O campo de concentración de Auschwitz (en ) foi un complexo de 40 campos de concentración e de exterminio operados pola Alemaña nazi na Polonia ocupada durante a segunda guerra mundial e o Holocausto. Componse de Auschwitz I, o campo principal (Stammlager) en Oświęcim; Auschwitz-Birkenau, un campo de concentración e exterminio construído con numerosas cámaras de gas; Auschwitz III-Monowitz, un campo de traballo creado para achegar persoal a unha fábrica para o conglomerado químico IG Farben; así como ducias de subcampos. Os campos convertéronse nun importante lugar para a Solución final do réxime nazi.
Despois de que Alemaña provocase a segunda guerra mundial coa invasión de Polonia en setembro de 1939, as Schutzstaffel (SS) converteron Auschwitz I, un antigo cuartel do exército polaco, nun campo de prisioneiros de guerra para presos políticos polacos. Os primeiros ocupantes, criminais alemáns levados ó campo en maio de 1940 como funcionarios, estabeleceron a reputación do campo polo seu sadismo, malleiras, torturas e execución de prisioneiros polas razóns máis triviais. Os primeiros gaseamentos de prisioneiros soviéticos e polacos producíronse no bloque 11 de Auschwitz I en agosto de 1941. A construción de Auschwitz II comezou o mes seguinte, e dende 1942 até finais de 1944, trens cargados de xudeus traídos de todas partes da Europa ocupada pola Alemaña nazi, foron conducidos até as cámaras de gas. Dos 1,3 millóns de persoas enviadas a Auschwitz, 1,1 millóns morreron. O número de mortes inclúe 960 000 xudeus (865 000 dos cales foron gaseados ó chegar), 74 000 polacos non xudeus, 21 000 xitanos, 15 000 prisioneiros de guerra soviéticos, e 15 000 outros europeos.; véxase tamén . Aqueles que non morreron nas cámaras de gas fixérono de fame, esgotamento, doenzas, execucións individuais ou malleiras. Outros foron asasinados por mor de experimentos médicos.
Cando menos 802 prisioneiros tentaron escapar, 144 dos cales tiveron éxito, e o 7 de outubro de 1944, dúas unidades de Sonderkommando, compostas por prisioneiros que atendían as cámaras de gas, fixeron un levantamento sen éxito. Só 789 membros do persoal do campo (non máis do 15%) foron algunha vez xulgados; e moitos, incluíndo o comandante do campo Rudolf Höss, foron executados. O fracaso dos Aliados para actuar ante os primeiros informes de atrocidades no campo, bombardeando ora o campo, ora os seus ferrocarrís, segue a ser controvertido.
Conforme o Exército Vermello soviético se achegaba a Auschwitz en xaneiro de 1945, contra o remate da guerra, as SS enviaron á maioría da poboación dos campos cara ó oeste en marchas da morte con dirección o interior de Alemaña e Austria. As tropas soviéticas entraron no campo o 27 de xaneiro de 1945, un día conmemorado dende o ano 2005 como o Día Internacional de Conmemoración en Lembranza das Vítimas do Holocausto. As décadas seguintes despois da guerra, sobreviventes como Primo Levi, Viktor Frankl e Elie Wiesel escribiron memorias das súas experiencias, e o campo converteuse nun símbolo dominante do Holocausto. En 1947, Polonia fundou o Museo estatal Auschwitz-Birkenau no lugar de Auschwitz I e II, e en 1979 foi nomeado como Patrimonio da Humanidade pola UNESCO.
