miniatura|250px|Diagrama dun bordo destrutivo causando terremotos e unha erupción volcánica Un volcán é unha estrutura xeolóxica pola cal emerxe magma (rocha fundida) e gases do interior dun planeta. O ascenso ocorre xeralmente en episodios de actividade violenta denominados erupcións, nas cales o volcán inxecta altas cantidades de poeira, gas e aerosois na atmosfera, podendo causar arrefriamento climático temporal.
Ao acumularse o material arrastrado do interior fórmase unha estrutura cónica en superficie que pode atinxir alturas dunhas centenas de metros ata varios quilómetros. Ao conduto que comunica o reservorio de magma ou cámara magmática en profundidade coa superficie denomínaselle cheminea. Esta termina na cima do edificio volcánico, o cal esta rematado por unha depresión ou cráter.
Algúns volcáns, logo de sufrir erupcións grandes, colápsanse formando enormes depresións nas súas cimas que superan o quilómetro de diámetro. Estas estruturas reciben o nome de caldeiras.
A viscosidade (fluidez) das lavas guindadas por volcáns esta controlada pola súa composición química. Así, lavas máis fluídas, ou de tipo hawaiano, teñen composicións ricas en ferro e magnesio e teñen un contido baixo en sílice. Estas ó saír da cheminea almacénanse no cráter ou caldeira ata deitar por fóra, formándose ríos de lavas que poden fluír distancias de varias decenas de quilómetros.
As lavas viscosas teñen un alto contido en sílice e vapor de auga. Dado que flúen pobremente, forman un tapón na cheminea o que dá lugar a erupcións explosivas, aumentando o tamaño do cráter. En casos extremos poden destruír completamente o edificio volcánico como sucedeu durante a erupción do Monte Santa Helena en 1980.
A lava non erupciona sempre dende unha cheminea central xa que pode abrirse camiño a través de aberturas nos flancos do volcán. Se estas erupcións son continuas poden dar lugar ao que se coñece como cono parasito. O Monte Etna ten máis de 200 destes conos parasitos e algúns deles só expulsan gases. Estes últimos chámanse fumarolas.
Polo xeral os volcáns están asociados aos límites de placas tectónicas, aínda que hai excepcións como o vulcanismo de puntos quentes ou hot spots situados no interior de placas tectónicas tal como é o caso das illas Hawai, teoría barallada tamén para a orixe do Arquipélago Canario.
No 2020 confirmouse que as erupcións volcánicas poden ser favorecidas por períodos de chuvias intensas.
Os xeólogos clasificaron os volcáns en tres categorías: volcáns en escudo, conos de cinzas e conos compostos (tamén coñecidos como estratovolcáns).
O volcán coñecido máis grande do Sistema Solar é Olympus Mons, situado en Marte e actualmente inactivo, cuns 600 km de base e uns 27 km de altura. Outras estruturas volcánicas salientables poden atoparse na superficie de Ío. miniatura|300px|Erupción dun volcán
Actividade volcánica A saída de produtos gasosos, líquidos e sólidos lanzados polas explosións constitúe o paroxismo ou erupcións do volcán. A actividade consiste no desprazamento das rocas ígneas ou en estado de fusión, desde o interior da cortiza terrestre cara ao exterior. Estes materiais saen á superficie terrestre como ríos de rocas fundidas.
A actividade volcánica pode supor cambios do clima, chegando a facer que durante un ano non haxa verán (como ocorreu en Europa e os Estados Unidos en 1816). As emisións (gases e cinza) poden afectar á atmosfera facendo que baixan as temperaturas. Se estas emisións á atmosfera ocorren na zona de converxencia intertropical, permite a súa expansión pola atmosfera do planeta.
