A orixe do nome da cidade de París atópase nun poboado dos galos Parisii arredor do século II a.C. co nome primitivo de Lutetia, rematando a evolución de cidade dos Parisii en París posiblemente no século IV. O destino de París está vinculada á conxunción de varios criterio xeográficos e políticos. É Clodoveo I o que decide no século V instalar os órganos fixos do poder político do reino na pequena cidade dos Parisii. Esta posición de capital será confirmada polos Capetos (dinastía fundado por Hugo Capeto), despois dunha paréntese de dous séculos durante a época Carolinxia (liñaxe de reis francos que leva o nome do máis famoso da liñaxe, Carlomagno).

A posición de París esta nunha encrucillada entre os itinerarios comerciais terreais e fluviais no corazón dunha rica rexión agrícola, polo tanto foi unha das principais cidades de Francia no transcurso do século X, con pazos reais, ricas abadías e unha catedral ; no transcurso do século XII París volveuse un dos primeiros centros en Europa para o ensino e as artes.

Que sexa a Fronde (movemento de rebeldía dos nobres contra a rexencia da nai do futuro Lois XIV, a Revolución francesa ou máis preto da actualidade maio do 68, París foi sempre o corazón de acontecementos que marcaron a historia de Francia.

Os parisii e Lutecia

O curso medio do río Sena, onde comeza a se remansar en amplos meandros, foi dende polo menos o século segundo antes da nosa era territorio dos galos Parisii, cuxa vila principal disque poida que estivese preto de Nanterre, onde se teñen atopado restos dun poboado dunhas 15 Ha.

Os romanos de César, que a conquistaron no 52 a.C. (resultando incendiada e destruída polos mesmos galos antes que entregada), refírense a ela coma Lutetia e esa foi a denominación que tamén lle deron a vila que fundaron uns dez quilómetros ao leste, augas arriba do río, na súa beira esquerda (en torno ao cambio de era).

Así, a Lutecia romana configúrase coma vila-vao sobor do Sena no sitio máis axeitado, aproveitando a Illa da Cité no medio do curso (dúas pontes de madeira dende o comezo, actuais Petit Pont e Grand Pont). A ruta norte-sur, importante arteria no tramado da Galia, convértese no cardo maximus da cidade (actual rue St. Jacques, rúa de Santiago), en cuxo punto máis elevado, no monte de Santa Xenoveva (actual Panteón), situarase o foro. Ao longo dos séculos I e II completarase a infraestrutura urbana co anfiteatro (Arenas de Lutecia), Termas de Cluny e teatro.

A partir da metade do século III ata finais do IV, a inseguridade no Imperio Romano conduciu ao repregamento e progresivo abandono da cidade altoimperial, refuxiándose a poboación minguada na protección da Illa da Cité. Deféndese cunha pequena muralla e un castrum no extremo oeste (residencia imperial en ocasións). No cardo máximo levántase unha basílica civil e non lonxe de alí (inmediacións de Nôtre Dame) posiblemente estivera a casa particular que servira de primeira igrexa cristiá.

París, capital dos francos merovinxios miniatura|século VI Dende o 285 os pobos xermánicos tiñan atacado a cidade (que xa era chamada París); Atila e os seus hunos decidiron pasar de longo no 451 pero o rei franco Clodoveo I conquistouna finalmente facéndoa a súa capital no 508.

Trala súa conversión ao catolicismo, el e mailos seus sucesores van erixir as primeiras igrexas da cidade: San Xervasio na beira dereita (testemuña da expansión ao norte); o conxunto catedralicio do leste da Illa da Cité, cunha primeira basílica (St. Etienne, 528), baptisterio e Hotel Dieu (hospital, 651); e a abadía de St.Germain des Prés na abandonada beira esquerda (543).

