Antonio Pérez Prado, nado o 19 de novembro de 1926 en Buenos Aires e finado na mesma cidade o 7 de setembro de 2009, foi un médico e intelectual galego-arxentino.

Traxectoria Naceu no barrio de Montserrat de Buenos Aires, sendo fillo dos inmigrantes galegos Francisco e Fe, natural el de Baamonde e ela de Parga. Tras realizar o servizo militar emigrou aos Estados Unidos, onde foi soldador e cronista de boxeo, ademais de boxeador. Ao seu regreso á Arxentina traballou como tradutor e estudou Medicina, entrando logo no Hospital Municipal de Buenos Aires e no sanatorio do Centro Galego.

Sen participar activamente en ningunha organización galeguista, a finais dos anos 50 entrou en contacto coa colonia galega e recuperou os lazos con Galicia da man de intelectuais como Neira Vilas e Luís Seoane. Participou activamente na creación da Asociación Argentina de Hijos de Gallegos, entidade conformada polos fillos de emigrantes galegos que compartían inquietudes nacionalistas.

Articulista na prensa arxentina e autor de varios tratados de divulgación científica, en 1973 publicou un clásico da literatura da emigración: Los Gallegos y Buenos Aires. Foi guionista do documental Castelao (Biografía de un ilustre gallego) (1980), do arxentino Jorge Prelorán. En 1993 denunciou á Editorial Planeta pola publicación dun libro de chistes de galegos, conseguindo que a editorial non volvese publicar máis libros do estilo.

Os seus restos foron enterrados no Panteón do Centro Galego.

Notas

Véxase tamén Ligazóns externas Antonio Pérez Prado, o home que si foi amigo de Castelao Entrevista en Cultura galega

Categoría:Galegos da Arxentina Categoría:Nados en Buenos Aires Categoría:Nados en 1926 Categoría:Finados en 2009 Categoría:Médicos de Galicia Categoría:Médicos da Arxentina Categoría:Personalidades sen imaxes