A avestruz (Struthio camelus) é unha ave corredora da familia dos estruciónidos, e está considerada a ave máis grande do planeta. Presenta unha cabeza pequena e pelada, cos ollos grandes e o bico ancho e aplanado de forma triangular. Ten as patas moi longas, e é a única ave con dous dedos en cada pé. Pode chegar a medir até dous metros e medio de altura e non dá voado.

É orixinaria de África, vive nas chairas abertas, formando grupos nas sabanas e nos desertos, onde a súa altura lle permite avistar os posíbeis depredadores que a poidan atacar. Pode coller velocidades de máis de 70 quilómetros por hora e se se atopa apresada ataca coas patas e usa as poutas, como paxaro que é, como arma de defensa.

Aniña no chan e os seus ovos son os de maior volume de tódalas aves, poden medir vinte centímetros de longo. Cada femia pon até doce ovos e varias no mesmo niño. Cando os ovos se abren, o macho faise cargo das crías, podendo reunir crías de diferentes femias. No seu medio natural aliméntanse sobre todo de sementes e de froitas, mais domesticadas comen practicamente de todo

Tamén hai outras grandes aves que nas anteriores clasificacións eran incluídas entre as corredoras fóra do continente africano: o ñandú é a maior de América do Sur; o casuario e o emú, os maiores de Australasia. No Madagascar extinguiuse en 1700 a ave elefante ou dinornis, algo máis baixa que unha moa, tamén extinta, pero máis pesada.

Lingüística Etimoloxicamente falando a palabra avestruz vén do occitano provenzal strutz que pola súa banda deriva do latín struthĭo e esta do grego στρουθíων, abreviación de στρουθκαμελος, palabra composta por στρουθιο (struthio=gorrión ou pardal) e καμελος (kamelos=camelo), pardal (grande coma un) camelo.

Subespecies Struthio camelus camelus Struthio camelus molybdophanes Struthio camelus massaicus Struthio camelus australis Struthio camelus syriacus (extinta).

Imaxes de avestruces en Galicia

Notas

Véxase tamén

Ligazóns externas Vídeos de avestruces

Categoría:Struthioniformes Categoría:Fauna de África Categoría:Animais descritos en 1758