A batalla de Elviña, tamén coñecida como batalla da Coruña, foi un acontecemento bélico que tivo lugar o día 16 de xaneiro de 1809 no alfoz da cidade da Coruña, enfrontándose un corpo de exército francés, baixo o mando do mariscal Jean-de-Dieu Soult contra tropas británicas, mandadas polo tenente xeneral John Moore. A batalla tivo lugar como parte da guerra da Independencia española en Galicia, dentro das guerras napoleónicas. Foi o resultado dunha campaña francesa liderada por Napoleón, na que derrotou as forzas españolas e provocou a retirada do exército inglés para a costa tras un intento sen éxito por parte de Moore de atacar o exército de Soult e reter ás súas tropas.
Perseguidos polos franceses baixo o mando de Soult, os británicos retiráronse a través do norte de España mentres que a súa retagarda repeleu varios ataques franceses. Ámbolos dous exércitos sufriron en gran medida por mor das duras condicións invernais. Gran parte do exército británico sufriu unha perda de orde e disciplina durante esta retirada, e cando os británicos chegaron ó porto da Coruña cuns poucos días de vantaxe sobre os franceses os seus barcos de transporte aínda non chegaran. A frota arribou un par de días despois, e mentres os británicos estaban embarcando o exército francés marchou para a cidade e obrigou os británicos a loitar nunha batalla antes de partir para Inglaterra.
Na acción resultante os británicos rexeitaron o asalto francés e completaron o embarque, salvando o seu exército da destrución, pero deixando as cidades da Coruña, Ferrol e o norte de España libres para a súa captura e ocupación por Francia. Durante a batalla, o comandante británico John Moore recibiu unha ferida mortal, falecendo despois de saber que o seu exército conseguira retirarse con éxito tras rexeitar tódolos ataques franceses.
Contexto histórico A principios de outubro de 1808, tralo escándalo no Reino Unido sobre a Convención de Sintra e a chamada dos xenerais Dalrymple, Burrard e Wellesley, sir John Moore tomou o mando de 30 000 británicos en Portugal. Ademais, David Baird, ao mando dunha expedición de reforzo saíu de Falmouth con 150 transportes con entre 12 000 e 13 000 homes, embarcados nos H.M.S. Louie, Amelia e Champion, que entraron no porto da Coruña o 13 de outubro. En novembro de 1808 o exército británico liderado por Moore avanzou en España con ordes de axudar o exército español na súa loita contra as tropas de Napoleón.
miniatura|esquerda|Sir John Moore, o comandante británico Trala rendición das tropas francesas en Bailén o 19 de xullo de 1808 e a perda de Portugal, Napoleón estaba convencido do perigo que o esperaba en España. Movido polas noticias de Sintra, o emperador sinalou:
Os franceses, case repelidos ata os Pireneos, conseguiron consolidar as súas posicións en Navarra e Cataluña. Porén, a súa posición nestes dous puntos de defensa non sería doada de manter contra un ataque español. En outubro as forzas francesas da Grande Armée en España estaban compostas duns 75 000 soldados, fronte a uns 86 000 soldados das tropas españolas e con 35 000 aliados británicos en camiño.
Non houbo tal ataque finalmente. O tecido social español, alterado pola conmoción da rebelión, deu paso a tensións sociais e políticas. Os patriotas mantiñan posturas enfrontadas en tódalas cuestións e o nacente esforzo de guerra viuse consecuentemente afectado. Coa caída da monarquía, o poder constitucional transferiuse ás xuntas locais. Estas institucións interferiron co exército e coa guerra, socavando a formación tentativa do goberno central en Madrid, e nalgúns casos tornáronse case tan perigosas unhas para outras coma os propios franceses. Mentres tanto o exército británico en Portugal atopábase inmobilizado por problemas loxísticos e disputas administrativas, sen comezar o seu avance planeado.
