miniatura|Cerimonia de firma do Tratado de Lisboa. A Unión Europea () (UE) é unha organización internacional constituída por 27 estados europeos. Moitos dos seus obxectivos herdáronse da CEE, en vigor dende a década de 1950, porén esta comunidade non adoptou o nome de UE até 1992 durante o Tratado da Unión Europea (normalmente coñecido como Tratado de Maastricht). As tres sedes principais da Unión Europea atópanse en Bruxelas, Luxemburgo e Estrasburgo. O 12 de outubro de 2012 a Unión foi galardoada co Premio Nobel da Paz pola súa "contribución ao avance da paz e reconciliación, democracia e dereitos humanos en Europa".

A Unión Europea ten moitas actividades, entre as que destacan a creación dun mercado europeo único (ou sexa unha unión aduaneira), dunha moeda única (adoptada por 16 dos 27 estados membros) e dunha política agrícola, pesqueira, comercial e de transportes común. A Unión Europea desenvolve tamén varias iniciativas para a coordinación das actividades xudiciais e de defensa dos Estados Membros, así como trata de equiparar o desenvolvemento das diversas rexións mediante compensacións económicas, e de fortalecer a propia unión creando vínculos culturais e de cooperación por medio de programas específicos de mantemento de proxectos a escala europea e intercambio de persoas.

O Tratado de París (1951), establecendo a Comunidade Europea do Carbón e do Aceiro (CECA), e o Tratado de Roma (1957), instituíndo a Comunidade Económica Europea e a Comunidade Europea da Enerxía Atómica ou Euratom, foron asinados por seis membros fundadores: Alemaña, Bélxica, Francia, Italia, Luxemburgo e Países Baixos. Bélxica, Países Baixos e Luxemburgo acordaran anteriormente formar o chamado Benelux.

Despois disto, a UE realizou seis ampliacións sucesivas: en 1973 Dinamarca, Irlanda e o Reino Unido; en 1981 Grecia; en 1986 España e Portugal; en 1995 Austria, Finlandia e Suecia; o 1 de maio de 2004, República Checa, Chipre, Eslovaquia, Eslovenia, Estonia, Hungría, Letonia, Lituania, Malta e Polonia; o 1 de xaneiro de 2007, Bulgaria e Romanía; o 1 de xullo de 2013 Croacia.

En 1972 e 1994, Noruega asinou tamén tratados de adhesión á Unión Europea. Porén e sempre a través de referendos, a poboación norueguesa rexeitou a adhesión do seu país. Macedonia do Norte, Islandia, Montenegro e Turquía son candidatos a adhesión á UE. As negociacións con Turquía, e Macedonia aínda non se iniciaron formalmente e polo tanto aínda non hai unha data definida para a súa incorporación.

Historia Orixes da Unión Europea

9 de maio de 1950: naceu Europa miniatura|esquerda|200px|Países fundadores da CECA. O século estivo marcado pola ascensión e caída das ideoloxías totalitarias. Na primavera de 1950 Europa atópase á beira do abismo. A guerra fría fai pesar a ameaza dun conflito entre as partes do Leste e Oeste do continente. Cinco anos despois da fin da segunda guerra mundial, os antigos adversarios de ámbalas beiras están lonxe da reconciliación. Procurouse evitar repetir os erros do pasado e crear condicións para unha paz duradeira entre inimigos tan recentes.

O miolo do problema era a relación entre Francia e Alemaña. Era preciso crear unha relación forte entre estes dous países e reunir ao seu redor todos os países libres de Europa a fin de construír conxuntamente unha comunidade cun destino común. Jean Monnet, coa súa experiencia única como negociador e construtor da paz, propón ao Ministro de Asuntos Exteriores francés, Robert Schuman, e ao Chanceler alemán Konrad Adenauer centrar as súas políticas nun interese común entre ámbolos países: a xestión sobre o control dunha autoridade independente do mercado do carbón e do aceiro. A proposta é formulada oficialmente o 9 de maio de 1950 por Francia e recibe unha fervorosa acollida en Alemaña, Italia, Países Baixos, Bélxica e Luxemburgo.

