Joaquín Ramón Martínez Sabina, nado en Úbeda (Xaén) o 12 de febreiro de 1949, coñecido artisticamente como Joaquín Sabina, é un cantautor e poeta español.
Publicou catorce discos de estudio, catro en directo e tres recompilatorios, ademais, ten colaborado con distintos artistas cantando dúos e realizando outras colaboracións. Tamén compón para outros artistas como Ana Belén ou Miguel Ríos. Os álbums en directo son gravacións de actuacións nas que interveu en solitario ou con outros artistas: La Mandrágora (1981), xunto a Javier Krahe e Alberto Pérez; Joaquín Sabina y Viceversa en directo (1986), xunto á banda Viceversa; Nos sobran los motivos (2000); e Dos pájaros de un tiro (2007), xunto a Joan Manuel Serrat. Na súa faceta literaria publicou nove libros de letras de cancións e poemas publicados no semanario Interviú.
No ano de 2001 sufriu un leve infarto cerebral que puxo en risco a súa vida. Recuperouse poucas semanas máis tarde sen sufrir secuelas físicas. Porén, o incidente influíu na súa forma de pensar e viuse inmerso nunha depresión que provocou que abandonara os escenarios un tempo. Logo de superala, publicou Dímelo en la calle (2002), ao que seguirían Alivio de luto (2005). O 17 de novembro do 2009 publicou Vinagre y rosas, o que polo momento é o seu último álbum en solitario, que pechou o mesmo mes de novembro con máis de 200.000 copias vendidas e conseguindo tres discos de platino. No 2011 publica La orquesta del Titanic, xunto con Joan Manuel Serrat, onde amosa un estilo máis tranquilo, en contraste con épocas anteriores.
Traxectoria Primeiros anos Joaquín Sabina é o segundo fillo de Adela Sabina del Campo, ama de casa, e de Jerónimo Martínez Gallego, comisario de policía. Cursou os estudos primarios coas monxas Carmelitas e con catorce anos comeza a escribir poemas e a compor música nunha banda formada cos seus amigos chamada Merry Youngs, que se dedicaban sobre todo a facer versións de cantantes de rock como Elvis Presley, Chuck Berry ou Little Richard.
Posteriormente cursou o bacharelato nos Salesianos. Nesa época segue escribindo versos e lee obras de Frei Luis de León, Jorge Manrique e José Hierro pero tamén de Marcel Proust, James Joyce e Herbert Marcuse. O día no que aprobou a reválida o seu pai quixo recompensar a Joaquín cun reloxo de pulseira, ao que el se negou manifestando que prefería unha guitarra, sendo satisfeita a petición. En cambio, o seu irmán máis vello si que aceptou o reloxo e, segundo Joaquín, ese pequeno detalle foi o que os empezou a distanciar: o seu irmán acabou converténdose, como o pai de ambos, en policía.
Exilio en Londres En 1968 trasladouse a Granada para matricularse na Facultade de Filosofía e Letras, na que comezou os estudos de Filoloxía Románica na universidade, e onde descubriu as poesías de César Vallejo e Pablo Neruda. Joaquín viviu por primeira vez cunha muller, chamada Lesley, e preparou a súa tese de español en Granada.
A súa ideoloxía esquerdista fixo que se relacionara con movementos contrarios ó réxime franquista. Este mesmo ano, cando se proclamou o estado de excepción, o seu pai, que era comisario en Úbeda, recibiu a orde de deterlo por pertencer ó Partido Comunista.
En 1970 comeza a colaborar coa revista Poesía 70, compartindo páxinas con Luis Eduardo Aute ou Carlos Cano. Nese mesmo ano lanza un cóctel molotov contra unha sucursal do Banco de Bilbao en Granada en protesta polo Proceso de Burgos, polo que se ve obrigado a exiliarse. Precisamente é o seu propio pai quen recibe a orde de detelo. Ó carecer de pasaporte, non puido saír inmediatamente do país, pero coñeceu a un home, Mariano Zugasti, que, tras unhas horas de conversación, lle cedeu o seu. Co nome falso e acompañado de Lesley, Joaquín puxo rumbo a París, onde pasou uns meses, e posteriormente a Londres, onde viviu como squatter (okupa) durante o seu primeiro ano de estancia na cidade.
