A α-amanitina (alfa-amanitina) é un péptido cíclico de oito aminoácidos (octapéptido). Posiblemente é a máis tóxica de todas as amatoxinas, toxinas que se encontran en varias especies de cogomelos do xénero Amanita, entre elas a Amanita phalloides e un complexo de especies similares, principalmente A. virosa e A. bisporigera. Tamén se encontra nos cogomelos Galerina marginata, Lepiota subincarnata e Conocybe rugosa. A LD50 oral desta amanitina é 100 μg/kg en ratas.

As amatoxinas (e falotoxinas) forman parte da clase de produtos naturais dos RiPP. Os xenes que codifican a proproteína da α-amanitina pertencen á mesma familia que os que codifican a falacidina (unha falotoxina).

Uso científico A α-amanitina é un inhibidor selectivo das ARN polimerases II e III pero non da I. Este mecanismo fai que sexa unha toxina mortal.

A α-amanitina tamén se pode usar para determinar que tipos de ARN polimerase están presentes. Isto faise testando a sensibilidade da polimerase en presenza da α-amanitina. A ARN polimerase I é insensible, a ARN polimerase II é moi sensible (inhibida a 1μg/mL), a ARN polimerase III é moderadamente sensible (inhibida a 10μg/mL) e a ARN polimerase IV é lixeiramente sensible (inhibida a 50μg/mL).

Estrutura química A α-amanitina é un octapéptido bicíclico moi modificado que consta dun bucle externo e outro interno. O bucle externo está formado por medio de enlaces peptídicos entre un carboxilo terminal dun aminoácido e o amino terminal do seguinte residuo. O bucle interno está pechado por unha ligazón de triptationina oxidada entre o 6-hidroxi-triptófano e unha cisteína, o cal é responsable de manter a molécula na conformación apropiada para unirse á súa diana proteica. Ademais, a α-amanitina está decorada con cadeas laterais dos aminoácidos modificados (2S,3R,4R)-4,5-dihidroxi-isoleucina, trans-4-hidroxi-prolina, que lle dan a súa alta afinidade pola ARN polimerase II e a III.

Técnicas de detección Os primeiros métodos usados para detectar a α-amanitina incluían a cromatografía en capa fina. Na maioría dos sistemas solventes usados nesta cromatografía, a α-amanitina e a β-amanitina moveríase a diferentes velocidades, permitindo así a identificación individual de cada toxina. Outro dos métodos iniciais era o test de Meixner (tamén chamado test de Wieland), que detectaba amatoxinas, pero tamén daba lugar a falsos positivos para algúns compostos, como a psilocina. Tamén se desenvolveu a electroforese en zona capilar, pero non era adecuadamente sensible para mostras clínicas, pero suficiente para exractos de cogomelos.

Máis recentemente, a cromatografía líquida de alto rendemento (HPLC) converteuse no método preferido, que permite unha mellor resolución, reproducibilidade, e maior sensibilidade. Un conxunto de detectores pode ser comparable á HPLC, como a espectrometría de masas ou de UV.

Na década de 1980, desenvolvéronse os ensaios baseados en anticorpos (inmunoensaios) para a amanitina (pero máis frecuentemente recoñecen as amatoxinas, xa que os anticorpos crean reaccións cruzadas con algúns dos conxéneres). Os primeiros inmunoensaios eran radioinmunoensaios e despois os ensaios inmunoabsorbentes de encimas ligados (ELISAs). Máis recentemente, en 2020, desenvolveuse un inmunoensaio de fluxo lateral baseado en anticorpos monoclonais (similar a un test de embarazo) que pode detectar rapidamente e de forma selectiva amatoxinas en cogomelos e en mostras de urina.

