A β-amanitina (beta-amanitina) é un péptido cíclico de oito aminoácidos. Forma parte do grupo de toxinas chamadas amatoxinas, que se poden encontrar en varios cogomelos do xénero Amanita. Algúns exemplos son Amanita phalloides e outros membros como A. virosa e A. bisporigera. Debido á presenza de α-amanitina, β-amanitina, γ-amanitina e ε-amanitina, estes cogomelos son altamente letais para os seres humanos. miniatura|Amanita phalloides
Toxicidade A dose letal das amanitoxinas é de 0,1 mg/kg de peso corporal en humanos. Un cogomelo de Amanita tóxico como media contén 3–5 mg de amanitoxinas, así que uns 40–50 g de cogomelo poderían matar un adulto medio. Nos Estados Unidos, a Administración de Saúde e Seguridade Laboral (OSHA) permite unha exposición media ponderada no tempo de ata 5 mg/m3 de po de β-amanitina."β-Amanitin", Consultado o 12 de marzo de 2013.
Síntomas da exposición A β-amanitina pode causar irritación no tracto respiratorio, dor de cabeza, mareos, náuseas, dificultades respiratorias, tose, insomnio, diarrea, trastornos gastrointestinais, dor de costas, frecuencia urinaria, danos hepáticos e renais, ou morte se é inxerida ou inhalada. Se a β-amanitina se pon en contacto coa pel, pode causar irritación, queimaduras, avermellamento, dor grave e podería ser absorbida a través da pel, causando efectos similares aos da exposición por inhalación ou inxestión. O contacto cos ollos pode orixinar irritación, queimaduras da córnea e danos oculares. As persoas con trastornos preexistentes cutáneos, oculares ou do sistema nervioso central, trastornos hepáticos, renais ou pulmonares poden ser máis susceptibles a esta substancia.
Mecanismo de acción fisiolóxico A β-amanitina pode viaxar polo torrente circulatorio e chegar aos distintos órganos do corpo. Aínda que causa danos en todos os órganos, os danos no fígado e corazón poden ser mortais. A nivel molecular as toxinas amantinas danan as células destes órganos. Poden causar tamén alteracións na membrana plasmática e poden orixinar que orgánulos que normalmente están no citoplasmas e encontren na matriz extracelular. A beta-amanitina é tamén un inhibidor da ARN polimerase II e ARN polimerase III eucariotas, e como resultado, da síntese de proteínas en mamíferos. Non se encontrou que inhiba a ARN polimerase I nin a ARN polimerase bacteriana."β-Amanitin from Amanita phalloides", Consultado o 12 de marzo de 2013. Como inactiva as ARN polimerases, o fígado é incapaz de reparar os danos que causa a beta-amanitina aos hepatocitos, que se desintegran (citólise) e o fígado pouco a pouco se destrúe."Polypeptide Toxins in Amanita Mushrooms", "Cornell University", Consultado o 12 de marzo de 2013.
Análise científica Debido á súa letalidade e difundida presenza nos cogomelos do xénero Amanita, que se encontran en todo o mundo, a β-amanitina foi amplamnte estudada no campo da bioquímica de proteínas. En particular, William Lipscomb, premio Nobel, contribuíu grandemente a caracterizar esta proteína. Non só determinou como conseguir recuperar e purificar esta proteína potencialmente mortal, senón que tamén determinou a súa estrutura molecular por cristalografía de raios X nunha época e que esta técnica aínda non se utilizaba amplamente.
Recollida e purificación Debido á súa extrema letalidade, así como porque está dispoñible comercialmente só en certo período e despois é extremadamente cara, fanse recollidas de Amanita phalloides silvestre para poder obter a partir dela a β-amanitina. Isto conseguiuse por primeira vez a patir de exemplares de A. phalloides en Nova Jersey en 1975. Estes cogomelos secábanse durante 24 horas e despois triturábanse nunha picadora con auga. O líquido creado era homoxenizado antes de que se rompesen as células intactas, e despois recollíase un extracto con aspecto de xarope marrón que contiña as toxinas. Este extracto era sometido despois a varios métodos de separación para illar as toxinas. As toxinas eran despois desalgadas e pasadas por varios métodos de sephadex e de purificación de proteínas ácida.
Cristalización A estrutura da β-amanitina determinouse por cristalografía de raios X. A cristalización e análise realizárona Edward C. Kostansek e William H. Lipscomb en 1978. Cristalizárona disolvendo e purificando unha mostra en etanol case puro nun matraz redondo. O matraz deixouse aberto toda a noite e formáronse os cristais a medida que se evaporaba o etanol. Isto considérase unha forma incriblemente fácil de realizar unha cristalización.
Notas
Véxase tamén Outros artigos Intoxicación por cogomelos velenosos Amanitina
Categoría:Péptidos cíclicos Categoría:Amatoxinas Categoría:Hepatotoxinas Categoría:Sulfóxidos