miniatura|A vidreira da Reforma nunha igrexa luterana de Carolina do Sur mostra escenas claves da Reforma protestante. A Reforma protestante, ou simplemente a Reforma, foi un movemento de reforma cristiá no Sacro Imperio Romano Xermánico que xeralmente se considera que comeza a partir da publicación das 95 Teses de Martiño Lutero, en 1517, aínda que existen unha serie de precursores como Jan Hus anteriores a este evento. Como período histórico, a Reforma considérase que termina coa Paz de Westfalia en 1648 dando fin ás guerras de relixión en Europa; con todo, moitas das denominacións que se produciron durante este período seguen existindo e o protestantismo constitúe unha das ramas máis importantes do cristianismo hoxe en día. Aínda que o movemento comezou como unha tentativa de reformar a Igrexa católica, os movementos acabaron coa escisión dos grupos reformistas e co establecemento de novas institucións, principalmente, o luteranismo, o calvinismo e o anabaptismo.

Moitos católicos de Occidente estaban descontentos coas falsas doutrinas e malas prácticas dentro da Igrexa, as cales consideraban impropias, especialmente no caso da venda de indulxencias. Outra controversia importante foi a práctica de compra e venda de posicións de prestixio no seo da Igrexa (simonía), considerada naquel tempo como unha auténtica corrupción na xerarquía eclesiástica. Esta corrupción considerábase sistémica, chegando mesmo á posición do Papa.

A Reforma en xeral considérase que comeza o 31 de outubro de 1517, na actual rexión alemá de Saxonia, cando Martiño Lutero cravou unha copia das súas noventa e cinco teses na porta da igrexa do castelo de Wittenberg, que se empregaba como taboleiro de avisos para a universidade. Nestes noventa e cinco puntos, Lutero expuña as súas críticas á igrexa e ao Papa. Os puntos máis controvertidos centrábanse nas prácticas de venda de indulxencias e na doutrina da igrexa referente ao purgatorio. Os predecesores espirituais de Lutero foron homes como John Wycliffe e Jan Hus. Outros pastores e teólogos de ideas radicais, como Huldrych Zwingli e Jean Calvin, seguiron o camiño iniciado por Lutero. As crenzas e prácticas da igrexa atacadas polos reformistas incluían o purgatorio, o xuízo particular ás almas, a devoción pola Virxe María, a intercesión dos santos, a meirande parte dos sacramentos, o celibato que debían gardar os sacerdotes e os monxes, e maila autoridade do Papa.

O movemento de reforma axiña se dividiu en diferentes liñas doutrinais. Os desacordos entre Lutero e Zwingli, e máis tarde entre Lutero e Jean Calvin, conduciron á aparición das igrexas protestantes rivais. As denominacións cristiás máis importantes que xurdiron directamente da Reforma foron os luteranos, os reformados/calvinistas/presbiterianos e os anabaptistas. A Reforma protestante tamén é coñecida como a Reforma xermánica, a Revolución protestante, a Revolta protestante e, en Alemaña, a Reforma luterana. O proceso de reforma diferenciouse de forma notábel dos acontecementos de Inglaterra, que levarían á formación da Igrexa anglicana. Alí, o período de reforma coñécese como a Reforma inglesa. Asemade, os reformistas tamén aceleraron o proceso de Contrarreforma na Igrexa católica. A Reforma implicou aspectos culturais, económicos políticos e relixiosos

