Fuerza Nueva foi unha revista política publicada en España entre 1967 e 2017 que estaba, ideoloxicamente, vinculada ao franquismo.

Historia Publicado pola editorial e asociación do mesmo nome, fundada o 2 de maio de 1966, e con Blas Piñar como promotor, o seu primeiro número apareceu o 4 de xaneiro de 1967, cun número cero o 14 de decembro de 1966, coincidindo co día do referendo da Lei Orgánica do Estado.

Tras a aparición do partido político Fuerza Nueva, converteuse na súa publicación oficial que, con todo, se disolveu trala súa derrota electoral en 1982.

Evolución Publicábase semanalmente e quincenalmente. O seu contido era, principalmente, antiesquerdista e proclive a un golpe militar que puxese fin á monarquía constitucional e adoitaba reproducir os discursos de Blas Piñar. Malia que o partido homónimo tiña pactos electorais con Falange, nunca abriu as súas páxinas a autores da contorna falanxista, en reciprocidade ao silencio sobre os seus líderes e actos por parte dos boletíns falanxistas.

Tamén tiña temática política e relixiosa concentrada en 3 eixos: situación política española, política nacional e clero e relixión Ideoloxicamente estaba vencellada a unha defensa inquebrantable dos valores franquistas e a unha crítica das iniciativas reformistas dentro do réxime.

Alcanzou a súa maior tirada arredor de 1979. Continuou a publicarse, brevemente, no século XXI durante 2011 e 2012 e despois pasou a publicarse na web de xeito descontinuo. O seu derradeiro número, o 1466, foi publicado en marzo de 2017.

Tivo 5 secuestros gubernativos por choques ou ataques á postura oficial do goberno en cada momento. Os númerso secuestrados foron: o 163, por reproducir un panfleto que contiña unha declaración do comité executivo do Partido Comunista de España dentro dun artigo de defensa das institucións franquistas; o número 251 (30 de outubro de 1971), por incluír extractos dun discurso pronunciado por Piñar no Teatro Príncipe de Valencia, no que se referira á política exterior do Goberno en termos moi negativos; o número 318 (10 de febreiro de 1973), por un artigo satírico e despectivo dirixido ao Ministro de Asuntos Exteriores, o tecnócrata Gregorio López Bravo; o número 319 (17 de febreiro de 1973), por atacer duramente o Ministro do Interior —e, por extensión, o Goberno— tras o secuestro do industrial Huarte por ETA; e o número 324 (24 de marzo de 1973), por publicar unha carta de despedida de Piñar ao embaixador taiwanés en España, despois de que o Goberno de Franco establecese relacións diplomáticas co Goberno da República da China.

Aínda que comezara con moi poucos suscriptores, en 1979, contaba cuns 13.000 en total e tiraba 45.000 exemplares, vendidos por todo o estado, e foi momento cimeiro da súa influencia, coincidindo co momento en que Blas Piñar acadou a acta de deputado. A partir do ano seguinte, comezou a decadencia, cando diversos militantes víronse implicados en accións terroristas que foron desprestixiando a causa. En decembro de 1982, pasou a ser quincenal e reduciu a súa extensión a corenta páxinas.

Directores Tivo como primeiro director a J. Jesús Mora, seguido de Antonio de Agustín, Francisco Sáez, Manuel Ballesteros (de febreiro de 1969 a novembro de 1975), agás uns poucos meses nos que foi directora unha muller (Raquel Heredia), Pedro Rodrigo (de novembro de 1975 a febreiro de 1978), outra vez Manuel Ballesteros e a continuación, durante moitos anos, Luis Fernández-Villamea.

Tivo como colaboradores ao propio Blas Piñar, César Esquivias, Juan Nuevo, José Luis Gómez Tello, Vicente Cerezo, Xavier Domínguez Marroquín, Guillermo García de Herraquín, Ismael Herraiz, Waldo de Mier, Rafael García Serrano, Guillermo Fraile, Vintila Horia, Ángel Ruiz Ayúcar, Eduardo Comín Colomer, Francisco Alemany, José Luis Pérez, Ernesto Milà, Jorge Mota, Mariano de Zarco, os sacerdotes Miguel Oltra e Venancio Marcos, e frei Antonio de Lugo, entre outros.

Notas

Véxase tamén

Bibliografía

Outros artigos

Fuerza Nueva Blas Piñar

Categoría:Revistas en lingua castelá Categoría:Revistas editadas en Madrid Categoría:Revistas de España desaparecidas Categoría:Revistas de extrema dereita Categoría:Extrema dereita en España Categoría:Revistas españolas do século XX Categoría:Revistas españolas do século XXI