Os volcáns pódense clasificar de diferentes maneiras tendo en consideración varios factores. Unha maneira popular de clasificar os volcáns magmáticos é pola súa frecuencia eruptiva. Os que teñen erupcións de maneira regular dise que están activos. Os que entraron en erupción en tempos históricos, pero agora non mostran actividade dise que están latentes ou durmidos, e os que non entraron en erupción en tempos históricos considéranse extintos. Con todo, estas clasificacións teñen un carácter popular e, especialmente, supor a extinción dun volcán, non ten unha base demasiada científica. Os científicos usan clasificacións que se refiren aos procesos de formación e erupción dun volcán en particular e ás formas resultantes.
Volcáns activos miniatura|esquerda|Erupción do volcán Etna en Sicilia, (Italia), vista desde a Estación Espacial Internacional.
Os volcáns activos son aqueles que entran en actividade eruptiva. A maioría dos volcáns tan só de maneira ocasional entran en actividade e permanecen en repouso a maior parte do tempo. Afortunadamente para os seres vivos, que sofren a súa forza destrutiva, só uns poucos están nun proceso de erupción continua. O período de actividade eruptiva pode durar desde unha hora até varios anos. Este foi o caso do Pacaya. Os intervalos de calma entre erupcións poden durar meses, décadas e nalgúns casos, mesmo séculos. Aínda así, non se descubriu aínda un método seguro para predicir as erupcións.
Non existe un consenso real entre os vulcanólogos para definir cando un volcán está activo. A vida útil dun volcán pode variar desde meses até varios millóns de anos. Esta distinción, a miúdo non ten demasiado sentido sobre todo cando se compara coa expectativa de vida dos seres humanos ou, mesmo, das civilizacións. Por exemplo, moitos dos volcáns da Terra activáronse ducias de veces nos últimos mil anos, pero actualmente non están a mostrar signos de erupción. Tendo presente, pois, a longa vida útil dos volcáns estes son moi activos. Pero en comparación coa duración da vida humana, algúns poden facer interpretacións diferentes.
Os científicos adoitan considerar un volcán activo se actualmente está en erupción ou, se non é o caso, porque presentan sinais de inestabilidade, como pode ser unha actividade sísmica infrecuente ou unha emisión significativa de gases. Hai un certo consenso ao considerar que un volcán está activo se entrou en erupción ao longo do período Holoceno. A definición do Smithsonian Global Volcanism Program é que un volcán activo ten que estalar nos últimos 10 000 anos (o período Holoceno). Os tempos históricos son un prazo máis concreto para consideralos activos."Volcanoes". U.S. Department of the Interior, U.S. Geological Survey. Con todo, é importante sinalar que o lapso da historia difire de rexión a rexión. Na China e no Mediterráneo, a historia escrita remóntase a máis de 3.000 anos, pero no Noroeste Pacífico dos Estados Unidos e o Canadá, tan só é duns 300 anos, e en Hawai e Nova Zelandia, ao redor duns 200 anos."Mountains of fire: the nature of volcanoes". Robert Wayne Decker, Barbara Decker (1991), p.7,
Na actualidade no mundo hai preto de 500 volcáns activos, a gran maioría ao longo do Cinto de lume do Pacífico; e ao redor de 50 deles entran en erupción cada ano."Volcanoes ". European Space Agency. Segundo algunhas estimacións, hai máis de 1500 volcáns potencialmente activos."Sensing Remote Volcanoes". NASA Earth Observatory. Só nos Estados Unidos teñen controlados 50 volcáns activos."Volcano Environments". U.S. Geological Survey. Estímase que 500 millóns de persoas viven preto de volcáns en actividade."Volcanoes ". Reuters. 12 de decembro de 2009.
Volcáns durmidos e extintos miniatura|Volcán Tavurvur de Papúa-Nova Guinea, 2009. miniatura|esquerda|Erupción espectacular de Mont Saint Helens, estado de Washington. Os volcáns durmidos son aqueles que manteñen certos sinais de actividade, como poden ser a existencia de augas termais, e entraron en actividade de maneira esporádica. Dentro deste tipo de actividade adoitan considerarse as fumarolas e os volcáns cuns longos períodos de inactividade entre erupción e erupción.
