Arriba foi un periódico español, órgano oficial de Falanxe Española. Foi fundado orixinalmente o 21 de marzo de 1935 por José Antonio Primo de Rivera, como formato de semanario. Publicouse entre 1935 e 1936.

O 5 de marzo de 1936 foi suspendido polas autoridades da Segunda República, prohibición que continuaría durante algúns anos máis debido ao inicio da guerra civil. Coa ocupación de Madrid polas tropas franquistas, os falanxistas incautáronse das instalacións do diario El Sol, e Arriba reapareceu o 29 de marzo de 1939 como diario propiedade de Prensa del Movimiento. A partir de entón constituíu o periódico oficial do réxime franquista, ao longo de catro décadas. Tras a morte de Franco, o 15 de xuño de 1979 o Consello de Ministros dispuxo o peche do periódico e ao día seguinte publicouse o seu último número.

Historia Primeira época

Entre 1933 e 1934, a Falanxe xa publicara un semanario de curta existencia, F.E., que constituíu o seu órgano oficial de expresión.

Arriba foi fundado orixinalmente o 21 de marzo de 1935 como semanario, aínda que con formato diario. Dirixido por José Antonio Primo de Rivera, tivo a súa redacción na sede central do partido, no número 3 da madrileña Cuesta de Santo Domingo. Inicialmente constaba de seis páxinas, pero a partir do número catorce o tamaño reduciuse a catro páxinas. Nesta época destacaron as publicacións de autores falanxistas como Ernesto Giménez Caballero ou Maximiano García Venero. O semanario chegou a estar financiado polo Ministerio de Prensa y Propaganda de Italia a través da embaixada italiana en París.

No contexto da década de 1930, o antisemitismo do líder falanxista non era de carácter racial, como o característico do nazismo, senón relixioso, bebendo das fontes do antixudaísmo tradicional no catolicismo. Un caso particular foi o dos grandes almacéns SEPU, que sufriron unha forte campaña na súa contra por parte da Falanxe. O semanario Arriba acusou directamente esta compañía de explotar os seus empregados, gozando dalgún tipo de convivencia co poder:

Esta campaña, que comezou desde o primeiro número do periódico, foi sistemática, foi contemporánea no tempo e estivo inspirada nos asaltos nazis aos comercios xudeus na Alemaña. En 1935, a sucursal de SEPU en Madrid foi asaltada por militantes da Falanxe, ademais da rotura dos seus cristais en reiteradas ocasións.

O semanario foi suspendido polas autoridades entre o 4 de xullo e o 31 de outubro de 1935, tras publicar un artigo que atacaba duramente a CEDA. O 5 de marzo de 1936 a publicación de Arriba foi novamente suspendida polas autoridades republicanas. Este novo cesamento produciuse nun contexto no que as actividades da Falanxe foron suspendidas e os seus locais clausurados pola crecente violencia na rúa dos falanxistas. Ata esa data publicáranse 34 números de Arriba.

Ditadura franquista

A suspensión continuou durante a guerra civil. Tras o estalido da contenda, na zona sublevada xurdiron numerosas publicacións periódicas baixo o título de Arriba. Unha delas foi o diario Arriba España, fundado en Pamplona o 1 de agosto de 1936 polo clérigo navarro Fermín Izurdiaga.

O 28 de marzo de 1939, coincidindo coa entrada das tropas franquistas en Madrid, a redacción do diario El Sol foi confiscada por un grupo de falanxistas. A tarde dese mesmo día saíu á rúa unha edición especial de Arriba. A partir dese momento volveu publicarse o antigo órgano falanxista. Ao día seguinte publicouse o seu primeiro número regular, que a partir de entón comezou a circular diariamente e se configurou como o órgano oficial de FET y de las JONS. Desde 1940 pasou a formar parte da Cadena de Prensa del Movimiento, converténdose no periódico cabeceira de todos os diarios do Movemento. Este feito e o de ter sido fundado por Primo de Rivera conferíronlle ao diario unha importante posición política e profesional. Arriba constituíu o órgano doutrinal do réxime franquista, chegando mesmo a marcar a liña editorial de moitos diarios provinciais pertencentes ao Movemento. E, a diferenza doutras publicacións non controladas polo réxime, Arriba estivo exento da censura previa que se aplicaba de acordo coa lei de Prensa. Nos seus primeiros anos Arriba foi dirixido polo xornalista Xavier de Echarri, acadando unha difusión moi ampla.