Os meses de inacción sucedéronse na fronte, coa revolución amosándose temporalmente inútil nun momento considerado como chave para tomar accións decisivas que mudarían o curso da guerra por completo. Mentres tanto o Imperio Francés reuniu uns 100 000 soldados veteranos consolidándoos cara a España, liderados polo propio Napoleón en persoa e os seus mariscais. Reunindo o seu Armée d'Espagne duns 278 670 homes na marxe norte do Ebro, enfrontado a uns 80 000 soldados españois cunha escasa organización, o emperador anuncioulles os deputados españois:
Comezando en outubro de 1808, Napoleón liderou as tropas francesas nunha ofensiva que incluíu un movemento envolvente dobre das liñas españolas. O ataque, que deu comezou en novembro, foi posteriormente cualificado por Churchill como "unha avalancha de fogo e aceiro". Mentres tanto o exército inglés estaba temporalmente dispersado coa chegada do continxente de Baird en Astorga no norte, o de Moore en Salamanca e o de Hope a uns 110 km ó leste preto de Madrid, este último xunto con toda a cabalaría e artillaría de Moore. O exército principal baixo mando de Moore avanzou cara a Salamanca e uniuse co destacamento de Hope o 3 de decembro cando Moore recibiu novas das varias derrotas sufridas por parte das forzas españolas. Moore considerou que para evitar un desastre debería retroceder e retirarse para Portugal.
Antes de comezar a retirada Moore recibiu información da situación do corpo de exército de 16 000 homes de Soult que estaban dispersados e illados en Carrión, sen coñecer a posición do exército británico. O 15 de decembro aproveitou esta oportunidade para avanzar sobre os franceses preto de Madrid procurando derrotar a Soult e obrigar as forzas de Napoleón a desviar a súa ruta. Unha unión coas forzas de Baird o 20 de decembro, quen avanzaba dende A Coruña, incrementou as forzas de Moore ata uns 23 500 soldados de infantaría, 2 400 de cabalaría e 60 canóns, comezando o seu ataque cun asalto da cabalaría do tenente xeneral Paget contra os picadores franceses en Sahagún o 21 de decembro. Porén, Moore non conseguiu manter o asalto contra as sorprendidas forzas de Soult, deténdoo durante dous días, o que lle permitiu a Soult reunir e concentrar o seu corpo do exército.
Preludio Retirada para Galicia miniatura|dereita|Nicolas Jean de Dieu Soult, o comandante francés Tras saber da presenza de Moore, Napoleón respondeu de forma decisiva. As forzas españolas foron derrotadas e xa non supoñían unha ameaza organizada. Coa iniciativa do seu lado, Napoleón tentou aproveitar a situación para destruír o único exército de campo dos británicos. Decatándose do perigo da súa situación e da posibilidade de quedar atrapado, Moore detivo o avance das súas tropas e comezou unha precipitada retirada o 25 de decembro. A subsecuente carreira e persecución cubriu unha distancia de máis de 400 km, na que a cabalaría británica e a infantaría da brigada lixeira foron empregadas para cubrir os movementos do corpo principal do exército de Moore, provocando varios combates cos franceses na retagarda, incluíndo a derrota dun corpo de cabalaría francés e a captura do xeneral Charles Lefebvre-Desnouettes en Benavente, así como outra batalla en Cacabelos onde o xeneral Colbert-Chabanais faleceu a causa dun disparo do fusileiro británico Thomas Plunket.
A retirada dos británicos, perseguidos de cerca polos franceses, levounos a atravesar terreo montañoso nunhas pésimas condicións de frío e neve e estivo marcada por esgotadoras marchas e pola privación de subministracións. O marqués de la Romana, liderando as forzas españolas restantes de Blake, uniuse a Moore en Astorga e propúxolle facer alí unha defensa. Con Napoleón achegándose, Moore rexeitou a proposición e continuou a súa retirada cara ó norte mentres que de la Romana saíu cara ó oeste en dirección a Portugal. Durante a marcha entre Astorga e Betanzos o exército británico perdeu uns 3 000 homes, deixando uns 500 máis en hospitais de Astorga e Vilafranca.
