Camilo Fernández González-Valdehorras, nado no Barco de Valdeorras o 25 de xuño de 1959, é un filólogo, profesor e escritor galego.

Traxectoria Tras vivir en Ribadeo, Mondoñedo e Lugo, estudou Filoloxía Hispánica e Dereito na Universidade de Santiago de Compostela. En 1980 fixou a súa residencia en Barcelona. É diplomado en dramaturxia, linguaxe audiovisual e dirección escénica polo Institut del Teatre de Barcelona e licenciado en Filoloxía Románica (Galego-portugués) e doutor en Filoloxía Románica pola Universidade de Barcelona, exercendo como profesor de Filoloxías galega e portuguesa na Facultade de Filoloxía de dita Universidade desde 1986.

Alí promoveu a creación da licenciatura en Filoloxía Galega, sendo redactor do plano de estudos de Filoloxía Galega e do Lectorado de Galego 1994, estando detrás de diversas actividades relacionadas co galego e coa cultura galega. Foi tamén profesor convidado na Universidade Autónoma de Barcelona entre 1995 e 1998, inaugurando o actual Lectorado de Galego en 1997. Foi un dos fundadores da Asociación de Escritores en Lingua Galega, e membro do Grupo Rompente. É tamén presidente do Foro Cívico Galego de Barcelona.

Obras Poesía A morte natal e outros poemas, 1999, Madrid.

Teatro Progreso e andrómena de Antroido. Farsa veraz e alegoría festiva, 1978, Edicións do Rueiro. Seoane e as andoriñas, 1996, Bule-Bule produccións-Maratón-Estudio.

Ensaio Breviario enciclopédico "don Eladio". Letras, historias e tradicións populares de Galicia, 2001, La Voz de Galicia.

Obras colectivas Silabario da turbina, 1978, Rompente. Alén do azul. Unha ducia de poetas galegos en Cataluña, 2000, Ediciós do Castro.

Premios Gañador do V Premio das Mostras de Teatro Abrente de Ribadavia, no 1977, por Progreso e Andrómena do Antroido. Mención de honra no Premio Rafael Dieste da Deputación da Coruña en 1994, por Seoane e as andoriñas.

Vida persoal É irmán de Xosé-Carlos Fernández González, consultor de empresas que, entre 2015 e xullo de 2018, exerceu o cargo de director xeral da Fundació Navegació Oceànica Barcelona (FNOB) e promotor da Barcelona World Race 2018-2019 (BMR), que se suspendeu por falta de apoio dos patrocinadores.

Notas

Categoría:Escritores en lingua galega Categoría:Escritores de Galicia Categoría:Profesores da Universidade de Barcelona Categoría:Poetas de Galicia Categoría:Galegos de Cataluña Categoría:Nados no Barco de Valdeorras Categoría:Nados en 1959

Categoría:Alumnos da Universidade de Santiago de Compostela