Joaquín necesita sensibilizar á opinión pública ó seu favor, xa que doutro xeito sería repatriado a España, e grazas a Lesley consegue que lle fagan unha entrevista e presente o seu caso. O Daily Mirror publica que á súa volta a España lle espera a pena de morte, feito totalmente falso, pero consegue que as autoridades británicas lle concedan o asilo político por un ano. Marcha a Edimburgo con Lesley a vivir e permanecen alí catro meses, tralos cales Joaquín marcha a Londres abandonando a Lesley.
Colaborou en Londres co Club Antonio Machado, un dos centros frecuentados por emigrantes e exiliados. Na capital inglesa escribiu as súas primeiras cancións e organizou un cineclub onde se exhibían películas de Luis Buñuel, prohibido entón na España franquista. Reconstruíu o grupo de teatro Juan Panadero e montou polémicas obras teatrais como A excepción da regra, de Bertolt Brecht, e O cepillo de dentes, de Jorge Díaz. Gañou a vida cantando no metro, en restaurantes e en cafés. En 1974, segundo unha das anécdotas máis divulgadas sobre a súa vida, actuou ante George Harrison, que celebraba o seu aniversario nun bar local chamado Mexicano-Taverna. O ex beatle deulle unha propina de cinco libras. Nalgunhas entrevistas, Sabina relatou que conserva o billete que recibiu como un tesouro, pero noutras ocasións desmentiu a súa propia lenda ("En realidade, bebinos aquela mesma noite"). Durante ese tempo mantén unha relación cunha moza chamada Sonia.
En 1976 publica o libreto de cancións Memorias del exilio na editorial "Nueva Voz", cunha tirada de 1.000 exemplares que o propio Joaquín distribuíu pola área de Portobello Road, vendendo ata o último deles grazas ó seu don de xentes e ás moitas amizades trabadas no máis de medio lustro transcorrido na capital británica. Tamén comezou a organizar concertos para a colonia de exiliados españois en Inglaterra onde actuaron Paco Ibáñez, Lluís Llach, Francesc Pi de la Serra ou Elisa Serna. Estes versos, constituíron o groso principal dous anos máis tarde do seu primeiro disco, Inventario. Máis tarde compón a banda sonora da serie The Last Crusade, da BBC.
Regreso a España miniatura|dereita|Javier Krahe durante unha actuación en directo no Café Central de Madrid. No ano 1977, trala morte de Franco, conseguiu volver a España grazas a un pasaporte legal facilitado por Fernando Morán, cónsul español en Londres. Nese mesmo ano casou con Lucía Inés Correa Martínez, unha arxentina que coñecera en Londres durante o seu exilio. A cerimonia de enlace, eclesiástica, tivo lugar o 18 de febreiro de 1977. En realidade o enlace celebrouse co único propósito de conseguir o pase de "pasa a noite" (permiso que se dá ós soldados para que poidan ir durmir ás súas casas) no cuartel durante o servizo militar que se viu obrigado a cumprir en Mallorca tras regresar a España. Isto permitiulle traballar no diario local Última hora.
En 1978 instalouse en Madrid coa súa muller e conseguiu editar o seu primeiro LP, Inventario. O director da discográfica CBS, Tomás Muñoz, ofreceulle o seu primeiro contrato coa referencia do seu tema ¡Que demasiao!, que daquela, interpretada polo cantante "Pulgarcito", soaba en Popgrama, espazo de Televisión Española presentado por Carlos Tena. Dese xeito comezou a actuar no circuíto de bares madrileños e nos mitins electorais do PSP, UXT, PCE, PSOE e CNT. Nesa época traballou como entrevistador de Carta de España. O ano seguinte comezou a cantar xunto a Javier Krahe e Alberto Pérez no soto do café madrileño La Mandrágora. Un dos temas que interpretan é Con su bikini, versión paródica do tema de Bob Dylan Man Gave Names to All the Animals que, segundo parece, o propio autor lle prohibiu tocar. Ó local acudiu un día o xornalista Fernando García Tola, que o invitou ó seu programa de televisión Esta noche, presentado por Carmen Maura.
Tralo seu primeiro disco, abandonou o perfil prototípico do cantautor, xa que, segundo el mesmo afirma, o uso dese termo faille sentir coma se lle puxesen un ladrillo na cabeza e "poeta" parécelle "un traxe que lle queda demasiado ancho".