Napoleón liderou o exército francés nunha marcha forzada de 10 días atravesando uns 320 km a pesar das condicións invernais, e chegou a Astorga o 1 de xaneiro cunha forza duns 80 000 homes, manobrando para cortarlle a retirada cara a Portugal. Moore xa planeara con antelación unha retirada en dirección á costa. O 28 de novembro ordenáralle ó continxente na Coruña baixo o mando de Baird que embarcase dende Vigo mentres que a maioría do exército británico se retiraría ata Portugal, aínda que o 28 de decembro decidiu finalmente embarcar o exército completo en Vigo. Abandonando Astorga o 30 de decembro conseguiu manterse por diante do exército francés, evitando unha batalla maior. Ordenoulle a Craufurd e a dúas brigadas, así como os navíos de transporte de tropas, que se dirixisen para o porto de Vigo.
A disciplina dos británicos colapsou en varias ocasións durante a súa fuxida. O 28 de decembro tropas británicas saquearon e roubaron en Benavente. O 2 de xaneiro en Bembibre centos de soldados británicos embebedáronse con viño ata tal punto de que tiveron que abandonalos alí, sendo capturados e asasinados por dragóns franceses. Noutro incidente os perseguidores franceses achegáronse tanto ós británicos que o comandante Paget non tivo tempo de completar o aforcamento de tres soldados británicos como castigo exemplar polo saqueo dunha vila.
Napoleón escribiulle ó seu irmán Xosé o 31 de decembro:
Sabendo que non conseguiría levar a Moore a unha batalla, Napoleón deixou a persecución dos británicos para o corpo do exército de Soult, co apoio das tropas do xeneral Ney, e tomou a maioría do exército, uns 45 000 homes, de volta para Madrid. Napoleón decidiu entón deixar España para atender outras cuestións máis urxentes: os austríacos estaban a piques de declarar a guerra a Francia e de invadir Italia e Bavaria.
Trala separación en Astorga, de la Romana entrou en Galicia por Valdeorras perseguido por forzas francesas ó mando do xeneral Franceschi, voando a ponte de Sobradelo e situando o seu cuartel na Pobra de Trives. Pola súa banda o corpo de tropas británicas duns 3 500 homes ao mando dos xenerais Craufurd e von Alten alcanzaría o porto de Vigo e lograría embarcar alí nos buques da Royal Navy. Mentres tanto, a maioría das tropas de Moore entrou no territorio galego atravesando o porto de Pedrafita, dirixíndose cara a Lugo.
Moore preparouse para defender a súa posición en Lugo o 6 de xaneiro ofrecendo batalla, pero inicialmente as forzas de Soult estaban demasiado espalladas Durante dous días Soult concentrou as súas tropas e tratou que Ney lle enviase unha división dende Vilafranca, da que chegaron menos tropas das requiridas. O día 8 Soult estaba preparado para a batalla, pero Moore, supoñendo que Ney estaría preparándose para bordealo, escapou esa mesma noite, véndose obrigado a sacrificar uns 500 cabalos feridos e a destruír gran parte da súa subministración. Vendo que non chegaría a Vigo e temendo perder o seu exército polo camiño, enviou ordes para que os navíos de transporte navegasen ata a baía de Betanzos entre A Coruña e Ferrol, dirixindo as súas tropas para a Coruña.
As malas condicións do tempo e a confusión provocaron que o corpo principal do exército británico perdese parcialmente a súa unión, nunha desorde na que varios miles de soldados quedaron atrás. Centos deles foron capturados polos dragóns franceses de Fraceschi o 10 e 11 de xaneiro. A perda de tropas británica no tramo entre Lugo e Betanzos foi maior que tódalas perdas durante o camiño anterior. Os franceses tamén sufriron dunha severa fatiga e falta de recursos durante a súa persecución, viaxando por terreos xa cruzados polos británicos. A retagarda británica repelera varios ataques franceses, permitindo que o resto do exército británico continuase a súa retirada, aínda que a cabalaría francesa continuou a súa presión sobre eles, evitando que a cabalaría británica puidese levar a cabo operacións de recoñecemento con efectividade.
Chegada dos exércitos á Coruña