A dislalia (de dis, "dificultade", "anomalía", e do grego λαλεῖν, "falar") é un trastorno da articulación dos fonemas, consistente na incapacidade de pronunciar correctamente certos fonemas ou grupos de fonemas debido a problemas nos órganos do aparello fono-articulatorio, non aos problemas do sistema nervioso central.

É un problema común e leve, habendo moita variedade segundo o fonema afectado. Os nomes concretos segundo o fonema problemático proveñen do alfabeto grego (sigmatismo, rotacismo, deltacismo...).

Tipos A dislalia evolutiva (ou fisiolóxica, ou do desenvolvemento) dáse a consecuencia dunha falta de desenvolvemento do aparello fonador. Non é patolóxica, xa que responde a unha maduración lenta. A dislalia auditiva (ou audióxena) débese a unha hipoacusia (non a unha xordeira) que impide discriminar ben os sons. A dislalia orgánica (ou disglosia) débese a unha alteración ou malformación anatómica dos órganos periféricos do aparello fonador. A dislalia funcional débese a un mal uso dos órganos, sen lesión o malformación destes. Adoita afectar a fonemas coma o /r/, /k/, /l/, /s/, /z/, ou /ch/, derivando en substitucións, omisións e insercións.

En ocasións o neno é consciente do problema e intenta evitalo, pero non é quen de facer o movemento muscular desexado.

Etioloxía Pódese deber á predisposición xenética, á deprivación psicosocial (afectiva, social, cultural, educativa ou económica), ou ao atraso mental. Hai catro causas: A permanencia de esquemas de articulación infantil. Afecta ao plano semántico, e pode deberse á hiperprotección (causa funcional). O déficit de percepción auditiva ou hipoacusia (causa orgánica). A mobilidade deficiente dos músculos da lingua (causa funcional ou orgánica). Os hábitos incorrectos de deglutición (causa funcional).

Idade de detección As dislalias deben ser estudadas en función da idade e do proceso de adquisición da linguaxe. A partir dos 48 meses xa se pode falar de dislalia, pois a maioría de nenos xa teñen unha correcta articulación dos fonemas.

Erros de articulación máis comúns A substitución dáse ante a dificultade de pronunciar un son, sendo mudado por outro. Pode darse ao principio, no medio ou a final de palabra. Ex.: rato → tato. A omisión ten lugar cando non se emite o fonema que dá problemas. Ex.: rato → ato. A inserción consiste na inclusión dunha vogal no medio dun grupo consonántico. Ex.: prato → parato, tres → terés. A distorsión é unha pronunciación similar á correcta, pero non exacta. A inversión implica un cambio na orde das sílabas dunha palabra. Ex.: cocholate.

Véxase tamén Bibliografía

Categoría:Trastornos da linguaxe