Arturo Vázquez Núñez, nado en Ourense o 15 de novembro de 1852 e finado na mesma cidade o 2 de marzo de 1907, foi un polígrafo ourensán especialista en Historia e Arqueoloxía.
Traxectoria Estudou Medicina en Santiago de Compostela aínda que abandonou en 1871. Ao ano seguinte pasou a traballar como oficial no Ministerio de Graza e Xustiza sendo ministro o galego Montero Ríos. De volta en Ourense en 1887 incorpórase ao claustro do Instituto como profesor de francés ata 1891.
Pertenceu á xeración de Valentín Lamas Carvajal (nacido en 1849) e Manuel Curros Enríquez (nacido en 1851) cos que mantivo estreita relación. Formou parte do faladoiro do Museo de Ourense xunto a Benito Fernández Alonso, Marcelo Macías, Manuel Martínez Sueiro e outros.
Publicou a maioría dos seus traballos de investigación no Boletín da Comisión Provincial de Monumentos Históricos e Artísticos de Ourense. Tivo unha grande influencia na formación intelectual dos membros máis destacados da Xeración Nós, pois sendo un destacado bibliófilo, puxo a súa extensa biblioteca da rúa de San Fernando (hoxe Irmáns Villar) á disposición dos estudosos da cidade.
Tamén escribiu para xornais como O Tío Marcos da Portela e El Heraldo Gallego fundados por Valentín Lamas Carvajal en 1874 e 1876 respectivamente. Foi cronista da cidade de Ourense (1893-1907) e mesmo tenente de alcalde, académico correspondente da Real Academia da Historia, socio de mérito da Sociedade Arqueolóxica de Pontevedra, ademais de membro fundador da Real Academia Galega.
Obra Gramática francesa elemental (1891) La Arquitectura cristiana en la provincia de Orense durante el período medieval (1894) La ex-colegiata de Junquera de Ambía (Boletín da Comisión Provincial de Monumentos, 1900) Un sarcófago cristiano del siglo V (Boletín de la Real Academia de la Historia, 1903) Iglesias románicas de la provincia de Orense (Boletín de la Real Academia de la Historia, 1907)
Notas
Véxase tamén Bibliografía
Categoría:Historiadores de Galicia Categoría:Membros de número da Real Academia Galega Categoría:Nados en Ourense Categoría:Nados en 1852 Categoría:Finados en 1907 Categoría:Cronistas de Ourense Categoría:Escritores de Galicia coa obra no dominio público Categoría:Bibliófilos