Jordi Hereu i Boher, nado en Barcelona o 14 de xuño de 1965, é un político catalán, alcalde de Barcelona dende 2006 até 2011, e militante do Partit dels Socialistes de Catalunya dende 1987.
En outubro de 2020 anunciouse que sería o novo presidente de Hispasat, a proposta da SEPI.
Dende 2023 é o ministro de Industria e Turismo do goberno de España.
Traxectoria Pasou a súa infancia no casco antigo do barrio de Sant Gervasi, a onde a súa familia se trasladou por obrigacións do negocio familiar (o seu pai era empresario do sector lácteo), logo de residir en Ciutat Vella e no Eixample. A súa familia, non obstante, é orixinal da comarca catalá do Pallars Jussà.
Cando era pequeno e mozo, Hereu foi escolta e cursou os seus estudos primarios e o bacharelato na Escola Sant Gregori, un centro escolar en Sarrià-Sant Gervasi que destacaba polo seu talante democrático. Posteriormente licenciouse en Administración e Dirección de Empresas e obtivo un MBA en ESADE. Foi membro das asociacións de estudantes AIESEC e Empresa Joventut entre 1986 e 1988.
Hereu está casado e ten dous fillos. Entre as súas afeccións destaca a lectura, o cinema e a música.
Alcalde de Barcelona O 29 de agosto de 2006 anunciouse a súa designación como candidato do seu partido a suceder a Joan Clos á fronte da alcaldía da cidade, cuxo substitución tivo lugar o 8 de setembro de 2006, debido á designación de Clos como responsable do Ministerio de Industria, Turismo e Comercio.
Nos comicios electorais do 27 de maio de 2007, a lista encabezada por Jordi Hereu foi a máis votada, conseguindo 14 concelleiros. Co apoio de Iniciativa per Catalunya, Hereu foi novamente investido Alcalde o 16 de xuño de 2007.
O 22 de maio de 2011 perdeu as eleccións contra Xavier Trias de CiU, que foi investido alcalde o 1 de xullo.
Ministro de Industria e Turismo
En novembro de 2023, o presidente do Goberno, Pedro Sánchez, propuxo a Hereu como novo ministro de Industria e Turismo. Após ser nomeado polo rei Filipe VI, tomou posesión do cargo o 21 de novembro de 2023 no palacio da Zarzuela.
Notas
Véxase tamén Ligazóns externas
Categoría:Alcaldes de Barcelona Categoría:Nados en Barcelona Categoría:Nados en 1965 Categoría:Ministros de España