Julio Álvarez Mosquera, nado en Caracas (Venezuela) o 1 de maio de 1981, é un exfutbolista e adestrador galego. Xogaba de centrocampista.
Fillo de emigrantes galegos en Venezuela, aos catro anos a súa familia volveu a Galicia, onde Julio desenvolveu unha longa carreira como futbolista, con 18 tempadas e case 500 partidos como profesional entre Primeira e Segunda División. Destacou especialmente no Numancia, club no que xogou nove tempadas e do que é o máximo goleador histórico.
Foi internacional coas seleccións de Venezuela e Galicia, así como coas categorías inferiores da selección española.
Traxectoria
Como futbolista
Comezos (1981-2000) Fillo de emigrantes galegos en Venezuela, a súa familia regresou a Galicia cando el tiña catro anos, instalándose en Sada. Comezou a xogar ao fútbol no Rayo Sadense e logo pasou ao Ural, onde anotou 31 goles na tempada 1996/97, chamando a atención do Deportivo da Coruña, que o incorporou ás súas categorías inferiores no verán de 1997.
Na súa primeira tempada no Deportivo, sendo aínda xuvenil, debutou co Fabril na Segunda División B da man de Carlos Ballesta, nun partido contra o Cacereño en febreiro de 1998. Xogou varios partidos máis co filial coruñés esa tempada e ao remate desta fichouno o Real Madrid.
Xogou cos filiais brancos de Segunda División B e Terceira División, e disputou algún amigable co primeiro equipo.
Racing de Santander (2000-2002) No ano 2000 foi cedido ao Racing de Santander, de Primeira división. O seu debut en Primeira produciuse na xornada 3 da tempada 2000/01, fronte ao FC Barcelona no Camp Nou, xogando como titular. O seu balance no seu primeiro ano en Santander foi de 16 encontros e un gol, logrado na Copa do Rei fronte ao Burgos CF, nunha campaña na que o Racing acabou perdendo a categoría. Ao ano seguinte o Real Madrid volveuno ceder ao equipo cántabro, que logrou ascender de novo, contribuíndo Julio Álvarez con 34 partidos e o seu primeiro gol na Segunda División na vitoria por 0-4 contra o Córdoba.
Rayo Vallecano (2002-2003) Na tempada 2002/03 volveu saír cedido, esta vez ao Rayo Vallecano por petición expresa do adestrador Fernando Vázquez. Alí anotou 8 goles, tres deles nun triplete contra o seu ex equipo, o Racing de Santander, no Teresa Rivero, pero que foron insuficientes para que o equipo conseguise a permanencia.
Real Murcia (2003-2006) En xullo de 2003 foi traspasado ao Real Murcia, que volvía estar en Primeira 15 anos despois. Militou no club murciano tres anos, xogando 73 partidos e marcando 7 goles.
1ª etapa no Numancia (2006-2008) En 2006 fichou polo CD Numancia, equipo no que xogou un papel clave na tempada 2007/08, na que o equipo dirixido por Gonzalo Arconada se proclamou campión da categoría e logrou o ascenso matemático a falta de catro xornadas.
Almería (2008-2009)
Tras terminar contrato co Numancia, o mesmo ano do ascenso, fichou pola UD Almería, seguindo a Arconada, o novo técnico do equipo andaluz. Gozou da titularidade na primeira parte da tempada pero perdeuna coa chegada ao banco de Hugo Sánchez, co que non conxeniou, rescindindo o seu contrato ao remate da campaña.
RCD Mallorca (2009-2010) Despois de deixar Almería asinou por un ano polo Real Mallorca de Gregorio Manzano. Na illa realizou unha das súas mellores campañas, rematando con 7 goles e co equipo clasificado na quinta posición da Primeira División, a un só punto dos postos de Liga de Campións.
CD Tenerife (2010-2011) Na tempada 2010/11 asinou por tres anos co Tenerife, en Segunda División, onde se encontrou por terceira vez co adestrador Arconada. Con todo, Arconada foi só o primeiro dos cinco técnicos da tempada no equipo canario, que caeu ata a Segunda División B. O club entrou nun ERE e o futbolista fixo de novo as maletas cara a Península.
2ª etapa no Numancia (2011-2018) En agosto de 2011 anunciouse o seu regreso a Soria para xogar de novo no Numancia, onde coincidiu co seu ex compañeiro do Ural, Nano. Esta segunda etapa no club prolongouse durante 7 anos, nos que se converteu no máximo goleador da historia do club, con 57 goles. Ademais na tempada 2013/14 foi elixido mellor xogador da Segunda División. Despois dunha última tempada na que apenas puido xogar por mor dunha lesión no nocello que o levou ao quirófano, colgou as botas en 2018, con 264 partidos disputados co equipo soriano.
Seleccións nacionais Foi internacional en varias categorías inferiores da selección española. En 1998 participou coa sub-16 no Campionato Europeo en Escocia, conseguindo o terceiro posto. Ao ano seguinte conquistou coa sub-17 a Meridian Cup en Cidade do Cabo. Posteriormente xogou tamén na sub-18 e na sub-21.
En 2005 foi un dos integrantes da selección galega no histórico encontro que esta disputou contra o Uruguai no estadio de San Lázaro, inaugurando unha nova etapa do combinado galego. Xogou tamén os seguintes partidos contra Ecuador, o Camerún e Irán.
En outubro de 2011 debutou coa selección de Venezuela, despois de que se anulase a norma da FIFA que impedía xogar coa selección absoluta dun país despois de ter representado a outra nas categorías inferiores. Fíxoo contra a selección arxentina, nun partido de clasificación para o Mundial de 2014. Xogou un total de catro partidos coa selección venezolana.
Como adestrador Na tempada 2019/20 foi o segundo adestrador de Jon Pérez Bolo na SD Ponferradina.
Familia É irmán do exfutbolista e adestrador Javi Álvarez, que foi internacional coa selección española de fútbol praia.
Palmarés Torneos nacionais Numancia Segunda división (1): 2008.
Torneos internacionais Selección española sub-17 Meridian Cup (1): 1999
Notas
Véxase tamén Ligazóns externas Datos do xogador en BDFutbol .
Categoría:Nados en 1981 Categoría:Nados en Caracas Categoría:Nados na diáspora galega Categoría:Futbolistas da provincia da Coruña Categoría:Futbolistas de Venezuela Categoría:Centrocampistas de fútbol Categoría:Xogadores do Deportivo Fabril Categoría:Xogadores do Real Madrid C Categoría:Xogadores do Real Madrid Castilla Categoría:Xogadores do Real Madrid CF Categoría:Xogadores do Racing de Santander Categoría:Xogadores do Rayo Vallecano Categoría:Xogadores do Real Murcia Categoría:Xogadores do CD Numancia Categoría:Xogadores da UD Almería Categoría:Xogadores do RCD Mallorca Categoría:Xogadores do CD Tenerife Categoría:Xogadores da selección de fútbol de España sub-21 Categoría:Xogadores da selección de fútbol de Galicia Categoría:Xogadores da selección de fútbol de Venezuela Categoría:Venezolanos de ascendencia galega