O Tratado que constituíu a primeira Comunidade Europea, a Comunidade Europea do Carbón e do Aceiro (CECA), será asinado en abril de 1951, abrindo as portas das realizacións concretas a Europa. Seguiron outras realizacións, ata chegar á Unión Europea actual, que se está abrindo ao leste dun continente do que estivo demasiado tempo separada.

25 de marzo de 1957: a Comunidade Económica Europea O plan Schuman dera orixe a unha Comunidade especializada en dous dominios decisivos, mais limitados: o carbón e o aceiro. Baixo a presión da guerra fría, leváronse a cabo diversas medidas nos dominios da defensa e da unión política para as que a opinión pública non estaba aínda preparada. Os seis Estados-membros da CECA escolleron polo tanto unha nova área de integración no dominio económico: a creación dun mercado único.

O Tratado de Roma de 25 de marzo de 1957, que institúe a Comunidade Económica Europea (CEE), crea instrucións e mecanismos de toma de decisión que permiten dar expresión tanto aos intereses nacionais como a unha visión comunitaria. A Comunidade Europea constitúe de aí en diante o eixe principal en torno do cal se vai organizar a construción europea.

De 1958 a 1970, a abolición dos dereitos aduaneiros ten repercusións espectaculares: o comercio intracomunitario é multiplicado por seis, ao paso que os intercambios comerciais da CEE co resto do mundo son multiplicados por tres. No mesmo período, o produto nacional bruto medio da CEE aumenta un 70%. Seguindo o padrón dos grandes mercados continentais, como o dos Estados Unidos de América, os axentes económicos europeos saben tirar proveito da dinamización resultante da abertura das fronteiras. Os consumidores habitúanse a que lles sexa proposta unha gama cada vez máis variada de produtos importados. A dimensión europea tórnase unha realidade. En 1986, a sinatura da Acta Única permitirá abolir as outras restricións, de orde regulamentar e fiscal, que atrasaban aínda a creación dun mercado interno xenuíno, totalmente unificado.

20 de xullo de 1963: Iaundé, os indicios dun papel internacional miniatura|dereita|200px|Bandeiras da Unión Europea en París. Cos seus destinos a unírense no continente, os Estados fundadores da Comunidade Europea asinan coas súas antigas colonias africanas, en 1963, unha convención que garante a estas últimas certas vantaxes comerciais e axudas financeiras. A Convención de Lomé, que se seguiu á de Iaundé, aplícase actualmente a 70 países de África, do Caribe e do Pacífico, tornándose a Unión Europea na maior fonte de axuda pública ao desenvolvemento. A cooperación estendeuse igualmente, baixo outras formas, á maior parte dos países de Asia e de América Latina.

O 28 de novembro de 1995, os 15 países da Unión Europea e 12 países do sur do Mediterráneo estabelecen unha parcela que deberá conducir á creación dunha zona de comercio libre, combinada con acordos de cooperación nos dominios social, cultural e humano.

No século XXI espérase á afirmación da Europa como potencia de paz, dende que a Unión promova a estabilidade e o desenvolvemento nos grandes grupos rexionais que a envolven. Grazas ao papel que desempeña nos intercambios comerciais mundiais e ao seu peso económico, a Unión é xa un participante respectado nas grandes instancias internacionais, tales como a Organización Mundial do Comercio ou a ONU.

Progresivamente, a Unión apóiase no seu potencial económico para desenvolver a súa influencia política e afirmarse cunha soa voz. O Tratado da Unión Europea, de 1992, fixa o obxectivo e as modalidades dunha Política Externa e de Seguridade Común (PESC), que inclúe, a prazo fixo, a definición dunha política de defensa común. Mais os europeos deberán aínda facer numerosos esforzos para harmonizar a súa diplomacia e a súa política de seguridade. É ese o prezo, que presupón unha vontade política real dos Estados-membros, para que a Unión poida defender os seus intereses e contribuír á creación dun mundo de paz e de xustiza.