En 1980 publicou o seu segundo traballo, Malas compañías, álbum no que destacan varios temas entre os que se atopan Calle Melancolía ou ¡Que demasiao!, pero moi especialmente Pongamos que hablo de Madrid, convertido para moitos nunha especie de himno oficioso da cidade, e que foi gravado primeiro por Antonio Flores, versión que acadou o número 1 no programa de radio Los 40 Principales. En 1981 apareceu La Mandrágora, disco gravado en directo xunto con Krahe e Pérez no que intentou recoller o espírito das súas actuacións no local. Alternou os seus concertos en pubs coa tradución de éxitos da canción italiana para a discográfica CBS e comezou a compor para outros artistas como Miguel Ríos e Ana Belén. Empezou a actuar coa que sería a súa primeira banda, Ramallete de virtudes, e ó seu vello repertorio comezou a engadirlle novas composicións, máis próximas ao rock, como Pisa el acelerador e Juana La Loca, cancións que, pouco despois, formarían parte do que sería o seu terceiro LP (sen contar o disco gravado con La Mandrágora), Ruleta rusa, publicado en 1983. En 1984, escribiu para Diario 16 un artigo de benvida a Bob Dylan e ese mesmo ano gravou con Gloria van Aerssen, de Vainica Dobre, "Con las manos en la masa", a sintonía do programa de cociña homónimo de Elena Santonja en RTVE.
Pouco despois Sabina e Krahe decidiron separarse artisticamente para evitar repetirse. En 1985 abandonou CBS e marchou a Ariola a cambio da liberdade artística e algo de diñeiro. Posteriormente comezou a traballar con Viceversa, banda coa que en 1985 sacou o álbum Juez y parte e, un ano despois, o disco Joaquín Sabina y Viceversa en directo, gravado en directo no Teatro Salamanca de Madrid e que contou coa participación como invitados de Javier Gurruchaga e Ricardo Solfa, que interpretan temas do seu anfitrión, e de Luis Eduardo Aute, que lle dedicou a canción Pongamos que hablo de Joaquín. O álbum foi un éxito de vendas e supuxo o seu salto ó gran público. Participou nas festas en prol do referendo para a saída da OTAN. Ademais, estreou Si te he visto no me acuerdo, unha canción que glosaba os tres anos de goberno socialista de Felipe González e nas eleccións municipais apoiou ó seu amigo Juan Barranco, candidato á Alcaldía da capital.
Ademais, en marzo dese mesmo ano publicou De lo cantado y sus márgenes, no que reuniu gran parte dos textos que formaron parte de Memorias del exilio e das cancións de Inventario.
O éxito multitudinario miniatura|Joaquín Sabina durante un concerto. Ó fondo, Antonio García de Diego. Os éxitos comezaron a sucederse coa publicación dos seus seguintes LPs. En 1987 consolidou o seu éxito coa venda de máis de 400.000 copias de Hotel, dulce hotel. A súa antiga compañía vendo o éxito do artista, decidiu editar, sen o seu consentimento, un recompilatorio ao que titulou Joaquín Sabina y todos sus éxitos. Deixou de actuar co grupo Viceversa e asociouse con Victor Claudín e Pedro Sauquillo para dirixir a sala de concertos Elígeme, no barrio de Malasaña de Madrid. En 1988 editou El hombre del traje gris, que meses máis tarde presentou na praza de touros de Las Ventas de Madrid. Acto seguido realizou unha multitudinaria xira por México, Arxentina e Venezuela. Nese traballo incluíu a banda sonora, escrita por Joaquín xunto a Pancho Varona, retocada da película Sinatra, dirixida por Paco Betriu, e protagonizada por Alfredo Landa e Maribel Verdú. Sabina aparecía nun papel secundario. Ese mesmo ano produciu un álbum dobre de Los Chichos. Tempo máis tarde conseguiu o divorcio de Lucía, a súa muller.
En 1989 fundou xunto a Pancho Varona, convertido no seu inseparable guitarrista, Ripio, empresa editorial coa que a partir dese momento rexistrará todas as súas cancións. Neste mesmo ano, o 16 de xaneiro, Joaquín foi pai por primeira vez, tendo unha filla, Carmela Juliana, froito da súa relación con Isabel Oliart. Outra vez a súa antiga discográfica, e unha vez máis sen o consentimento do artista, editou outra compilación: Mucho Sabina.