividade.
Para eludir a incapacidade da UE para adoptar unha lexislación social vinculante e exhaustiva, insistiuse nos mecanismos de coordinación e converxencia, como o Método Aberto de Coordinación (MAC), que deu forma á política social da UE desde 1990. Con todo, dada a magnitude dos actuais desafíos mundiais, este enfoque foi criticado por ser insuficiente, xa que o soft law e as políticas nacionais coordinadas competían contra a primacía do Dereito da Unión Europea.
A situacion comezou a cambiar co Tratado de Ámsterdan de 1997, que incorporou por primeira vez un título específico sobre o emprego, así como co lanzamento da Estratexia de Lisboa no 2000, orientada a mellorar simultaneamente a competitividade, o emprego e a cohesión social. Posteriormente, tras a crise económica e financieira iniciada en 2008, aumentaron as peticións dunha maior atención á política social, xa que a crise desprazara a atención da UE cara ás preocupacións económicas e orzamentarias a expensas da dimensión social. A Comisión Europea impulsou a Estratexia Europa 2020, orientada a promover un crecemento intelixente, sostible e integrador, acompañado de altos niveis de emprego e cohesión social. alt=Jean-Claude Juncker April 2019|miniatura|304x304px|Jean-Claude Juncker, presidente da Comisión Europea dende o 1 de novembro de 2014 ata o 30 de novembro de 2019 baixo o mandato do Partido Popular Europeo. Neste contexto xurdiu o PEDS. A súa orixe inmediata atópase no discurso sobre o estado da Unión pronunciado en setembro de 2015 polo entón presidente da Comisión Europea, Jean-Claude Juncker, ante o Parlamento Europeo e o Consello. Nese discurso propoñía a creación dun novo marco de referencia capaz de responder ás transformacións do mercado de traballo, ás consecuencias da crise económica, á dixitalización e aos cambios demográficos que afectaban ás sociedades europeas.
A partir daquel momento, o proceso de elaboración do Piar intensificouse durante 2016 e 2017 mediante un amplo proceso de consulta pública impulsado pola Comisión Europea tras a súa primeira proposta. Como resultado deste debate, o Parlamento Europeo aprobou o 19 de xaneiro de 2017 unha Resolución na que reclamaba a construción dun Piar ambicioso, que non se limitase a unha simple declaración de principios, senón que incorporase instrumentos concretos capaces de reforzar os dereitos sociais, reducir as desiguladades e fortalecer a cohesión social na Unión Europea. Poucos meses despois, o 26 de abril de 2017, a Comisión Europea presentou a Comunicación Establecemento dun Piar Europeo de Dereitos Sociais, na que recollía os resultados da consulta pública e formulaba a proposta definitiva do Piar. Nela presentáronse por primeira vez de forma sistemática os vinte principios e dereitos que, posteriormente, serían proclamados polas institucións europeas no Cumio Social de Gotemburgo do 17 de novembro de 2017.
Estrutura e contidos O PEDS naceu como unha guía para fortalecer a dimensión social da integración europea, promover mercados laborais máis inclusivos e favorecer a converxencia dos sistemas de protección social dos Estados membros, respectando ao mesmo tempo as súas competencias nacionais.
Estrutúrase arredor dun preámbulo e tres capítulos, nos que se establecen os vinte principios e dereitos.
Capítulo I. Igualdade de oportunidades e acceso ao mercado de traballo
Principio 1: Educación, formación e aprendizaxe permanente. Subliña a necesidade de que a formación sexa inclusiva e permita unha participación na sociedade de forma plena e adaptada ás transicións do mercado laboral. Este principio inspirou a adopción da Axenda de Capacidades Europea, o Espazo Europeo de Educación e o Plan de Acción para a Educación Dixital 2021-2027, orientados a mellorar a cualificación profesional da poboación e a adaptación ás transicións dixital e ecolóxica. Principio 2: Igualdade de xénero. Establécese unha estratexia transversal en todos os ámbitos para implantar medidas que erradiquen a violencia de xénero, os estereotipos e a brecha retributiva. A súa aplicación materializouse nas Estratexias da UE para a Igualdade de Xénero 2020-2025 e 2026-2030 e na Directiva (UE) 2023/970 do Parlamento Europeo e do Consello de 10 de maio de 2023 sobre transparencia retributiva. Principio 3: Igualdade de oportunidades. Este principio refírese ao acceso de toda persoa ao emprego, á protección social, á educación e aos bens e servizos, con independencia do seu sexo, orixe racial ou étnico, relixión ou conviccións, discapacidade, idade ou orientación sexual. Este principio desenvolveuse mediante os Plans de Acción da UE contra o Racismo 2020-2025 e 2026-2030 e a Estratexia Europea para a Igualdade das Persoas LGBTIQ+, entre outros. Principio 4: Apoio activo para o emprego. Este principio recoñece o dereito a recibir axuda para a procura de emprego, formación e reciclaxe.