Os carolinxios deixaron a París nun segundo plano reducida a condado, e foron os seus condes quen, na defensa da cidade fronte aos ataques normandos na segunda metade do século IX, se significaron para a recuperación da súa importancia. Deles xurdiu a dinastía dos capetos, que reinarían sobre Francia e progresivamente farían de París a súa capital. Roberto o Piadoso reside frecuentemente nela facendo restaurar o palacio da Cité e as abadías (comezos do século XI).

Neste século tamén comeza o pulo de París coma cidade do ensino e a cultura. Ao primeiro en torno á catedral e cando o lugar queda pequeno, trasladarase a escola ao monte de Santa Xenoveva na beira esquerda, xermolo da Sorbona. Pola súa parte, a beira dereita (que comezara o seu desenvolvemento tralas destrucións normandas da outra beira) é xa un aglomerado de entidade urbana con varias parroquias (San Martin des Champs, St. Germain l'Auxerrois) e o mercado (praza de Greve) xunto a San Xervasio. A cidade comeza a bascular cara ao norte.

Esplendor medieval: Filipe Augusto e San Luís miniatura|300px|século XIII Quizais sexa esta a época na que París define a súa personalidade, a que a levará a ser unha das máis importantes da historia. En primeiro lugar, hai que destacar o seu triplo carácter, expresado ademais na súa configuración física: a cité, a ville e a université.

Cité Na illa que lle dá nome, foi sempre o corazón de París dende a época das invasións xermánicas. Sede dos poderes político (pazo real na punta oeste) e relixioso no extremo leste. En 1163, o bispo Sully emprende a tarefa de substituír a vella catedral merovinxia por unha acorde coa nova importancia da cidade e os novos métodos de construción: eríxese nun gótico exemplar a Catedral de Nôtre Dame.

Ville Na beira dereita do Sena, a derradeira en ser urbanizada pero a de máis fácil expansión. Dende o comezo adquire un carácter comercial (a Hanse Parisienne): porto e praza do mercado na Greve que en 1137 e trasladado polo enorme aumento da actividade á zona das futuras Halles permanecendo alí por oito séculos. Université O terreo da antiga Lutecia na beira esquerda (rive gauche), arrasado polos bárbaros, vai sendo ocupado por diferentes colexios e institucións de ensino que constituirán a Universidade de París (Sorbona), de prestixio universal, e gran poder (independente do civil da cidade) e influencia na época.

Todo este conxunto será o que o rei Filipe Augusto unificará cunha gran muralla (1190-1220, 273 Ha). Para a súa mellor defensa ergue en 1202 unha fortaleza ao oeste na beira dereita: o primeiro Louvre . Ademais fai pavimentar as rúas principais da cidade.

O seu neto, San Luís rei (1226-70), engade no pazo da Cité a Sainte Chapelle, unha alfaia do gótico, coma culminación dun século de ouro para a capital e toda Francia.

Período de disturbios: Guerra dos Cen Anos, peste negra, guerras de relixión O século XIV comezou con París coma a meirande cidade de Europa (220.000 h), pero de seguido viñeron as turbulencias. Nun ambiente de enfermidade e guerra, os burgueses revolvéronse contra o poder real reivindicando unha maior autonomía (Etienne Marcel, preboste de París e líder, instaura a casa do concello na praza de Grève). O rei Carlos V acabou coa revolta e construíu unha dobre defensa: contra o inimigo exterior, os ingleses, un novo cinto mural na beira dereita (1356-83 ); e contra o inimigo interior, os burgueses, mandou erixir no leste da cidade a fortaleza da Bastilla, que protexía as novas residencias reais (Hotel St.Pol, Hotel de Tournelles). A corte mantívose afastada da capital ata o século XVI e non volveu nunca ao centro da cidade, é dicir, á Cité.

O primeiro achegamento foi a decisión de Fancisco I de facer da fortaleza medieval do Louvre un pazo renacentista (1528-46). Nesta época comeza a preocupación pola estética urbana coas primeiras ordenanzas e regulamentos sobre materiais e aliñacións. Así tamén levanta unha nova casa do concello axeitada para a cidade, o Hôtel de Ville (1533) (París, 1572).

