Os xacios ou xacias son seres da mitoloxía galega coa metade inferior de peixe e a metade superior humana, masculina ou, sobre todo, feminina. Segundo as lendas, encántalles a auga e habitan nas pozas que se forman nos ríos.

Parece ser que o bispo Hidacio (no século V) describiu no seu Cronicón a existencia duns estraños peixes no río Miño:

Uns autores identifican Lais como a parroquia de Laias, Cenlle no concello de Cenlle, e outros como Martín Sarmiento coa parroquia de Alais no concello do Castro de Caldelas.

Lendas e tradicións Coñécense lendas sobre as xacias en Chouzán (Carballedo, Lugo) ou no rego do Vao, en Sober (Lugo).

As xacias do Castro de Marce Corre a seguinte lenda sobra a xacia do Castro de Marce (ou castelo de Chouzán).

Existe unha raza de xacios que viven nos profundos pozos do río Miño, ó pé do castro de Marce. Estes xacios presentan forma humana, así é que o mesmo viven no interior do referido castro que no máis fondo das augas do Miño. Dunha volta, estaba pescando nas beiras do río un veciño do lugar de Marce (en Vilar de Ortelle (Pantón) e viu unha xacia, bela e fermosísima. A xacia díxolle que, se a bautizaba, quedaría desencantada e casaría con el.

O pescador aceptou e bautizouna, e conforme ó acordado, realizouse o matrimonio. Os fillos que naceron deste matrimonio gustraban de bañarse no Miño, en regatos e en cantos tanques de auga existen no citado lugar, o que motivaba continuas reprimendas do pai pola súa excesiva tendencia ó baño, ata que un día, xa canso, berroulles: "Marchade de aquí, fillos dunha xacia!" A xacia, que tamén estaba a fartar del porque lla rifaba continuamente, abandonouno e volveu ó seu lugar de orixe. Pero os xacios non a aceptaron, por converterse en cristiá, e descuartizárona nas profundidades do río. O home, pasado o enfado, saíu en busca da súa compañeira pero só atopou, nas abas do Castro de Marce, as entrañas da que fora a súa muller flotando sobre as augas.

As xacias de Marce Unha das fillas deste home, chamada Sabela, ía con frecuencia ó castro cunhas ovellas. Alí fíxose amiga dunha xacia que veu xunta ela e regaláballe grans de millo mouro que tiñan a virtude de converterse en grans de ouro ó regresar a casa, pero esixíndolle que non dixera nada disto a ninguen. Pero a meniña terminou contándollo ó pai.

A seguinte vez que foi coas ovellas ó monte xa non regresou. O pai buscouna por canto sitio hai pero ó achegarse ó castro escoitou unha voz que dicía: "Sabeliña, Sabelón, fritida está en aceitón", e era que as xacias comérona como castigo pola súa indiscreción.Tamén se lle atribúen ós mouros este hábito antropófago, e unha lenda practicamente igual -pero recollida no Incio- corre respecto ós mouros, tamén con Sabela como protagonista (González Reboredo: Lendas galegas de tradición oral, Galaxia 1983, 44-45).

Estas historias da xacia de Chouzán foi recollida por Nicanor Rielo Carballo na súa compilación de literatura popular nas terras de Carballedo.Rielo Carballo, px. 107-108.. Engade que existen outras versións nas que se trata dunha moura que vivía no río ou ben dunha muller -sen máis datos- encantada.Rielo Carballo, px. 20.

Noutra versión da mesma lenda trátase, simplemente, como unha rapaza de Marce que estaba de criada e mandábana ó castro coas ovellas. Había alí unha figueira que daba unhas béveras moi negras e xunto a ela, pero xa no río, un pozo moi fondo. Un día, a rapariga viu saír do río un estraño ser que parecía metade peixe e metade persoa, e que empezou a subir polo souto arriba. Do susto e medo que pasou, nunca máis quixo volver coas ovellas para aquel sitio.

Notas

Véxase tamén Bibliografía

Tenreiro Bermúdez, Marcial (2007): "A lenda melusínica no folclore galego: Apuntamentos sobre o culto e o popular". in, García Hurtado, M-R (ed.): De culturas, lenguas y tradiciones. Actas II Simposio de Estudios Humanisticos, Universidade da Coruña. VAQUEIRO, Vítor: Mitoloxía de Galiza. Lendas, tradicións, maxias, santos e milagres. Ed. Galaxia, Vigo 2011.

Outros artigos

Mitoloxía celta Mitoloxía galega Serea Tritón

Ligazóns externas "Un lugar rodeado de lendas populares e pouco estudado ata agora polos arqueólogos", artigo en La Voz de Galicia, 9 de decembro de 2007. "Mitología de la Península Ibérica - Galicia", Canal Historia 2011 .

Categoría:Mitoloxía galega