miniatura|300px|Historieta Little Sammy Sneeze (1904-06) por Winsor McCay. Un cómic ou historieta é unha forma de arte visual que forma unha historia secuenciada espacialmente por medio de viñetas ilustradas. Coñécese por tira cómica a historieta breve dunha única liña horizontal que se publica en xornais e revistas e só constitúe banda deseñada cando ademais de debuxos conta con texto integrado nas viñetas. Un sistema de comunicación artística similar é a novela gráfica.

Profundando un pouco máis, pódese dicir que normalmente a banda deseñada (que se basea na síntese da linguaxe verbal, icónica e secuencial) é un medio principalmente narrativo, aínda que é posible encontrármonos algunhas ligadas coa descrición, ensaio ou mesmo poesía (líricas).

A banda deseñada é denominada tamén literatura de imaxe, narrativa debuxada ou arte secuencial. O papel predominante na narración é o das imaxes; as palabras están subordinadas sendo posible a súa total desaparición.

En España celébrase desde o ano 2023 o 17 de marzo como Día do Comic, conmemorando o inicio da publicación da coñecida revista de historietas TBO, que deu nome ó xénero da banda deseñada en España. O cartel do evento para 2025 foi deseñado pola coruñesa Bea Lema.

Historia Diversas manifestacións da antigüidade e da idade media poden axustarse á definición de banda deseñada: pinturas murais exipcias e gregars, relevos romanos, vitrais de igrexas, manuscritos iluminados con viñetas cadradas que conteñen debuxos en secuencia narrativa, como as Cantigas de Santa María de Afonso X o Sabio, códices precolombianos, Biblia pauperum, o tapiz de Bayeux etc. Coa invención da imprenta (1446) producíronse xa aleluias e coa litografía (1789), iniciouse a reprodución masiva de debuxos, entre elas as imaxes de Épinal. O artista Hokusai é un antecedente da banda deseñada xaponesa.

Na primeira metade do século XIX, destacan pioneiros como Rodolphe Töpffer, mais será na prensa como primeiro medio de comunicación de masas, onde máis evolucionou a banda deseñada, primeiro en Europa e despois nos Estados Unidos. Neste país implantouse definitivamente o globo de diálogo, grazas a series maioritariamente cómicas e de grafismo caricaturesco como The Yellow Kid (1894), xeralmente considerado a primeira banda deseñada contemporánea, The Katzenjammer Kids (1897), Krazy Kat (1911) ou Bringing up father (1913). Rapidamente popularizouse esta forma nos xornais dos EEUU, aparecendo obras dunha gran calidade artística como Little Nemo in Slumberland de Windsor McCay, recoñecido por moitos como a primeira obra mestra do medio. Ata os anos 40 houbo un crecemento moi importante, pasando de ser pequenas tiras infantís, a seriais con páxinas completas a todo cor nos xornais más importantes e a aparecer revistas e libros. Aínda que en principio era considerado infantil ou humorística, a BD creou series como Terry and the pirates que tiñan forza e drama suficiente para saírse desa clasificación. Comezaron a triunfar as tiras de aventuras de grafismo realista, como Flash Gordon (1934) ou Prince Valiant (1937). Estas invadiron Europa a partir de 1934 con Le Journal de Mickey, aínda que con resistencias como Tintín (1929) e Le Journal de Spirou (1938), e movementos orixinais como a novela en imaxes. A partir deses anos, as tiras de prensa estadounidenses comezaron a acusar a competencia dos comic-books protagonizados por superheroes.

Trala segunda guerra mundial, as escolas arxentina, franco-belga e xaponesa adquiriron un gran desenvolvemento, grazas a figuras como Oesterheld, Franquin e Tezuka, respectivamente. Entre os anos 20 e 60 a BD como forma de contar historias estendeuse por todo o mundo. Unha gran cantidade de países comezaron a producir BD para consumo propio, nacendo series que nos seus países de orixe son consideradas clásicos: E capitán Trueno, El guerrero del antifaz ou Mortadelo e Filemón en España, Astérix en Francia, Tintín en Bélxica etc.

miniatura|Little Nemo, de W. McCay

Denominacións A expresión "banda deseñada" é un calco do francés bande dessiné, que tamén se usa no portugués. Porén, no Brasil esta denominación é practicamente descoñecida e coñécese coma história em quadrinhos.

