Avelino Cachafeiro Bugallo, O Gaiteiro de Soutelo, nado en Soutelo de Montes o 26 de maio de 1899 e finado na mesma vila o 13 de abril de 1972, foi un gaiteiro galego.
Traxectoria miniatura|Estatua aos gaiteiros de Soutelo de Montes. Avelino, Castor, Bautista e Fermin Cachafeiro. De familia de gaiteiros da Terra de Montes, aprendeu do seu avó Juan e tocaba polas carballeiras en canto coidaba do gando. O seu pai, Fermín, regaloulle as súas propias gaitas, deixándoas para dedicarse só ao bombo. Formou o grupo de gaiteiros Os Gaiteiros de Soutelo cos seus irmáns Castor (gaita) e Bautista (voz e caixa), o seu pai Fermín (bombo) e a súa tía Andrea, que algunhas veces se axuntaba a eles para tocar o pandeiro. No grupo Avelino era o símbolo, o director, o compositor; nunha palabra, a alma do grupo.
En 1922 entrou no coro da Sociedade Artística de Pontevedra. Con só 25 anos foi proclamado o mellor gaiteiro de Galicia no concurso celebrado en Santiago en 1924 (a parte literaria gañouna Eladio Rodríguez González), na véspera do día do Apóstolo. Castelao inmortalizou o momento nunha memorábel caricatura na que aparece o retrato invertido de Rosalía de Castro no fol da súa gaita.
Cara a 1928 gravaron para a compañía Regal as seguintes pezas:
"Foliada de Barro de Areu".No título aparece errado *Areu por Arén. Solo de gaitas e canto. "La Alfonsina". Muiñeira. Dúo de gaitas. "Eicho de dar queridiña". Foliada. Dúo de gaitas. "A volta da festa" (pasarrúas). Dúo de gaitas. "Estróupeles-Tróupele". Muiñeira. Dúo de gaitas. "Rianxeira". Foliada Rías Baixas. Dúo de gaitas. "Fandango de Pontevedra". Dúo de gaitas. "Muiñeira de Chantada". Solo de gaita por Avelino Cachafeiro "Foliada de Luxán". Dúo de gaitas. "Farruquiña, chaman á porta". Muiñeira. Dúo de gaitas. "Foliada de Tenorio". Solo de gaita e canto. "Alborada de Rosalía de Castro". Dúo de gaita por Avelino e Bautista Cachafeiro.
Xiras e retirada Xunto cos seus irmáns Castor e Bautista, Os Gaiteiros de Soutelo, percorreu toda Galicia, así como Buenos Aires, Montevideo, Brasil ou Barcelona. En 1928 morreu Fermín e en 1933 Bautista. A guerra civil española esfarelou o grupo, sorprendéndoos tocando en Barcelona, territorio republicano, mentres Galiza quedaba no nacional. A Cultural Obreira levounos a Madrid para dar ánimos ás tropas que alí loitaban, e cando se dirixían a Berlín para tocar nos Xogos Olímpicos de 1936, decidiron volver á casa por Lisboa. Así rematou o grupo.
Nunca máis tocou en público, o que fixo medrar aínda máis a súa lenda. Dedicouse á poesía, a pintura e á súa faceta empresarial (unha funeraria, unha sala de festas e unha gasolineira).
Outros labores En 1969 publicou o libro de poemas, Voando coas aas da vida, con prólogo de Ramón Otero Pedrayo.
A discográfica galega Ouvirmos recuperou e editou un disco dos gaiteiros de Soutelo.
Notas
Véxase tamén Bibliografía
Troitiño, Rubén (2023). 1924-2024 | Avelino Cachafeiro, cen anos do nomeamento coma mellor gaiteiro de Galicia. Revista Cousas de
Ligazóns externas Galicia espallada Xentes de Forcarei Asociación Amigos da Terra de Montes Avelino Cachafeiro Bugallo - Músicas da Terra de Montes
Categoría:Artigos destacados Categoría:Artigos destacados sobre Galicia Categoría:Gaiteiros de Galicia Categoría:Nados en 1899 Categoría:Nados en Forcarei Categoría:Finados en 1972 Categoría:Personalidades da música e o baile tradicional de Galicia