Séculos XVII e XVIII : modelo de capital da monarquía absoluta Será Henrique IV, trala fin das guerras de relixión, o primeiro monarca en elaborar un plan de traballos públicos para a expresión urbana do poder real. Inténtanse crear novos centros significativos cuxo paradigma será a invención da place royale (praza real), espazo urbano regular arredor da estatua do soberano convertido en foco perspectivo.

Un avance, rematando a punta oeste da Cité, será a Place Dauphine (1607) co Pont Neuf (primeira ponte en pedra e sen edificacións enriba, asemade de beira a beira aínda que en dous tiros); pero o exemplo por antonomasia é a Praza dos Vosgos (1605-12), no terreo da antiga residencia real de Tournelles, preto da Bastilla. Despois, xa a fins de século, na zona de expansión por riba do Louvre (distrito Richelieu), a Place des Victoires (1682-7) e a Place Vendôme (1698). miniatura|300px|Vista de París en 1618 coa ampliación de Richelieu miniatura|300px|Planta de París en 1705 cos primeiros bulevares no canto das murallas

Entre medias, no tempo de Lois XIII e o cardeal Richelieu, as propostas urbanas son da iniciativa privada. Así urbanízase a Illa de San Luís (1610-50), inmediata polo leste á da Cité. Ademais, como a avoa do rei, Catarina de Medici, mandara erixir un pazo con xardíns fóra de murallas, o das Tullerías, a necesidade de protexelo fixo preciso ampliar as fortificacións polo lado do Louvre (1563-1634), e todo o novo terreo gañado (coñecido coma distrito Richelieu) urbanízase nos anos sucesivos. Así o propio pazo do cardeal coñecido hoxe coma Palais Royal.

En 1637, do deseño dos xardíns reais vaise encargar André le Nôtre, que pasará á historia coma o creador do xardín barroco (tamén en Versalles). Vai elaborar a idea dun espazo escenográfico realizado por grandes eixos en perspectiva. Co Xardín das Tullerías dá inicio a un grande eixo monumental que nos séculos seguintes definirá a París (futuros Campos Elisios ata o Arco do Triunfo) . O primeiro fito será a Praza da Concordia (última das reais, 1755-63), enorme bisagra de unión entre as Tullerías e a natureza; entre o Sena e a cidade.

Finalmente, co apoxeo da monarquía no reinado de Lois XIV, este manda facer de París unha "cidade aberta", a primeira que derruba as súas murallas (1664). No seu lugar, amplos e longos paseos arborados. Nace o boulevard. E no canto das portas de muralla, portas monumentais simbólicas. Así a Porta St.Denis (1672) e a Porta St.Martin (1679) pechando as dúas grandes rúas transversais homónimas da beira dereita. Asemade remata nestes anos a Cour Carré do Louvre (comezada por Francisco I), o corazón do pazo que conecta mediante unha longa á coas Tullerías.

Pola súa banda, na beira esquerda tamén comezan a se producir os primeiros desenvolvementos fóra dos antigos muros de Filipe Augusto que terán repercusión na configuración final da cidade: así o palacio de Luxemburgo mandado facer pola consorte de Lois XIII, María de Médicis, en 1612 e cuxos xardíns son hoxe o parque máis importante do centro de París; e lindando co barrio (faubourg) de St.Germain polo oeste, o gran conxunto dos Inválidos, hospital e igrexa, esta última (1679-91) exemplo magno do barroco francés. Case que un século máis tarde, Lois XV manda erixir no outeiro de Santa Xenoveva o Panteón (1754), alborecer dun novo estilo nun tempo novo, o neoclasicismo.

Revolución e Imperio esquerda|miniatura|200px|Rúa de Saint Denis no 1802 miniatura|dereita|300px