O termo en lingua inglesa comics deriva das obras de humor ("cómicas") que predominaban nas primeiras tiras publicadas nos xornais estadounidenses; o uso do termo fíxose estándar tamén para obras non humorísticas. Moitas linguas tomaron as súas palabras para o medio do inglés, como ocorre no ruso (Комикс, transliterado komiks) e no alemán (comic). No castelán tamén é coñecido pola denominación de cómic, aínda que tamén é popular no castelán de España o nome tebeo, debido a unha revista de bandas deseñadas moi popular na posguerra chamada TBO. O caso do Brasil é análogo: a expansión da revista Gibi tamén levou a que se estendese o seu nome para este tipo de literatura. En italiano denomínanse fumetti ("pequenas nubes") en referencia ao globo de diálogo.Escudero, Vicente en Breve historia de los cómics. Capítulo 1: La era de los pioneros y la formación de un arte para Totem n.º 7, Editorial Nueva Frontera, S. A., Madrid, 1978, pp 4 a 5.

O termo chinés manhua e o coreano manhwa derivan dos caracteres chineses con que se escribe o termo xaponés manga.

Elementos

A imaxe A unidade mínima teórica é a viñeta, recadro onde se enmarcan as imaxes. Nela temos o encadramento, a selección que se fai do espazo e a perspectiva, igualiño ca no cinema. Segundo se faga, poden aparecer diversos planos: plano xeral: personaxes, local, edificio, obxectos. plano enteiro: personaxes de corpo enteiro. plano medio: personaxes cortados polo van. primeiro plano: rostro dos personaxes plano detalle: detalles do corpo humano.

Ademais, estes planos están vistos desde unha determinada altura. A isto chámaselle ángulo de visión: normal: á altura dos ollos picado ou vista de paxaro: visto de arriba a abaixo contrapicado ou salto de ra: de abaixo a arriba.

O marco das viñetas pode ser simple, ornado, non existir marco delimitador ou mesmo que a imaxe ocupe toda unha páxina ou un fondo onde se sitúan outras viñetas.

Poden ter forma irregular, e a súa orde e forma inflúen no ritmo narrativo e na percepción tanto directa como en matices sentimentais da acción.

Recursos e convencións gráficas A banda deseñada desenvolveu unha serie de efectos visuais que non existen propiamente na realidade ou noutras artes e que a súa interpretación ven da intuición ou da sociedade:

Liñas cinéticas: indican o movemento dos personaxes, o dinamismo. Hainas de moitos tipos, desde liñas simples que indican a traxectoria do movemento ata grandes masas de liñas paralelas que indican que un fondo estase a mover.

Metáforas visuais: debuxos ou signos abstractos que suxiren unha acción ou estado de ánimo. Varían levemente duns estilos a outros e tamén dependen do mercado de orixe da BD en cuestión. Por exemplo: as estrelas ao redor dunha cabeza poden indicar mareo.

O texto Os textos poden ser: Globos de diálogos: onde aparecen as voces dos personaxes. Globos de pensamentos: espazos para expresións e pensamentos dos personaxes. Textos de apoio: fóra dos globos ou inseridos entre as viñetas. Reforzan o papel do narrador. Onomatopeas: palabras que representan ruídos e acostuman estar fóra dos globos, mais introducidas nas viñetas.