É difícil distinguir un volcán extinguido dun que está durmido. Os volcáns xeralmente son considerados extintos se non hai rexistros documentados da súa actividade. Con todo, hai volcáns que poden permanecer latentes durante un longo período. Por exemplo, o do Parque Nacional de Yellowstone ten un período de repouso e de actividade periódica de preto de 700 ka; e o volcán de Toba, ao redor de 380 ka. O Vesuvio foi descrito polos escritores romanos como se a súa contorna estivese cuberta de xardíns e viñas antes da súa famosa erupción do ano 79, que destruíu as cidades de Herculano e Pompeia.
Antes da catastrófica erupción do ano 1991, o volcán Pinatubo tiña unha actividade bastante discreta, e era descoñecida pola maioría da xente que vivía na zona. Máis recentemente, o moi inactivo volcán de Soufrière Hills, na illa Montserrat, considerábase que estaba extinguido ata que retomou a actividade no ano 1995. Outro exemplo recente é o Fourpeaked, en Alasca, que até a súa erupción en setembro de 2006, non entrara en erupción dende hai uns 10.000 anos e creuse durante moito tempo que estaba extinguido.
Os volcáns extintos son aqueles que estiveron en actividade durante períodos moi afastados e non hai indicios de que poidan reactivarse no futuro. Son moi frecuentes, aínda que a inactividade que os describe pódese reactivar novamente en moi raras ocasións, estes volcáns xeralmente deixaron de mostrar actividade dende hai moitos séculos antes de ser considerados extintos.
A actividade eruptiva é case sempre intermitente, posto que os períodos de paroxismo son seguidos por outros de repouso, durante os cales o volcán parece extinguido; pódense citar os casos do monte Vesuvio, o Teide, o Teneguía ou o monte Fuji.
Efectos
A erupción dun volcán é considerada unha grave catástrofe natural, por veces de consecuencias planetarias. Así como outros desastres desa natureza son imprevisíbeis e causan danos indiscriminados.
Por outro lado, os arredores dos volcáns, formados de lava arrefriada, tenden a estar formados por chans bastante fértiles para a agricultura.
Frecuentemente considéranse causantes de contaminación natural.
Clasificación de volcáns Os volcáns xeralmente clasifícanse nas seguintes categorías:
Volcán de escudo: volcáns que expulsan cantidades enormes de lava que gradualmente van alongando o seu cráter e arredores. Os volcáns das Illas Hawai son exemplos dese tipo, e alongan as illas a cada erupción. Os seus fluxos de lava son xeralmente moi quentes e fluídos. Conos volcánicos: resultan de erupcións que descartan basicamente anacos pequenos de pedras, que se acumulan arredor da abertura. As súas erupcións son relativamente pequenas e breves, e producen unha cuíña (cono) de 30 a 300 metros de altura. Volcáns compostos (ou estratovolcáns): son montañas altas en cono, compostas de fluxos de lava e material expelido. Exemplos: o Monte Fuji no Xapón, o Vesuvio na Italia, e o Erebus na Antártida). Super volcáns: son unha clase de volcáns que teñen un caldeira grande e que potencialmente poden producir devastacións en escala continental, e causar mudanzas climáticas globais importantes.
Volcán de escudo ou en escudo miniatura|300px|Volcán Kanaga en Alasca, o 27 de xaneiro de 1994 Cando a lava expulsada polo volcán é fluída, do tipo hawaiano, o volcán adquire unha forma dunha estrutura ampla e abovedada, que pola súa aparencia son denominados “en escudo”. Un volcán en escudo está formado principalmente por lavas basálticas (ricas en ferro) e pouco material piroclástico. O maior volcán da Terra é o Mauna Loa, un volcán en escudo nas illas Hawai. O Mauna Loa nace nas profundidades do mar a uns 5000 metros e elévase sobre o nivel do mar por uns 4.170 metros, cuns 9,5 km de altura é maior que o Monte Everest. Os volcáns en escudo como o Mauna Loa fórmanse ao longo de millóns de anos grazas a ciclos de erupcións de lava que se van superpondo unhas con outras.