Alfredo Erias Martínez, nado en Presedo (Abegondo) o 29 de maio de 1954, é un historiador, pintor, debuxante e gravador galego. Foi director do Museo das Mariñas, en Betanzos, entre 1984 e 2022.

Traxectoria É licenciado en Xeografía e Historia e doutor en Historia da Arte pola Universidade de Santiago e traballou como arquiveiro-bibliotecario do concello de Betanzos desde 1983 até 2022. Entre 1989 e 1992 foi coordinador da Xunta de Galicia para a organización dos arquivos municipais da Coruña, Lugo e Ourense, realizando o inventario de 52 concellos galegos. Igualmente, desde 1984 até 2022, dirixiu o Museo das Mariñas (Betanzos) e a revista Anuario Brigantino e foi coordinador da revista Restauro. Revista Internacional del Patrimonio Artístico. É presidente da Fundación L. Monteagudo que, entre outras cousas, está a editar a Epigrafía Romana de Galicia.

Ademais do seu labor profesional como historiador e investigador, Alfredo Erias é coñecido polos seus detallados debuxos sobre os máis diversos aspectos da arte e historia medievais galegas: sepulcros, laudas, capiteis, relevos etc.

É membro correspondente do Instituto Cultural Galaico-Minhoto e socio honorario da Mesa para a Defensa do Galego en Asturias.

Obras Coma historiador publicou diferentes traballos en distintas revistas, especialmente no Anuario Brigantino, desenvolvendo aspectos etnográficos, económicos e históricos das idades media a contemporánea. Publicou tamén traballos sobre inventarización de arquivos municipais e eclesiásticos. Centra a súa actividade na comarca de Betanzos.

Dirixiu a edición facsimilar de El Censor primeiro periódico de Betanzos, de tendencia liberal e dirixido por Roque Ponte Peña. Este semanario editouse entre os anos 1883 e 1884.

En 1997 fundou, con María Teresa Garea, a editorial Briga Edicións, onde publicou a súa colección "Debuxos de Galicia", serie de carpetas con 10 a 14 láminas completadas cun estudo de cada elemento debuxado da cultura e arte galegas e, en ocasións, portuguesas. Os distintos cadernos están dedicados a Betanzos (I), ós cruceiros (II), á caza medieval (III), ós músicos do Pórtico da Gloria (IV) e ós cabaleiros medievais (V).

Notas

Véxase tamén Bibliografía Cuns Lousa, Julio: Gran Enciclopedia Galega, s. v. Erias Martínez, Alfredo

Ligazóns externas Páxina persoal Galegos.info "As laudas sepulcrais de San Francisco da Coruña I", en Anuario Brigantino 1994, nº 17 e II, en Anuario Brigantino 1998, nº 21 "La eterna caza del jabalí", en Anuario Brigantino 1999, nº 22 "O calendario medieval da igrexa de Santa María do Azougue: un achegamento ás súas imaxes", en Anuario Brigantino 2004, nº 27

Categoría:Nados en Abegondo Categoría:Nados en 1954 Categoría:Pintores de Galicia do século XX Categoría:Pintores de Galicia do século XXI Categoría:Historiadores de Galicia Categoría:Arquiveiros de Galicia Categoría:Enciclopedistas de Galicia Categoría:Alumnos da Universidade de Santiago de Compostela