Capítulo II. Condicións de traballo xustas
Principio 5: Emprego seguro e adaptable. Este principio proclama o dereito das persoas traballadoras a gozar de condicións de traballo xustas, con independencia do tempo e da duración da relación laboral, incluíndo as novas formas de traballo, e prohibindo o uso abusivo de fórmulas precarias de contratación. A principal concreción deste principio veu da man da Directiva (UE) 2024/2831 do Parlamento Europeo e do Consello de 23 de outubro de 2024 relativa ao traballo en plataformas dixitais. Principio 6: Salarios. Fomenta o establecemento de salarios xustos que permitan unha vida digna das persoas e un salario mínimo adecuado. Este principio inspirou directamente a Directiva (UE) 2022/2041 do Parlamento Europeo e do Consello de 19 de outubro de 2022 sobre uns salarios mínimos adecuados na Unión Europea. Principio 7: Información sobre as condicións de emprego e a protección fronte ao despedimento. Nel se establece o dereito das persoas traballadoras a ser informadas por escrito ao inicio da súa prestación de servizos sobre aspectos relacionados co contrato de traballo, así como o dereito a unha información sobre o motivo do despedimento, nun prazo adecuado. Este principio materializouse na Directiva (UE) 2019/1152 do Parlamento Europeo e do Consello de 20 de xuño de 2019 relativa a unhas condicións laborais transparentes e previsibles na Unión Europea. Principio 8: Diálogo social e participación das persoas traballadoras. Recoñece o dereito dos interlocutores sociais a participar no deseño e aplicacion das políticas sociais, económicas e de emprego, así como o dereito de información e consulta en aspectos que afectan a cuestións das empresas, como despedimentos colectivos, reestructuracións, etc. O desenvolvemento deste principio produciuse mediante a Recomendación do Consello de 12 de xuño de 2023 sobre o reforzo do diálogo social na Unión Europea. Principio 9: Equilibrio entre a vida profesional e persoal. Aborda a conciliación profesional e persoal a través de dereitos como permisos, condicións de traballo flexibles e servizos de asistencia, para fomentar unha distribución equitativa nas responsabilidades de coidados. Este principio concretouse na Directiva (UE) 2019/1158 do Parlamento Europeo e do Consello de 20 de xuño de 2019 relativa a conciliación da vida familiar e a vida profesional dos proxenitores e os coidadores. Principio 10: Contornas de traballo saudables. Este principio alude ao dereito das persoas traballadoras a un nivel adecuado de protección da saúde e seguridade na súa contorna laboral, adaptado as súas necesidades profesionais. Entre as actuacións derivadas deste principio destaca o Marco Estratéxico da UE en materia de Saúde e Seguridade no Traballo 2021-2027.
Capítulo III. Protección e inclusión social
Principio 11: Atención e apoio á infancia. Implica o dereito a servizos de educación e coidado de calidade, que impulsou a Estratexia da UE sobre os Dereitos do Neno e a Garantía Infantil Europea. Principio 12: Protección social. Recoñece o dereito á protección social das persoas traballadoras con independencia do tipo e da duración da relación laboral. Concretouse na Recomendación do Consello de 8 de novembro de 2019 relativa ao acceso á protección social para os traballadores por conta allea e por conta propia. Principio 13: Prestacións por desemprego. Implica o dereito das persoas en situación de desemprego a acceder a prestacións económicas axeitadas, que non desincentiven o retorno ao mercado de traballo. Principio 14: Renda mínima. Declara que as persoas sen recursos suficientes deben contar cunha protección que lles garanta unha vida digna. A súa principal concreción foi a Recomendacion do Consello de 30 de xaneiro de 2023 sobre unha renda mínima axeitada que procure a inclusión activa. Principio 15: Pensións e prestacións de vellez. Este principio recoñece o dereito das persoas maiores a uns ingresos axeitados e a unha pensión de xubilación acorde as súas achegas. Principio 16: Sanidade. Aborda o dereito de toda persoa a acceder a servizos sanitarios de calidade. Principio 17: Inclusión das persoas con discapacidade. Esixe unha renda que garantice unha vida digna, servizos que lles permitan participar no mercado laboral e unha contorna de traballo adaptada as súas necesidades. Como desenvolvemento deste principio, a UE promoveu a Estratexia Europea sobre os Dereitos das Persoas con Discapacidade 2021-2030. Principio 18: Coidados de longa duración. Recoñece o dereito de toda persoa a coidados de longa duración asequibles e de boa calidade, concretados na Estratexia Europea de Coidados. Principio 19: Vivenda e asistencia ás persoas sen fogar. Promove as vivendas sociais ou axudas, a protección fronte ao desaloxo forzoso e a inclusión social das persoas en fogar. Principio 20: Acceso aos servizos esenciais. Declara o dereito de toda persoa a acceder a servizos básicos como a auga, a enerxía, o transporte ou as comunicacións.
Natureza xurídica O PEDS non constitúe un instrumento xurídicamente vinculante nin crea directamente dereitos esixibles perante os tribunais. Trátase dun instrumento de soft law destinado a orientar a actuación das institucións da Unión Europea e dos Estados membros no ámbito social e laboral.
Plan de Acción do PEDS Co fin de transformar os principios do PEDS en medidas concretas, a Comisión Europea aprobou en 2021 o Plan de Acción do Piar Europeo de Dereitos Sociais, posteriormente respaldado polo Cumio Social do Porto, no que se avaliaron as consecuencias da crise do COVID-19 para os dereitos sociais europeos e se propuxeron posibles solucións.