Estilos ao redor do mundo As tradicións europeas, estadounidenses e xaponesas das bandas deseñadas seguiron camiños diferentes. Os europeos consideran que a súa tradición comeza co suízo Rodolphe Töpffer en 1827 e os estadounidenses ven o inicio na tira de Richard F. Outcault The Yellow Kid (1890), aínda que moitos tamén recoñecen o precedente de Töpffer. Xapón ten unha longa historia de bandas deseñadas ata a segunda guerra mundial. O artista ukiyo-e Hokusai popularizou o termo manga para as bandas deseñadas a principios do século XIX. Estes son os tres mercados que teñen predominancia tanto na aplicación de formatos de publicación como nos estilos.

Escola estadounidense thumb|esquerda|Portada de The Flame, por Will Eisner. O mercado anglosaxón está formado polos países de fala inglesa e que ten nos EEUU como o principal produtor. É un mercado que amosa predilección polas series de superheroes e de ciencia ficción. Despois dunha época (ata os anos 70-80) na que as tiras nos periódicos foron formato habitual e máis respectado, na actualidade os formatos habituais son o comic book (revista grampada dunhas 24-32 páxinas habitualmente, aínda que hai moitos exemplos de maior cantidade e que é especialmente utilizado para os superheroes), a novela gráfica (que é a adaptación do modelo de álbum europeo e que é habitualmente utilizado para obras independentes), a revista (máis común no Reino Unido, con exemplos como 2000 A.D.). Desde hai algúns anos os países iberoamericanos teñen unha forte dependencia deste mercado e son satélites del. Como autores máis coñecidos están Will Eisner, Jack Kirby, Neal Adamas, Milton Caniff ou Jim Lee.

Escola europea Francia-Bélxica O mercado franco-belga, tamén coñecido como europeo, xa que estes dous países, que comparten as editoriais e o mercado, son a cabeza da banda deseñada europea a nivel comercial. Exceptuando algún país como Italia (que ten tamén un bo mercado e produción propia estilisticamente recoñecible) os principais autores de BD europea traballan para editoriais franco-belgas. España, Alemaña e outros países xiran estilisticamente arredor de Francia, e aínda que debido á sensibilidade e os movementos propios de cada país hai variacións estilísticas, a banda deseñada europea ten un estilo narrativo e visual común. Aínda que os temas preferentes son a ciencia ficción e as aventuras, a banda deseñada europea mostra unha variedade de xéneros e un aprecio polas obras independentes e de autor moito maior que o mercado anglosaxón. Os formatos habituais son o álbum (libro en aproximadamente A4 de entre 48 e 96 páxinas) e a revista de prepublicación (chamada así porque as series saían por entregas nunha revista antes de ser publicadas en álbum, e que durante moitos anos foi o principal formato e está agora en clara decadencia), aínda que están cada vez máis presentes formatos imitados doutros países, como o comic book, o tomo recompilatorio xaponés (tankōbon) e dende hai pouco o modelo de revista de prepublicación xaponesa ou zashi. O mercado europeo ten tamén como calidade o feito de ser moi aberto a cómics de diferente orixe e non só á produción propia. Autores europeos importantes: Franquin, Jean Giraud, tamén coñecido como Moebius, Miguelanxo Prado, Hugo Pratt, Hergé ou Enrico Marini.

España España tivo un mercado moi estendido nos anos 40 e 60, con series como Capitán Trueno ou Zipi Zape. Non obstante, coa chegada da televisión o mercado comezou a decrecer e debido á ditadura, a época de transición á banda deseñada adulta e experimental, que en Francia, Italia, Xapón e Arxentina chegara nos anos 60 e 70 non chegou ata os anos 80, nos que despois dun gran crecemento da produción o mercado colapsou e case desapareceu a produción nacional. Na actualidade a grande maioría dos produtos son traducións de obras estranxeiras e os autores nacionais traballan habitualmente para editoriais francesas, italianas e norteamericanas.

Galiza Nos últimos anos a banda deseñada galega goza de boa saúde acaparando grande aceptación tanto dentro coma fóra das nosas fronteiras. Son moitos os autores e colectivos que teñen participado en certames internacionais chegando mesmo a seren premiados en varias ocasións (Salò Internacional del Cómic de Barcelona, Festival de Banda Deseñada de Angoulême etc.).