Muras é un concello da provincia de Lugo, pertencente á comarca da Terra Chá. Segundo o IGE, en 2018 tiña 636 habitantes (926 no 2006, 941 no 2005, 978 no 2004, 1.020 no 2003).

Xeografía O concello ten 164 km², e abrangue 8 parroquias. Limita ao norte con Ourol, ao sur con Vilalba e Xermade, ao leste co Valadouro e Abadín e ao oeste coas Pontes de García Rodríguez (provincia da Coruña). Atópase a menos dunha hora dos núcleos urbanos próximos como Ferrol, A Coruña ou Lugo.

Historia Na zona consérvanse restos de asentamentos prehistóricos. A documentación máis antiga data do século XII, mencionando o castelo de Muras, propiedade dos condes de Lemos.

O municipio constituíuse como tal en 1835, e estivo integrado até 1965 no partido xudicial de Viveiro. Até 1988 pertenceu ao de Mondoñedo, e na actualidade está integrado no de Vilalba.

En Muras publicáronse os periódicos El Eco Murense (1914) e El Progreso Murés (1915).

Patrimonio A igrexa de San Pedro de Muras ten tres naves con planta de cruz latina enmarcada nun rectángulo. A torre do campanario, de estilo barroco e construída en 1846, non forma parte no conxunto.

A torre de Silán e o pazo conservan portas e fiestras de estilo gótico. O recinto feiral do Viveiró atópase abandonado.

En 1983 atopouse en Muras un achado de moedas de prata de Pedro I de Castela (1350-1369), que foron depositadas no Museo Provincial de Lugo e no Museo Arqueolóxico e Histórico do Castelo de San Antón, da Coruña."Tesouriño de Muras (Lugo)". En Balseiro García, A. (coord.) (2001). Percorridos pola colección numismática do Museo Provincial de Lugo. Páxina 53. Deputación de Lugo. ISBN 978-84-8192-573-9"B.5. Muras". Balseiro García, A. et al. (2021). "Tesoros monetarios del Museo Provincial de Lugo: estudio y difusión". En Actas. XVI Congreso Nacional de Numismática (Barcelona, 28, 29 y 30 de noviembre de 2018). Tomo II. RCM-FNMT, Madrid. Páxina 773. ISBN 978-84-89157-85-9

Poboación

Censo total 636 (2018) Menores de 15 anos 32 (5.03 %) Entre 15 e 64 anos 332 (52.20 %) Maiores de 65 anos 272 (42.77 %)

Economía A economía do municipio depende en gran parte dos sectores agrícola e industrial, nos que destacan as empresas Plásticos Ferro SL, Hypor España G P SA, Técnica de Envases Pesqueros TEP SA, ER2 envasado con retorno y reutilización SA, e Trans Gra-Mur SL.

Un sector de recente implantación nesta zona é o da produción de enerxía eólica, con importantes investimentos das empresas Iberdrola, Acciona, Ecyr e Norvento, que supón o aproveitamento do potencial que ten Muras na actividade das enerxías renovables.

Tamén son importantes os ingresos económicos procedentes do emprego ofertado polos concellos limítrofes: a industria das Pontes, e os servizos de Vilalba e Viveiro.

Galería de imaxes

Lugares de Muras Para unha lista completa de todos os lugares do concello de Muras vexa: Lugares de Muras.

Parroquias

Notas

Véxase tamén

Outros artigos Tesouro de Muras Serra da Gañidoira Ligazóns externas Web do Concello de Muras Toponimia de Muras

Categoría:Muras