Víctor Manuel Vázquez Portomeñe, nado en Piñeira (Taboada) o 16 de setembro de 1934, é un político galego.
Traxectoria Exerceu a avogacía desde 1963, compatibilizándoa co exercicio como Secretario municipal en Abadín (1963-1965), Antas de Ulla e por acumulación Monterroso, Guntín e Chantada (1965-1975) e Carballedo (1975-1983). Deu o seu primeiro salto á política en 1977, nun mitin da UCD en Chantada, ocupando neste ano o Comité Executivo Provincial deste partido en Lugo e a Secretaría de Política Municipal.
Tivo un papel decisivo na confección das listas electorais para as eleccións municipais de 1979 nos concellos do partido xudicial de Chantada, onde a UCD se impuxo por maioría absoluta en todos agás en Antas de Ulla. O seu irmán, Antonio Vázquez Portomeñe, resultou elixido alcalde de Taboada.
Conselleiro sen carteira con Xosé Quiroga Suárez na preautonomía, foi un dos redactores do Estatuto dos dezaseis; deputado no Parlamento de Galicia por Alianza Popular e despois polo Partido Popular (1981-1997).
Foi conselleiro de Educación con Xerardo Fernández Albor (1983-1986) canalizando a asunción de competencias de xestión do sistema educativo e da ordenación universitaria. Durante o seu mandato aprobáronse os estatutos da Universidade de Santiago de Compostela, o 19 de outubro de 1985, co que se desbloqueaba a aplicación da Lei de Reforma UniversitariaA gran historia de Galicia, XIV, volume 2. Edicións La Voz de Galicia 2007, pax. 89. Cando o vicepresidente da Xunta Xosé Luís Barreiro Rivas presentou a súa dimisión, Vázquez Portomeñe seguiuno pero non na súa marcha de AP. De feito, asume a portavocía deste grupo facendo oposición ao tripartito PSOE-Coalición Galega-Partido Nacionalista Galego, nado da moción de censura a Albor Xosé de Cora, Barreiro contra Barreiro, Edicións Xerais, Vigo 1990, pax. 243.
Con Manuel Fraga foi conselleiro de Relacións Institucionais e voceiro do goberno (1990-1993), posto dende onde puxo en marcha o primeiro Ano Xacobeo como programa de difusión cultural, turística e institucional de Galicia co gallo do Ano Santo xubilar de 1993. Posteriormente, asumiu o cargo de conselleiro de Cultura (1993-1996) acadando a unanimidade no Parlamento de Galicia para os proxectos normativos que serían aprobados como a Lei 8/1995, do Patrimonio Cultural de Galicia e a Lei 3/1996, de Protección dos camiños de Santiago (ambas derrogadas pola Lei 5/2016). Puxo en funcionamento o Centro Superior Bibliográfico de Galicia e impulsou a rede de infraestruturas culturais a través da creación de casas de cultura nos municipios de GaliciaGalicia 1997, Xunta de Galicia, 1997, pp 381 e 385. ISBN 84-453-1915-9 Finalmente foi conselleiro sen carteira para Asuntos Parlamentarios (1993-1997). Desde 1996 foi senador.
En 2010 recibiu a Medalla de Ouro de Galicia polos seus traballos a prol do turismo e da promoción do Ano Santo Xacobeo en Santiago de Compostela.
Forma parte da galería de personaxes ilustres de Carballedo. e a praza fronte ao consistorio na localidade da Barrela leva o seu nome.
Vida persoal Está casado coa escritora Otilia Seijas, e ten tres fillos. É irmán de Antonio Vázquez Portomeñe, avogado e alcalde de Taboada entre 1979-1983; de José Vázquez Portomeñe, que foi Secretario Xeral da Consellería de Traballo e Subdelegado do Goberno en Lugo; e de Segundo Vázquez Portomeñe, Xefe do Servizo de Promoción do Camiño de Santiago. O seu fillo, Víctor Manuel Vázquez-Portomeñe Seijas, foi durante un tempo Secretario Xeral da Consellaría de Pesca.
Obras en castelán
Testigo y parte de la historia reciente de Galicia (2014). Hércules Ediciones. 328 páxs. ISBN 9788492715800. Brianda de Moás (2020). Hércules Ediciones. 184 páxs. Novela de ambiente medieval en Galicia.
Notas
Véxase tamén Bibliografía
Outros artigos Lista de senadores galegos desde a Transición
Categoría:Senadores por Pontevedra Categoría:Deputados do Parlamento de Galicia polo PPdeG Categoría:Conselleiros da Xunta de Galicia Categoría:Medalla de Ouro de Galicia Categoría:Nados en Taboada Categoría:Nados en 1934 Categoría:Senadores por designación do Parlamento de Galicia Categoría:Deputados da I Lexislatura do Parlamento de Galicia Categoría:Deputados da II Lexislatura do Parlamento de Galicia Categoría:Deputados da III Lexislatura do Parlamento de Galicia Categoría:Deputados da IV Lexislatura do Parlamento de Galicia Categoría:Personalidades de Galicia sen imaxes Categoría:Medallas do Parlamento de Galicia