Anagnórise é unha novela amorosa de María Victoria Moreno, publicada pola Editorial Galaxia en 1988, da que se fixeron varias reedicións e traducións.

Segundo Montse Pena "A novela pódese ler en clave de texto feminista iconoclasta, porque os prexuízos machistas do protagonista son transformados continuamente pola muller adulta... que o acolle no seu coche, en que se agudizan as características da empatía, a capacidade comunicativa e a sensibilidade".

Trama

Nicolau Arís é un rapaz das Rías Baixas que ten problemas na súa casa e decide deixalo todo e marchar a Madrid en autostop. Recólleo Xulia Andrade, unha escritora da zona, aínda que durante a viaxe non se din como se chaman. Nun principio el está descontento porque o recollese unha muller, pero sorpréndese ao ver que ela sabe moito de coches. Detéñense a comer polbo á feira nunha pequena vila, e despois fan unha excursión a un mosteiro feminino. Despois de estar a piques de bater frontalmente contra un camión, detéñense nunha área de servizo.

Durante a viaxe Nicolau explícalle que marcha porque logo de que cinco anos atrás a súa irmá máis nova morrese afogada, a súa nai comezou a beber e o seu pai embarcou nun pesqueiro. Amais, sofre por desamor cunha rapaza e por desencontros cun amigo seu. Estas conversas coa condutora sérvenlle a Nicolau para ser consciente de si mesmo. O título da novela fai referencia á anagnórise, un topos clásico da trama narrativa -especialmente do teatro- no que un personaxe é recoñecido por outros (ou se dá conta el mesmo) na súa verdadeira identidade.

Ao chegaren a Madrid sepáranse. Ela marcha a un hotel, e déixalle o seu contacto. El vai a un piso cuns amigos, e lévalles medio quilo de haxix para fumar e vender. Unha semana despois Nicolau vai ao hotel para ver a Xulia, pero en recepción dinlle que ela morreu nun accidente de tráfico. De regreso a Galicia, no camposanto descobre que Natalia, a súa namorada, é filla de Xulia.

Edicións e traducións Apareceu nas coleccións Costa Oeste, Árbore e Biblioteca Galega 120.

Foi traducida ao castelán pola propia autora co título de Natalia: Anagnórisis publicado en 1989 por Pirene EditorialFicha en Biblioteca de tradución galega. Ao éuscaro por Joxe Azurmendi como Izen baten bila publicado en 1997 por Euskal Liburu eta Kantuen Argitaldaria Ficha en Biblioteca de tradución galegaIzen baten bila imaxe da portada.. Ao catalán por J. C. Ortega e Xulio Ricardo Trigo co título de Natalia: Anagnòrisi publicado en 1999 por Tàndem Edicions, Col. La motoFicha en Biblioteca de tradución galega.

Narración miniatura|A traseira dun Toyota Estima Lucida. Unha imaxe deste modelo de coche ilustrou algunha das edicións.Anagnórise en Google Books. O relato está posto en boca dun narrador intradiexético en primeira persoa que combina o monólogo interior co diálogo coa outra protagonista da obra para transmitir os seus pensamentos e preocupacións.

Espazo A acción desenvólvese a xeito de "road-movie" nunha viaxe en coche desde un punto indeterminado da costa galega ata Madrid e combina referencias a espazos reais (Madrid, Benavente…) con outros inventados, aínda que con raíz claramente galega (Vilanova da Abra, Vilalonga, monte Brandariz…)

Tempo A maior parte da acción desenvólvese nun día de primavera desde algún momento posterior ás nove da mañá (hora na que o protagonista comeza a facer autostop), cando o colle a condutora do coche e a caída da noite, cando chegan a Madrid. O penúltimo capítulo narra os aproximadamente dez días que Nicolau pasa en Madrid e o último sitúase no momento do enterro de Xulia.

Personaxes Nicolau Arís é un rapaz de 17 anos, confuso e inseguro, que foxe dos seus problemas pensando que en Madrid todo será mellor pero axiña se desengana e cando sabe que Xulia morreu, madura de golpe.

Xulia, de quen non se sabe a súa identidade ata o final, é unha muller adulta, tamén cos seus problemas e contradicións, que serve de contrapunto a Nicolau e o fai ver as cousas dende outro punto de vista.

Marcos é o “amigo” de Nicolau, co que se atopa en Madrid e quen o convenceu de que Natalia lle fora infiel con el.

Natalia, que só aparecerá no capítulo final, é a moza de Nicolau e verdadeiro motor do comportamento deste.

Notas

Véxase tamén

Bibliografía

Ligazóns externas Ficha da obra na Biblioteca Virtual Galega

Categoría:Obras literarias de 1988 Categoría:Novelas en galego Categoría:Obras literarias de María Victoria Moreno Categoría:Editorial Galaxia