Tras o final da guerra o diario tivo a súa sede editorial na calle Larra, e posteriormente trasladouse a un gran edificio no número 142 do Paseo de la Castellana, denominado naquela época avenida do Generalísimo.

Na década de 1940, Arriba destacou por ser portavoz da ala máis radical do falanxismo. En maio de 1941 un artigo redactado por Dionisio Ridruejo —director xeral de Propaganda— e enviado polo tamén falanxista Antonio Tovar —director xeral de Prensa—, que levaba por título El hombre y el currinche en referencia pouco velada a Valentín Galarza, foi publicado en Arriba na páxina número 4 do día 8. Galarza, militar conservador e antifalanxista, fora nomeado ministro da Gobernación a comezos de mes; desde este posto realizou unha purga de falanxistas «camisas vellas». O artigo tivo un forte impacto e, como era de esperar, provocou un profundo malestar en Galarza e entre os círculos militares da época. Como consecuencia, o 18 de maio Tovar e Ridruejo foron fulminantemente destituídos dos seus postos no departamento de Prensa e Propaganda.

Tras o estalido da Segunda Guerra Mundial, unha parte da prensa española adoptou un marcado ton filonazi. O diario Arriba non foi alleo a esta tendencia, e en outubro de 1940 —durante a visita a Madrid do líder nazi Heinrich Himmler— o diario non escatimou en eloxios cara ao dignatario estranxeiro, chegando a comentar que «con homes como Himmler chegan ao seu cénit os estados fortes». O propio director do diario, Echarri, realizou unha viaxe promovida a Alemaña, onde visitou varias instalacións da prensa nazi. Tras a invasión da Unión Soviética polas tropas alemás, o 24 de xuño de 1941 o periódico sumouse á corrente xermanófila e cualificou Alemaña como «a redentora de Europa». Durante 1941 e 1942 o Arriba seguiu promovendo Alemaña e a División Azul, a unidade formada por españois que combatía na Unión Soviética en apoio dos exércitos nazis. Mesmo despois de 1943, cando o rumbo da guerra cambiara a favor dos aliados, Arriba seguiu apoiando a causa da Alemaña nazi. Outro exemplo desta liña editorial constitúeo a edición do 30 de abril de 1945, o día en que Hitler se suicidou no seu búnker de Berlín. Arriba non mencionou que Hitler se quitara a vida e deu a noticia co titular: «Europa tributa honores ao seu excelso fillo, Adolf Hitler».

thumb|Sede central de Arriba en Madrid, entre 1962 e 1979.|211x211px

Durante os anos posteriores os seus editoriais seguiron actuando como un verdadeiro órgano oficial do réxime. Un exemplo disto foi durante a celebración en 1962 do IV Congreso do Movemento Europeo en Múnic; o evento constituíu unha reunión da oposición antifranquista e acadou unha gran repercusión internacional. O diario reaccionou cualificando despectivamente o encontro como o «Contubernio de Múnich». Outro caso famoso foi un artigo publicado en portada por Arriba o 28 de abril de 1974 —o coñecido como «Gironazo», por ser José Antonio Girón de Velasco o seu autor—, contrario aos tímidos intentos de apertura da ditadura que algúns sectores impulsaran desde dentro do réxime. O artigo causou un forte impacto na sociedade española da época, e mesmo no seo da propia ditadura, xa que deixou entrever as disensións internas que existían dentro do sistema. Ao final, o «Gironazo» acabou provocando a caída de varios aperturistas, entre eles o ministro de información Pío Cabanillas.

Pola dirección do diario pasaron Ismael Herráiz, Rafael García Serrano, Adolfo Muñoz Alonso, Jesús Fueyo Álvarez, Vicente Cebrián, Alejandro Armesto, Rodrigo Royo, Sabino Alonso Fueyo, Manuel Blanco Tobío, Jaime Campmany, Félix Morales ou Antonio Izquierdo, entre outros. Izquierdo era o director do diario cando se produciu o incidente do «Gironazo».

