Un nicho para Marilyn é unha novela negra escrita por Miguel Anxo Fernández Fernández publicada en xaneiro de 2003. É a primeira entrega das aventuras do detective de orixe galega residente nos Ánxeles Frank Soutelo.

Trama

Frank Soutelo recibe o encargo dunha señora maior, ex-actriz de segunda fila, de atopar o cadáver de Marilyn Monroe, dado que o seu nicho está baleiro.

O detective indaga no camposanto máis famoso dos Ánxeles, cheo de restos de famosos de Hollywood. Alí contacta con Tabasco, un policía de orixe mexicana adscrito a unha brigada especial. Dita brigada encárgase de loitar contra o contrabando de cadáveres, algo común entre necrófilos e entre xente podente que desexa ter os restos dos seus seres adorados.

Narración O libro está narrado en primeira persoa, pero con moitas chiscadelas* ó lector. Porén, en certas ocasións trátase dun narrador omnisciente, que coñece os sentimentos e situacións que non coñece o detective, narrador principal. Malia todo, recoñece que para a narración, non escrita de modo voluntario, senón que foi requirida por unha editorial, foi axudado por varios "negros"·

Ó ser a primeira aventura da saga, ocupa certo tempo en presentarse. Fala da súa orixe e do seu pasado, así como de como coñeceu á súa secretaria e de relación entre eles.

O detective coñece moi ben a cidade californiana polos seus tempos de policía, pero tamén coñece bos restaurantes rexentados por galegos. Axudado pola súa secretaria Pat, desenvólvese ben en diferentes ambientes, utilizando diferentes vehículos e traxes segundo a situación o requira.

Ademais de moitas referencias cinematográficas, tamén hai homenaxes á cultura galega, como na gastronomía ou na música.

Traducións Ao inglés por Kathleen March co título de A Niche for Marilyn publicado en 2016 por Small Stations Press.Ficha en BiTraGa.

Notas

Véxase tamén Ligazóns externas Ficha na páxina da editorial

Categoría:Novela negra en galego Categoría:Obras literarias de 2003 Categoría:Obras literarias de Miguel Anxo Fernández Categoría:Novelas ambientadas en California Categoría:Editorial Galaxia Categoría:Obras gañadoras do Premio García Barros