Biosínteses A α-amanitina e outras amatoxinas sintetízanse nos ribosomas e modifícanse a medida por varios encimas. O péptido sintetizado ribosomicamente, chamado péptido precursor, é recoñecido por un encima prolil oligopeptidase B (POPB). A POPB corta o péptido precursor e cicla o restante octapéptido. Despois da ciclación, o péptido é hidroxilado polos encimas P450-29 e FMO1. As hidroxilacións da isoleucina e o triptófano contribúen á unión de alta afinidade da α-amanitina pola ARN polimerase II. Unha maquinaria encimática descoñecida instala a ponte triptationina.

Síntese total Matinkhoo et al. idearon estratexias para superar tres complicacións na síntese para orixinar α-amanitina en 2018. Primeiro, realizouse a síntese enantioselectiva de (2S,3R,4R)-4,5-dihidroxiisoleucina compatible coa síntese de péptidos en fase sólida en 11 pasos a partir de 2-(benciloxi)acetaldehido. Dous pasos clave definitorios da estereoquímica inclúe a crotilación de Brown nas posicións (3R,4R) e a síntese de aminoácidos de Strecker asimétrica no (2S)-carbono α. En segundo lugar, o peche quimioselectivo do anel interno por fluorociclación entre o 6-hidroxitriptófano e a cisteína foi conseguido pola reacción de Savige-Fontana intraanular. Isto require unha síntese de péptido en fase sólida compatible, ácido metiliminodiacético (MIDA), un grupo protector do boro, e un aminoácido ortogonal en 5 pasos. Como paso final, a oxidación enantioselectiva na ligazón de triptationina conseguiuse usando un axente oxidante orgánico voluminoso e un sistema solvente optimizado para permitir o desexado sulfóxido do enantiómero R biorreactivo, completando a síntese total.

Síntomas de envelenamento A α-amanitina ten unha atracción específica especialmente forte polo encima ARN polimerase II. Despois da súa inxestión e captación polas células hepáticas, únese ao encima ARN polimerase II, causando a citólise dos hepatocitos. Aparecen poucos efectos nas primeiras dez horas; non é infrecuente que os efectos significativos tarden en aparecer 24 horas desde a inxestión, e este atraso dos síntomas fai que o envelenamento por α-amanitina sexa máis difícil de diagnosticar e máis perigoso. Entón, xa pasou demasiado tempo como para que un lavado estomacal sexa eficaz. A diarrea e as cambras son os primeiros síntomas, pero despois pasan, dando un signo falso de remisión. Tipicamente, no 4º e 5º días, a toxina empeza a ter efectos graves sobre o fígado e riles, orixinando unha insuficiencia total de ambos os sistemas. A morte adoita producirse unha semana despois da inxestión.

Arredor do 15 % das persoas envelenadas morren nun período de dez días, pasando por un estado comatoso a unha insuficiencia renal, insuficiencia hepática, coma hepático, insuficiencia respiratoria e morte. Os que se recuperan están en risco de padecer un dano hepático permanente. A diagnose é difícil, e establécese por observación dos síntomas clínicos así como pola presenza de α-amanitina na urina. Unha análise de urina é xeralmente máis útil dentro das 48 horas desde a inxestión. O tratamento é principalmente de apoio (lavado gástrico, carbono activado, reposición de líquidos) pero inclúe tamén varios fármacos para contrarrestar as amatoxinas, como a penicilina intravenosa e derivados da cefalosporina, e, en casos de grande inxestión, pode ampliarse a un transplante de fígado ortotópico. O método máis fiable para tratar o envelenamento por amanitina é o lavado gástrico inmediatamente despois da inxestión; porén, se xa se iniciaron os síntomas xeralmente é demasiado tarde para esta opción. No tratamento de intoxicacións graves con substancias hepatotóxicas como o paracetamol e as amanitinas utilízase a silibinina quimicamente modificada, chamada silibinina dihidróxeno disuccinato disodio (nome comercial Legalon SIL).