Últimos anos

Aínda que nos seus primeiros anos de vida gozou dunha importante difusión, pasados os anos da posguerra o número de lectores caeu progresivamente, a pesar de seguir constituíndo o diario máis importante da «Prensa del Movimiento». Por exemplo, en 1971 a media de vendas caera a só 10.883 exemplares. Isto traducíase en importantes perdas económicas para o Estado. A comezos da década de 1970, de entre todos os diarios que compoñían a «Prensa del Movimiento», o que maiores perdas tiña era Arriba, cun saldo negativo de case cincuenta millóns de pesetas. Porén, a pesar destas cifras, durante os últimos anos do franquismo o diario aínda tivo unha certa presenza entre o público. A distribución e a situación económica de Arriba non melloraron tras a morte do ditador Francisco Franco en 1975, senón todo o contrario. En 1977 as perdas aumentaran ata os 157 millóns de pesetas e a media de vendas era de 11.681 exemplares.

Do mesmo xeito que o popular Pueblo —pertencente á Organización Sindical—, tras a morte de Franco o diario Arriba non mostrou ningún fervor monárquico e aceptou a Juan Carlos de Borbón como o seu sucesor só por obediencia legal. Porén, símbolo dos novos tempos que se vivían foi o feito de que Arriba publicase dous editoriais conxuntos —xunto a outros periódicos abertamente democráticos como Diario 16 e El País— con motivo da «matanza de Atocha» e da legalización do PCE. Coincidindo co proceso da Transición, en 1977 o diario integrouse no organismo público Medios de Comunicación Social del Estado (MCSE). Porén, nos anos seguintes o número de lectores seguiu caendo, ata ter unha tiraxe diaria moi pequena. En 1978 a media de vendas foi de só 7823 exemplares. O 15 de xuño de 1979 o Consello de Ministros decidiu pechar o diario pola súa situación económica deficitaria, e ao día seguinte publicou o seu último número. Xunto con Arriba clausuráronse outros diarios da cadea —como Amanecer, Solidaridad Nacional ou Libertad— e a axencia de prensa Pyresa. O peche de Arriba supuxo que o ultradereitista El Alcázar ocupase o seu lugar como periódico dos simpatizantes falanxistas, e que ademais se consolidase no papel de principal diario da extrema dereita.

Notas

Referencias

Véxase tamén

Bibliografía

Alférez, Antonio (1986). Cuarto poder en España: la prensa española desde la ley Fraga 1966. Barcelona: Plaza y Janés. Álvarez Chillida, Gonzalo (2002). El antisemitismo en España: la imagen del judío, 1812-2002. Madrid: Marcial Pons Historia. ISBN 8495379449. Texto en Google Books. Arasa, Daniel (2008). Historias curiosas del franquismo. Barcelona: Robinbook. Bernardo, José et al. (2009). De Azorín a Umbral: Un siglo de periodismo literario español. Madrid: Netbiblo. Bowen, Wayne H. (2000). Spaniards and Nazi Germany: Collaboration in the New Order. Madison: University of Missouri Press. Texto en Google Books. Cardona, Gabriel (1989). El 18 de julio: La sublevación paso a paso. Volume I. Historia 16. Checa Godoy, Antonio (1989). Prensa y partidos políticos durante la II República. Salamanca: Universidad de Salamanca. ISBN 84-7481-521-5. Checa Godoy, Antonio (2008). Historia de la Comunicación: de la crónica a la disciplina científica. La Coruña: Netbiblio. Clemente, José Carlos (1989). Historias de la transición: el fin del apagón, 1973-1981. Madrid: Fundamentos. ISBN 84-245-0664-2. De las Heras Pedrosa, Carlos (2000). La prensa del movimiento y su gestión publicitaria, 1936-1984. Málaga: Universidad de Málaga. Texto en Zenodo. DOI: 10.5281/zenodo.2603453. Egido León, María de los Ángeles (1987). La concepción de la política exterior española durante la II República (1931-1936). Madrid: Universidad Nacional de Educación a Distancia (UNED). Esteban, José (2000). El Madrid de la República. Madrid: Sílex. Ferrer Benimeli, José Antonio (1995). La masonería en la España del siglo XX. Volume I. Universidad de Castilla-La Mancha.