Contexto histórico miniatura|200px|esquerda|Campos e guetos na Europa ocupada (con fronteiras de 2007). miniatura|200px|esquerda|Auschwitz I, II e III. A ideoloxía do nazismo (ou nacionalsocialismo) reuniu elementos de "hixiene racial", euxénese e antisemitismo, segundo describe Richard J. Evans, combinados co panxermanismo e o expansionismo territorial. O Partido Nacionalsocialista Alemán dos Traballadores (Partido Nazi), e en particular Adolf Hitler, obsesionouse coa "cuestión xudía". Tanto durante como inmediatamente despois da toma de poder dos nazis en Alemaña no ano 1933, os actos de violencia contra os xudeus alemáns foron omnipresentes, e aprobouse unha lexislación que os excluía de certas profesións, incluídos o servizo civil e o dereito. O acoso e a presión económica foron empregados para alentalos a abandonar Alemaña; ós seus negocios negóuselles o acceso ós mercados, prohibíuselles a publicidade en xornais e privóuselles de contratos gobernamentais. O 15 de setembro de 1935, o Reichstag aprobou as Leis de Nürnberg. A Lei de Cidadanía do Reich definía como cidadáns aqueles "alemáns ou de sangue relacionado que demostren polo seu comportamento que están dispostos e son axeitados para servir fielmente ó pobo alemán e ó Reich", e a Lei de Protección do Sangue e a Honra Alemáns prohibiu o matrimonio e as relacións extramatrimoniais entre os "alemáns ou de sangue relacionado" e os xudeus.
Cando Alemaña invadiu Polonia en setembro de 1939, provocando a segunda guerra mundial, Hitler ordenou que os líderes e os servizos de intelixencia polacos fosen destruídos.; . O campo de Auschwitz foi estabelecido en abril de 1940, ó principio como un campo de corentena para prisioneiros políticos polacos. O 22 de xuño de 1941, nun intento de obter novos territorios, Hitler invadiu a Unión Soviética. O primeiro gaseamento en Auschwitz, dun grupo de prisioneiros de guerra soviéticos, tivo lugar por volta de agosto de 1941. No remate dese mesmo ano, durante o que moitos historiadores consideran como a primeira fase do Holocausto, entre 500 000 e 800 000 xudeus soviéticos foron asasinados en tiroteos masivos polos Einsatzgruppen alemáns, soldados ordinarios e colaboradores locais. Na conferencia de Wannsee que se celebrou en Berlín o 20 de xaneiro de 1942, Heydrich resumiu a Solución Final da cuestión xudía ós líderes nazis, e dende comezos de 1942, trens cargados con xudeus de todas partes da Europa ocupada foron levados polos alemáns a campos de exterminio en Polonia: Auschwitz, Bełżec, Chełmno, Majdanek, Sobibór e Treblinka. A maioría dos prisioneiros foron gaseados á súa chegada.
Campos Auschwitz I
miniatura|dereita|240px|Auschwitz I, no ano 2013. (nas coordenadas ) miniatura|dereita|240px|Auschwitz I, no ano 2009; o centro de recepción de prisioneiros de Auschwitz I converteuse no centro de recepción de visitantes do museo estatal Auschwitz-Birkenau. miniatura|dereita|240px|Antigo centro de recepción de prisioneiros; o edificio no extremo esquerdo coa ringleira de chemineas era a cociña do campo. miniatura|dereita|240px|Imaxe aérea do campo I, o 4 de abril de 1944. Crecemento Auschwitz I foi un antigo campo para traballadores transitorios durante a primeira guerra mundial, e posteriormente uns cuarteis do exército polaco. Baixo o réxime nazi foi convertido no campo principal (Stammlager) e na sede administrativa do complexo. O lugar, a 50 quilómetros ó suroeste de Cracovia, foi suxerido por vez primeira en febreiro de 1940 como un campo de corentena para prisioneiros polacos polo SS-Oberführer Arpad Wigand, o inspector da Sicherheitspolizei (policía de seguridade) e o deputado das SS-Obergruppenführer Erich von dem Bach-Zelewski, o alto mando das SS líder da policía de Silesia. Richard Glücks, xefe de Inspección dos campos de concentración, enviou ó antigo comandante do campo de concentración de Sachsenhausen, Walter Eisfeld, para que o inspeccionase.; . Cuns 1 000 m de longo e 400 m de ancho, Auschwitz constaba nese momento de 22 bloques de edificios, oito deles de dous andares; un segundo andar foi engadido ós demais en 1943 e foron construídos oito novos bloques.; véxase tamén ;