Historia e orixes miniatura|Bula Exurge Domine, Contra Errores Martine Lutheri et sequatium: Bula contra os erros de Martiño Lutero e os seus seguidores (15 de xuño de 1520), pola que o papa León X o ameaza coa excomuñón se non se retracta de 41 puntos incluídos nas súas famosas 95 teses sobre as indulxencias do 31 de outubro de 1517, nas que Lutero, indignado, atacaba a idea de que a compra das bulas podía ser causa de perdón de penas espirituais; feito habitual na época e onde a causa ocasional foi que o papa León X arrendaba as bulas de indulxencias á banca Fugger para obter diñeiro para a construción da basílica de San Pedro do Vaticano. Lutero queimou publicamente a bula (10 de decembro de 1520) e a excomuñón fíxose efectiva (3 de xaneiro de 1521). Estas datas son fitos da Idade Moderna, pero non pasarían de ser unha disputa teolóxica se non atopasen o formidable eco que a difusión da imprenta lle permitiu, e se non fosen acollidos por unha sociedade madura para recibilos e uns axentes políticos dispostos e capaces de aproveitar o seu potencial. Antecedentes Todas as correntes protestantes maioritarias sitúan a súa separación da Igrexa católica no século XVI. A orixe do protestantismo denomínase Reforma maxisterial porque o movemento foi apoiado polos maxistrados, a autoridade lexislativa (a diferenza da Reforma radical, que non tivo apoio da administración). As organizacións protestantes antigas, como a Unitas Fratrum que despois daría lugar á Igrexa de Moravia, sitúan a súa orixe no tempo de Jan Hus, en principios do século XV, cando se produciu unha gran crise na Igrexa católica en Europa Occidental debido aos numerosos problemas de corrupción eclesiástica e falta de piedade relixiosa. Foi a venda de indulxencias para financiar a construción da basílica de San Pedro en Roma o que provocou finalmente que a cristiandade occidental se dividise en dúas, unha liderada pola Igrexa católica, que tras o Concilio de Trento se reivindicou a si mesma como a única herdeira válida da cristiandade occidental expulsando calquera disidencia e suxeitándose á autoridade do Papa, e outra metade que fundou varias comunidades eclesiásticas propias, xeralmente de carácter nacional para -na súa maioría- rexeitar a herdanza cristiá medieval e buscar a restauración dun cristianismo primitivo idealizado. Isto deu lugar a que Europa quedase dividida entre unha serie de países que recoñecían ao Papa como supremo e único xefe da Igrexa católica, e os países que rexeitaban a autoridade de Roma e que recibiron o nome de protestantes. Deseguido, os protestantes apareceron en moitos lugares de Alemaña, nun tempo no cal o Imperio Otomán ameazaba territorios xermanos. Este feito apartaba a atención dos príncipes xermanos das emerxentes revoltas internas. Dita división provocou unha serie de guerras relixiosas en Europa. Como estaba dirixida por unha maioría de nobres de Bohemia, esta foi a primeira Reforma maxisterial en Europa. En parte, a protesta pode explicarse polos acontecementos dos séculos anteriores en Europa e particularmente en Bohemia.

Orixes e precursores: séculos XIV e XV As tensións debidas ao Gran Cisma de Occidente (1378–1416) provocaron guerras entre príncipes, levantamentos campesiños e unha crecente preocupación pola corrupción xeral na Igrexa, feitos que foron algúns dos precursores do proceso. O mundo internacionalista da Idade Media tamén foi desafiado por un emerxente nacionalismo.

John Wycliffe (c.1320-1384), da Universidade de Oxford, e Jan Hus, da Universidade de Praga, foron os primeiros en propoñer unha nova perspectiva eclesiástica. A Igrexa católica concluíu oficialmente o debate co Concilio de Constanza (1414–1417). O conclave condenou a Jan Hus, que foi queimado na fogueira o 6 de xullo de 1415, malia o seu compromiso de boa conduta. Wycliffe tamén foi queimado por herexe despois de morto (1428).

O Concilio de Constanza confirmou e reforzou a concepción medieval da Igrexa e o Imperio. Non se trataron nel as tensións nacionais, nin as tensións teolóxicas que axitaban Europa no século anterior. Porén o concilio non puido previr o cisma e as guerras husitas en Bohemia.

