A OU-536 (na provincia de Ourense), é unha estrada da Rede Primaria Básica da Xunta de Galicia que une as localidades de Ourense e A Pobra de Trives; atravesa os concellos de Ourense, O Pereiro de Aguiar, Esgos, Maceda, Xunqueira de Espadanedo, Montederramo, A Teixeira, O Castro de Caldelas, San Xoán de Río e A Pobra de Trives. Ten unha lonxitude de 70,22 quilómetros e iníciase no leste de Ourense e finaliza nun cruzamento coa OU-636 na Pobra de Trives.

Percorrido e características

O seu inicio está no campus universitario de Ourense e o cabo nas piscinas municipais da Pobra de Trives.

A Xunta de Galicia iniciou unha redenominación das súas estradas en 2003 seguindo a política de racionalización da nomenclatura dos viarios iniciada polo Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible. Esta nomenclatura nas estradas nacionais non fora alterada desde 1941, e nas autovías e autoestradas desde 1967.

Historia

A OU-536 foi trazada na década de 1850 (Real Orde de 12 de decembro de 1852 que ordena a súa construción), para o que se realizaron numerosas pontes e pasos superiores de arco en cantaría (moi comúns na época), e aproveitando antigas pontes romanas da Vía Nova, como a ponte do Bibei (A Pobra de Trives) e a ponte da Cigarrosa (Petín). Nun principio, a infraestrutura chamábase "estrada de Segunda Orde Ponferrada-Ourense" (como de primeira orde aparece en diversos planos da Xefatura Provincial de Estradas de Ourense, sendo admitida nesta última categoría), e posteriormente, a partir de 1941, foi N-120 (Logroño-Vigo, treito Ponferrada-Ourense). Era o acceso centro a Galicia oficialmente ata a década de 1970 (pois o Plan de Accesos a Galicia de 1970 decidira a construción dun novo acceso central que non contemplaba o trazado entre A Rúa e Ourense pola Pobra de Trives), e vía de comunicación principal entre A Rúa e Ourense ata o ano 1987, cando mudou a nomenclatura, deixando de se-la N-120.

En 1987 foi integrada na Rede de Estradas Autonómicas de Galicia, coa nova denominación de C-536, e pasou a ser a ruta da actual OU-536 unha ruta secundaria e deficitaria con respecto á nova N-120, que discorre a partir de entón polas localidades do sur lugués de Monforte de Lemos e Quiroga.

Obras de acondicionamento

En 1965 e en 1966 foron estabilizados algúns terrapléns e desprazada a traza do viario debido a afundimento de muros antigos nos concellos do Castro de Caldelas e A Pobra de Trives (p.q.m. 82, zona coñecida como 'curva do espello' sentido Trives); así como ampliada a calzada en numerosos puntos (significativa é a actuación no treito Trives-Larouco). Tamén se procedeu ao pintado de marcas viarias. A OU-536 (N-120) non foi contemplada polo Plan REDIA de 1967, e non se produciu un acondicionamento do trazado en alzado e en planta ata mediada a década dos oitenta, no treito que discorre desde O Castro de Caldelas ata Esgos como N-120 aínda (daquela estábase construíndo a actual N-120 entre Toral de los Vados e O Barco, e o treito entre A Rúa e Monforte de Lemos estaba operativo como C-533).

No ano 1994 a OU-536 ampliábase a 3 carrís (con inclusión de carril bici, posteriormente suprimido) e acondicionábase xeometricamente ata unha velocidade de proxecto de 80 km/h no treito que discorre desde Ourense ata A Derrasa. En 1996 finalizaban as obras de acondicionamento xeométrico do treito O Castro de Caldelas-Alto de Cerdeira (realizadas por OTECA S.A.); e en 1997 finalizaban as obras do acondicionamento xeométrico do treito Alto de Cerdeira-A Pobra de Trives, executadas por Arias Hermanos S.A.

É unha estrada que ultimamente tivo melloras de seguridade viaria e sinalización vertical ata a vila de Xunqueira de Espadanedo desde Ourense. O seu trazado é aínda moi sinuoso en numerosos treitos, como o que discorre desde Xunqueira de Espadanedo ata As Casetas do Rodicio (Maceda).

Galería de imaxes

Notas

Categoría:Estradas da rede primaria básica de Galicia na provincia de Ourense Categoría:Ourense Categoría:O Pereiro de Aguiar Categoría:Esgos Categoría:Maceda Categoría:Xunqueira de Espadanedo Categoría:Montederramo Categoría:A Teixeira Categoría:O Castro de Caldelas Categoría:San Xoán de Río Categoría:A Pobra de Trives