1 de xaneiro de 1973: primeira ampliación da Comunidade Europea A Unión Europea atópase aberta a todos os países europeos que a ela pretenden adherirse e que respecten os compromisos asumidos nos Tratados da fundación e subscriban os mesmos obxectivos fundamentais. Existen dúas condicións que determinan a aceptación dunha candidatura á adhesión: a localización no continente europeo e a práctica de todos os procedementos democráticos que caracterizan o Estado de dereito.

Así, Dinamarca, Irlanda e o Reino Unido adhírense á Comunidade o 1 de xaneiro de 1973. A estas adhesións seguiulle unha ampliación ao Sur do continente, durante os anos 80, con Grecia, España e Portugal, tras a súa afirmación democrática. A terceira onda de adhesións, que tivo lugar en 1995, traduce a vontade dos países da Europa escandinava e central de se xuntar a unha Unión que ten vindo a consolidar o seu mercado interno e se afirma como o único pólo de estabilidade no continente, ademais da desagregación do bloque soviético.

De seis a nove, de doce a quince membros, a Europa comunitaria vai gañando influencia e prestixio. Debe manter un modo de decisión eficaz, capaz de xestionar o interese común en proveito de todos os seus membros, preservando simultaneamente as identidades e as especificidades nacionais e rexionais que constitúen a súa riqueza. O maior desafío para o que se preparan actualmente os europeos consiste en acoller os xa adheridos países da Europa central, balcánica, mediterránea e báltica. De cara ao futuro, os retos eran atopar os recursos necesarios para que os novos países atinxisen o nivel económico e estrutural dos países da UE no máis breve prazo, e doutra banda adaptar as institucións para que estas puidesen continuar a cumprir as súas misións en beneficio dunha Unión de máis de 25 Estados-membros.

7-10 de xuño de 1979: primeiras eleccións directas do Parlamento Europeo por sufraxio universal O Parlamento Europeo desempeña un papel fundamental no equilibrio institucional da Comunidade: representa os pobos de Europa e caracteriza a natureza democrática do proxecto europeo. Dende a súa creación, dotado de poderes de control do ramo executivo, o Parlamento Europeo dispón igualmente de poder lexislativo, na forma dun dereito de ser consultado sobre os principais textos comunitarios, poder que se foi ampliando progresivamente para se transformar nun verdadeiro dereito de co-decisión lexislativa. O Parlamento comparte, ademais diso, co Consello da Unión Europea o poder orzamentario.

Ata 1979, os membros do Parlamento Europeo eran membros dos parlamentos nacionais, que os nomeaban para representalos en Estrasburgo. A partir de 1979, pasaron a ser elixidos por sufraxio universal directo en cada un dos países da Unión, por mandatos de cinco anos. Os cidadáns escollen así os deputados que terán asento, non en delegacións nacionais, mais en grupos parlamentarios transnacionais, representativos das grandes correntes de pensamento político existentes no continente.

A ambición de crear entre os Estados-membros unha relación especial, que lles permita xestionar os seus intereses e as súas diferenzas segundo as mesmas regras de dereito e os mesmos procedementos de arbitraxe que unen os cidadáns dun Estado democrático, é totalmente revolucionaria na práctica das relacións internacionais. "Nós non ligamos Estados, nós unimos ás persoas", escribía Jean Monnet. Deste xeito, as institucións europeas, articulando e conciliando permanentemente os intereses dos cidadáns en canto tales, deben ser fortes e equilibradas. A dialéctica sutil que funciona dende hai preto de cincuenta anos entre o Consello da Unión Europea, o Parlamento Europeo, a Comisión Europea e o Tribunal de Xustiza da Unión Europea, representa indubidabelmente unha adquisición fundamental da construción europea, sendo a chave do seu éxito.

17 de febreiro de 1986: sinatura do Acto Único Europeo