A axitación social provocou reflexións sobre a organización da sociedade, e neste ambiente xurdiu a Reforma protestante. Coa crise das institucións monásticas e a escolástica, acentuada pola catividade babilónica do papado de Aviñón, o Gran Cisma e o fracaso do conciliarismo, no século XVI comezou o gran debate cultural sobre reformas e, en xeral, sobre os valores relixiosos.miniatura|upright|esquerda|Execución de Jan Hus in 1415Os historiadores asumen que o fracaso da Reforma suporía unha maior axitación ou quizais unha revolución, debido a que o sistema debía axustarse ou desintegrarse, e o fracaso do movemento conciliar favoreceu a Reforma en Europa. A represión dos movementos de reforma, xunto coa situación política, económica e demográfica, contribuíu ao descontento da sociedade co poder e a riqueza do alto clero, e sensibilizou o pobo fronte á corrupción da Igrexa no Renacemento.

O resultado da Peste Negra alentou a levar a cabo unha reorganización radical da economía e, finalmente, da sociedade europea. Nos centros urbanos emerxentes, as calamidades do século XIV e principios do XV e a conseguinte escaseza de man de obra proporcionaron un forte impulso para a diversificación económica e as innovacións tecnolóxicas.

Despois da Peste, a perda inicial de vidas por causa da fame, das pragas e da pestilencia, contribuíu a unha intensificación da acumulación de capital nas zonas urbanas e, xa que logo, un estímulo para o comercio, para a industria e o crecemento urbano en ámbitos tan diversos como a banca, os téxtiles, o armamento, especialmente estimulado pola Guerra dos Cen Anos, e a minería de mineral de ferro, debido, en gran parte, ao sector do armamento. A acumulación de excedentes, o exceso de competencia e maior competitividade para aumentar ao máximo o beneficio económico, contribuíron a guerras civís, ao militarismo agresivo e á centralización. Como resultado directo da transición para a centralización, líderes como Lois XI de Francia (1461-1483), trataron de eliminar todas as garantías constitucionais sobre o exercicio da súa autoridade. En Inglaterra, Francia, España, o movemento para a centralización iniciado no século XIII consumouse.

A invención da tipografía levaría os protestantes a unha nova tradución celosa da Biblia e facela accesible aos laicos. Isto fomentaría a cultura da alfabetización bíblica.

O humanismo da época do Renacemento estimulou a efervescencia académica dunha forma sen precedentes, e levou a unha preocupación pola liberdade académica. Comezáronse a levar a cabo debates teóricos de alto nivel nas universidades sobre a natureza da igrexa, e da fonte e o alcance da autoridade do papado, dos concilios e dos príncipes.

Século XVI miniatura|Retrato de Martiño Lutero, iniciador da Reforma protestante en 1517. miniatura|Ulrich Zwingli. miniatura|Jean Calvin As protestas contra Roma, comezaron en serio cando Martiño Lutero, que era monxe agostiño e profesor da universidade de Wittenberg, apelou en 1517 pola reapertura do debate sobre a venda de indulxencias. As desconformidades de Lutero marcaron un repentino gromo cunha nova e irresistible forza dun descontento que fora apartado pero non resolto. A rápida propagación do descontento produciuse en gran medida debido á imprenta e á rápida circulación das ideas e documentos incluídos nas 95 Teses. A información tamén se difundiu amplamente en forma manuscrita, así como en gravados e xilografías baratas, entre os sectores máis pobres da sociedade.

Paralelamente aos acontecementos en Alemaña, un movemento similar empezou en Suíza baixo a dirección de Ulrich Zwingli. Estes dous movementos puxéronse de acordo axiña sobre a maioría das cuestións, a medida que o recente uso da imprenta permitía unha rápida propagación de ideas dun lugar a outro, pero algunhas diferenzas non resolvidas mantivéronos separados. Algúns seguidores de Zwingli crían que a reforma era demasiado conservadora e independentemente trasladáronse cara a posicións máis radicais, que teñen continuidade nos nosos días entre os anabaptistas. Outros movementos protestantes creceron ao socairo das liñas do misticismo e do humanismo, ás veces rompendo con Roma, ou dos protestantes, ou formándose fóra das igrexas.

Logo desta primeira etapa da Reforma, a consecuencia da excomuñón de Lutero e da condena da Reforma polo Papa León X, a tarefa e os escritos de Jean Calvin influíron no establecemento dun consenso entre os diferentes grupos en Suíza, Escocia, Hungría, Alemaña e outros lugares.