Alateo (ou Odoteo, denominado así por Claudiano; en latín: Alatheus/Odathaeus), morto no 387, foi un xefe e caudillo grutungo. As súas orixes son incertas. Mentres García Moreno afirma que, probabelmente, era un membro da dinastía dos Amalos e que fora pai do rei Ataúlfo (r. 410–415), outros historiadores discrepan desta idea.

Traxectoria Alateo aparece citado por vez primeira no 376 na obra de Amiano Marcelino. Nese momento, trala morte de Vitimiro, o caudillo dos grutungos, loitando contra os hunos, quedou encargado como rexente xunto con Sáfrax, de protexer a Viderico, o fillo de Vitimiro. Nesa época, segundo o relato, posuía un estatuto equivalente ao do dux romano. Despois de seren derrotados polos hunos, xunto con Sáfrax, comandou ao grupo dos grutungos que se negaron a seren dominados polos hunos até as beiras dos Dniester.

No 376, os dous caudillos xunto a outro oficial gótico chamado Farnobio, marcharon cara ao Danubio, cando os tervingos de Fritixerno acababan de cruza-lo río co permiso imperial do emperador Valente (reinado 364-378), pero a eles non se lles concedeu.

Guerra Gótica de 376–382 Finalmente, conseguiron cruza-lo río e penetrar no imperio romano e, dende ese momento, comandou varias incursións contra o Imperio Romano de Oriente entre 376 e 387. Así,no 377, aliados cos nobres tervingos Fritixerno e Alavivo, derrotaron un exército romano na batalla de Ad Salices (baixo Danubio). Pouco despois, participou xunto con Sáfrax, de novo aliados cos tervingos, na batalla de Adrianópole (378), durante a cal comandou a maior parte da cabalaría grutunga. O seu papel foi decisivo na destrución do flanco esquerdo da cabalaría romana durante a batalla e o posterior cerco á infantaría pesada dos xenerais Traxano e Víctor, que deu a vitoria ao bando bárbaro.

Trala batalla de Adrianópole, separáronse dos tervingos e saquearon varias cidades de Tracia e o norte de Grecia e partiron cara a Panonia, que tamén foi saqueada.

Asentamento en Panonia Finalmente, conseguiron negociar a paz co emperador occidental Graciano (reinado 367–383), quen firmou un tratado polo que os seus grutungos poderían asentarse en Panonia. Alateo e Sáfrax permaneceran tranquilos durante un tempo mais polo 386, cando intentaban atravesar o Danubio para se internar no Imperio romano, foron derrotados polo xeneral romano Prómoto, ás ordes de Teodosio I o Grande. Trala derrota, asentouse na desembocadura do Danubio cos seus homes, ata que decidiu enfrontarse de novo a Prómoto no 387, sendo esta a súa última batalla, xa que morreu durante o combate coas tropas romanas.

Notas

Véxase tamén

Bibliografía

Outros artigos

Grutungos

Ostrogodos

Categoría:Ostrogodos Categoría:Finados en 387 Categoría:Mortos en combate