Modo de acción inhibitoria miniatura|A α-amanitina (vermella) unida á ARN polimerase II de Saccharomyces cerevisiae. De . Baseándose nunha análise da estrutura cristalina de 2002, a α-amanitina interacciona coa hélice ponte da ARN polimerase II (pol II), que é unha alfa-hélice que cruza o sitio de unión aos nucleótidos do ADN. Esta interacción interfire coa translocación do ARN e ADN neesaria para deixar libre o sitio para a seguinte rolda da síntese de ARN. A adición de α-amanitina pode reducir a velocidade á que se traslada a pol II sobre o ADN de varios miles a só uns poucos nucleótidos por minuto, pero ten pouco efecto sobre a afinidade da pol II polos nucleósidos trifosfato e aínda se pode formar un enlace fosfodiéster. A hélice ponte evolucionou para ser flexible e o seu movemento é necesario para a translocación da polimerase ao longo do esqueleto molecular do ADN. A unión da α-amanitina supón unha restrición a esta mobilidade, o que fai máis lenta a translocación da polimerase e a velocidade de síntese da molécula de ARN.

Uso en conxugados anticorpo-fármaco

Unha nova tecnoloxía de conxugado anticorpo-fármaco (ADC polas súas siglas en inglés) baseada na α-amanitina mostrou actividade sobre células tumorais resistentes á terapia, por exemplo, células que expresan transportadores resistentes a multifármacos, células que están iniciando un tumor e células que non se dividen a concentracións picomolares.

O específico modo de acción da α-amanitina parece facer que os conxugados anticorpo-fármaco baseados na amanitina sexan unha carga tóxica adecuada. Esta toxina ten unha estrutura hidrosoluble, o que resulta en conxugados anticorpo-fármaco con baixa tendencia á agregación.

Houbo avances clínicos significativos en 2025 e 2026 co fármaco candidato producido por Heidelberg Pharma chamado HDP-101 (pamlectabart tismanitina), un conxugado anticorpo-fármaco baseado en amanitina que ten como diana o BCMA (tecnoloxía ATAC) para casos de mieloma múltiple recorrentes ou refractarios. Nos ensaios en fase I/IIa en marcha (NCT04879043), a escalada de doses aumentouse con seguridade ata os 218 µg/kg sen chegarse a unha dose máxima tolerada, e a dose recomendada en fase IIa foi seleccionada en abril de 2026. O programa recibiu a designación de Fast Track (vía rápida) da FDA estadounidense en outubro de 2025. Nas cohortes con doses máis altas (90–140 µg/kg), as velocidades de resposta globais chegaron ao 38–57 %, con varios pacientes fortemente tratados, incluíndo nos que fallou unha terapia previa dirixida ao BCMA, chegándose a rigurosas remisións completas que duraron máis dun ano. O perfil de seguridade permaneceu favorable, con eventos adversos principalmente de suaves a moderados e manexables e ningunha hepatotoxicidade clinicamente relevante, nin toxicidade ocular ou trastorno renal. Eses resultados salientan a tradución clínica do mecanismo independente do ciclo celular da α-amanitina, que toma como diana tanto as células tumorais proliferantes coma as células nai cancerosas quiescentes. A plataforma ATAC está tamén conseguindo avances en tumores sólidos. Os conxugados que teñen como diana TROP2 baseados no anticorpo hRS7 conseguiron a erradicación completa de tumores en modelos de xenoenxerto derivados de pacientes de cancro de páncreas e cancro de mama triplo negativo, superando en resultados o xa aprobado conxugado anticorpo-fármaco sacituzumab govitecan. En xaneiro de 2026, Takeda iniciou un ensaio clínico en fase I/II dun candidadato de ATAC para tumores sólidos. Heidelberg Pharma ADC Portfolio

Notas

Véxase tamén Outros atigos Intoxicación por cogomelos velenosos Conxugado anticorpo-fármaco Amanitina

Ligazóns externas Heidelberg Pharma, GmbH

Categoría:Péptidos cíclicos Categoría:Amatoxinas Categoría:Hepatotoxinas Categoría:Inhibidores encimáticos Categoría:Inhibidores da ARN polimerase Categoría:Sulfóxidos