Teodomiro (en latín: Theodemir) ou Tiudimiro (Thiudimir) nado en data descoñecida e finado no 474, foi o primeiro rei ostrogodo da dinastía dos Amalos, e pai de Teodorico o Grande.
Traxectoria Xordanes, no seu libro De origine actibusque Getarum, indica que foi fillo e sucesor de Vandalarius e que casou con Ereleuva, con quen tivo dous fillos: Teodorico e Amalafrida. Teodomiro era ariano mais a súa esposa, Ereluva, era católica e tomou o nome romano de Eusebia no seu bautismo.
Vasalo de Atila Gobernaba conxuntamente cos seus dous irmáns, Valamiro e Videmiro. Como vasalo de Atila, participou nas conquistas levadas a cabo por el das terras romanas no Danubio e tamén participou, do seu lado, na batalla dos Campos Cataláunicos fronte a unha coalición de romanos, comandados polo xeneral Flavio Aecio, visigodos, dirixidos por Teodorico I, e outros pobos xermánicos como xépidos, alanos e francos. Ao perder Atila, nesta batalla a súa imbatibilidade, algúns dos seus vasalos, como os ostrogodos, decidiron rebelarse.
Tras a morte de Atila, e a conseguinte guerra civil entre os seus fillos, Teodomiro mantivo a rebelión conseguindo, en coalición cos xépidos, definitivamente, durante o inverno de 454, na Batalla de Nedao, a vitoria sobre os hunos que xa comezaban a se desintegrar.
Reino en Panonia Daquela, os godos do seu irmán Valamiro foron establecidos polo emperador Marciano en Panonia entre Sirmio e Vindobona entre 456 e comezos de 457. Valamiro compartiu o poder cos seus irmáns Videmiro e Teodomiro, organizando o reino ostrogodo de Panonia en tres distritos, pero Valamiro era o que tiña o título de rei. Ao morrer Valamiro (468/469), a súa parte do territorio no reino recibiuna o seu sobriño Teodorico, e o seu irmán Teodomiro converteuse en rei.
Tras a guerra contra hérulos, xépidos e esciros polo control da Panonia, no 473, os ostrogodos buscando mellores oportunidades no imperio romano dividíronse. Videmiro dirixiuse cunha porción dos ostrogodos cara a Italia, pero foi derrotado e o emperador Glicerio situouno na Galia xunto cos seus parentes os visigodos. Pola súa parte, Teodomiro quedou como único rei dos ostrogodos de Panonia.
Pouco despois, co apoio imperial, desprazouse a través dos Balcáns cara a Tracia, requiridos polo emperador, pois un xeneral ostrogodo, Teodorico Estabón, rebelárase e proclamárase rei, polo que ameazaba a posición rexia de Teodomiro e de seu fillo Teodorico. No 474, os ostrogodos de Teodomiro establecéronse na rexión de Macedonia, e Teodomiro conviertiu a Kyrros no centro do seu novo reino federado do Imperio. Nesta cidade designou a seu fillo Teodorico como sucesor e morreu pouco despois, ese mesmo ano.
Notas
Véxase tamén
Bibliografía
Categoría:Reis dos ostrogodos Categoría:Finados en 474 Categoría:Dinastía Amala