O Reichsführer-SS Heinrich Himmler, líder das Schutzstaffel (SS), aprobou o lugar en abril de 1940 por recomendación do SS-Obersturmbannführer Rudolf Höss, de Inspección dos campos. Höss supervisou o desenvolvemento do campo e exerceu como o seu primeiro comandante. Os primeiros 30 prisioneiros chegaron o 20 de maio de 1940 dende o campo de Sachsenhausen en Oranienburg, Alemaña. Eran "criminais de carreira" alemáns (Berufsverbrecher), que foron coñecidos como "verdes" (grünen) polos triángulos verdes que tiñan que levar na súa roupa de prisión. Traídos ó campo como funcionarios, este grupo foi o principal encargado de estabelecer o sadismo dende os primeiros momentos do campo, cuxa violencia estaba dirixida especialmente ós reclusos polacos, até que os presos políticos tamén asumiron as súas funcións no campo. Bruno Brodniewitsch, o primeiro prisioneiro (que tiña o número de serie "1"), converteuse en Lagerältester (responsable do campo); os outros recibiron postos como kapos e supervisores de bloques.; for serial number 1, .
Primeiro transporte masivo O primeiro transporte masivo, que estaba composto de 728 prisioneiros políticos polacos, incluíndo sacerdotes católicos e xudeus, chegou o 14 de xuño de 1940 dende Tarnów, Polonia. Recibiron os números de serie dende o 31 até o 758. Nunha carta do 12 de xullo de 1940, Höss cóntalle a Glücks que a poboación local era "fanaticamente polaca, preparada para emprender calquera tipo de operación contra os odiados homes das SS". A finais de 1940, as SS confiscaron as terras arredor do campo para crear unha "zona de interese" (Interessengebiet) de 40 quilómetros cadrados patrullada polas SS, a Gestapo e a policía local. En marzo de 1941, outras 10 900 persoas foron encarceradas no campo, a maioría delas eran polacos.
O primeiro encontro dos reclusos con Auschwitz, no caso de seren rexistrados e non enviados directamente á cámara de gas, era no centro de recepción de prisioneiros preto da porta co sinal Arbeit macht frei, onde eran tatuados, afeitados, desinfectados e se lles daba un uniforme a raias de prisioneiros. Construído entre 1942 e 1944, o centro contiña uns baños, unha lavandería e 19 cámaras de gas para limpar a roupa. O centro de recepción de prisioneiros de Auschwitz I converteuse no centro de recepción de visitantes do museo estatal Auschwitz-Birkenau.
Crematorio I, primeiros gaseamentos miniatura|240px|esquerda|Crematorio I, fotografado en 2016, reconstruído despois da guerra. A construción do crematorio I comezou en Auschwitz I a finais de xuño ou comezos de xullo de 1940. Nun principio, non estaba pensado para o asasinato masivo senón para desfacerse dos prisioneiros que foron executados ou daqueles que morreron no campo. O crematorio estivo operativo dende agosto de 1940 até xullo de 1943, cando os crematorios de Auschwitz II xa estaban en funcionamento.; . En maio de 1942, instaláronse tres fornos no crematorio I, que xuntos podían queimar 340 corpos en 24 horas.
O primeiro gaseamento experimental tivo lugar en agosto de 1941, cando o Lagerführer Karl Fritzsch, por orde de Rudolf Höss, asasinou un grupo de prisioneiros de guerra soviéticos introducindo Zyklon B na súa cela do soto do bloque 11 de Auschwitz I. Un segundo grupo de 600 prisioneiros de guerra soviéticos e arredor de 250 prisioneiros polacos enfermos foron gaseados o 3–5 de setembro.; ; . A morgue converteuse máis tarde nunha cámara de gas capaz de albergar cando menos a 700–800 persoas. O Zyklon B era introducido na habitación a través das fendas do teito.
Primeiro transporte masivo de xudeus