Xosé Carlos Mella Villar, nado no Foxo (A Estrada) o 13 de agosto de 1930 e finado en Santiago de Compostela o 21 de abril de 2026, foi un economista, político e escritor galego.
Traxectoria Estudou a carreira de dereito na Universidade Complutense de Madrid e ciencias económicas na Sorbona de París. Foi director xeral de política financeira do Goberno español, e profesor de Economía Política na Universidade Complutense.
Elixido deputado por UCD nas primeiras eleccións ao Parlamento de Galicia (1981), tras a desfeita de UCD nas eleccións xerais de 1982 liderou un grupo de oito deputados de UCD que pactaron con Alianza Popular entrar no goberno galego, converténdose Mella en vicepresidente para asuntos económicos o 7 de marzo de 1983 do goberno presidido por Xerardo Fernández Albor.
A decisión da Casa Real de designar a Domingo García Sabell para facer a ofrenda do Apóstolo do ano 1984 provocou o malestar do goberno galego ao considerar que o elixido debera ser o Presidente da Xunta. Carlos Mella, nunha rolda de prensa, manifestou que a Casa Real cometera un grave erro político e ofendera a Galicia; duramente criticado desde os medios políticos e de comunicación de Madrid, recibiu non obstante o apoio de Manuel Fraga e da prensa galega; o rei de xira en Suramérica decidiu volver antes de tempo e facer el mesmo a ofrenda poñendo fin á polémica.
Dimitiu por discrepancias con Xosé Luís Barreiro Rivas, o vicepresidente para asuntos políticos, en abril de 1984. Mella integrou o proxecto de partido nacionalista de centro, Coalición Galega co que consegue acta de deputado nas eleccións de 1986, posteriormente secundou a escisión que deu orixe ao Partido Nacionalista Galego, partido que abandonou xunto a Luís Cordeiro logo dunha serie de enfrontamentos que culminaron coa votación contraria do seu partido a unha emenda súa no que se creaba o Instituto de Crédito Galego. Quedou como independente na Cámara o resto da lexislatura. En 1994 encabezou a candidatura do BNG ao Parlamento Europeo, sen saír elixido.
Carlos Mella foi presidente da Asociación de Escritores en Lingua Galega, porén só ocupou o cargo durante vinte días en xullo de 2001. En febreiro de 2013 foi nomeado presidente da Fundación Castelao en substitución de Avelino Pousa Antelo.
Foi presidente do consello de administración de “Carcesa”, de “ Forum Inmobiliario” e de “ Latinoamericana de Financiación”. Foi funcionario da Organización Europea de Cooperación e Desenvolvemento (O.C.D.E.) e representante de España nas Nacións Unidas na primeira conferencia mundial sobre Comercio e Desenrolo. Foi Conselleiro do Banco Hipotecario, conselleiro do Instituto de Planificación Contable e membro do consello de redacción de Economía Financeira Española.
Obras publicadas miniatura
Ensaio Non somos inocentes. Memorias, retrancas e algabarías dun político galego en excedencia (1990). Vigo: Xerais. ISBN 978-8475079974. Irónica revista aos primeiros tempos da política autonómica galega. A Galicia posible (1992). Vigo: Xerais. 152 páxs. ISBN 978-84-7507-653-9. Prólogo de Xosé Manuel Beiras. Unha reflexión sobre Galicia tentando adiviñar o horizonte de futuro. Coa palleta distraida (1994). Culleredo: Espiral Maior. 228 páxs. ISBN 9788488137449. Recopilación de colaboracións periodisticas do autor publicadas no xornal El Correo Gallego entre os anos 1992 e 1994. A falacia do economicismo (1994). Culleredo: Espiral Maior. 104 páxs. ISBN 9788488137234. El pensamiento salvaje. A vueltas con el economicismo (2012). Editorial Edizer.
Narrativa O protocolo xaponés (1992). Santiago: O Correo Galego, Biblioteca 114. 98 páxs. ISBN 84-85553-108. Relatos de ambiente rural. Bieito Bieito (1993). Vigo: Xerais. Novela. 111 páxs. ISBN 847507720x. Luces de Fisterra (2005). Culleredo: Espiral Maior. Unha visión imaxinaria dunha Galicia futura, na que nada tivo que trocar para que todo seguira igual. Peripecias imaxinarias duns persoaxes reais narradas con humor incisivo e mordaz. 111 páxs. ISBN 84-88137-63-X. Memorias dun ninguén (2009). Vigo: Galaxia. 172 páxs. ISBN 978-84-9865-209-3. Sorte do paxariño (2019). Santiago: Sacauntos. 148 páxs. ISBN 978-84-949691-2-6.
Obras colectivas Unha liña no ceo (58 narradores galegos 1979-1996) (1996). Xerais. Narradio. 56 historias no ar (2003). Xerais. Xosé Chao Rego: renacer galego. (Actas do Simposio-Homenaxe) (2010). Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas. Á beira de Beiras. Homenaxe nacional (2011). Galaxia.
Recoñecementos II Edición Premios San Martiño de nomalización lingüística (1992), no Concello da Estrada. Memorias dun ninguén, premio ao "mellor libro de ensaio para adultos de 2009" concedido polos lectores da web Fervenzas Literarias. Premio Trasalba (2022), da Fundación Otero Pedrayo. Vida persoal
Casou con Enriqueta Puig Palá e foi pai de Olga e Carlos Mella Puig. Notas
Véxase tamén
Bibliografía
Ligazóns externas 20px Galegos, da TVG. Entrevista de Literatura Galega do S.XX do alumnado do IES Manuel García Barros
Categoría:Conselleiros da Xunta de Galicia Categoría:Deputados do Parlamento de Galicia por UCD Categoría:Deputados do Parlamento de Galicia por CG Categoría:Escritores de Galicia en lingua galega Categoría:Nados na Estrada Categoría:Nados en 1930 Categoría:Finados en 2026 Categoría:Deputados da I Lexislatura do Parlamento de Galicia Categoría:Deputados da II Lexislatura do Parlamento de Galicia Categoría:Premio Trasalba