María das Mercés de Borbón-Dúas Sicilias e Orleans, nada en Madrid o 23 de decembro de 1910 e finada en Lanzarote o 2 de xaneiro de 2000, foi princesa das Dúas Sicilias, princesa da Casa de Borbón coas mesmas dignidades e honras que os infantes de España (concesión de Afonso XIII ao nacer), infanta de España e condesa de Barcelona por matrimonio (1935-2000).

Primeiros anos de vida 230px|miniatura|esquerda|Escudo da infanta de España María de las Mercedes de Borbón-Dúas Sicilias, Condesa de Barcelona como consorte do Pretendente ó Trono de España e Xefe da Casa Real, (1941-1977). Bautizada como María de las Mercedes Cristina Genara Isabel Luisa Carolina Victoria de Todos los Santos, era filla do infante Carlos Tancredo de Borbón-Dúas Sicilias (1870-1949) e da súa segunda esposa, a princesa Luisa de Orleans (1882-1958) que foi filla do príncipe Filipe de Orleans, conde de París e de María Isabel de Orleans, infanta de España por parte de nai e princesa de Orleans por parte de pai.

Naceu no denominado Palacio de Villamejor, no cal residían os seus pais e que é a actual sede do Ministerio de Administracións Públicas, Paseo da Castellana, 3, de Madrid. Unha placa no edificio recorda este feito. En 1929 foille concedida a Banda da Real Orde da Raíña María Luisa.

Viviu en Madrid durante os primeiros anos da súa vida. Trasladouse a Sevilla (cidade pola que sentiu especial predilección) co resto da súa familia cando o seu pai foi destinado á capital andaluza como capitán xeneral da rexión militar correspondente. En 1931 por mor da proclamación da II República partiu cara ao exilio en Francia xunto á súa familia, residiu primeiro en Cannes e posteriormente en París.

Matrimonio e fillos En 1935 con motivo da voda da infanta Beatriz, irmá de Xoán de Borbón, María das Mercés atopouse ao seu futuro marido en Roma. O infante Xoán de Borbón, conde de Barcelona, converteuse en sucesor dos dereitos dinásticos do seu pai Afonso XIII pola renuncia do seu dous irmáns máis vellos, e xa que logo, en Xefe da Casa Real Española e pretendente ao trono de España. El e María das Mercedes non se viron desde a proclamación da II República. O 12 de outubro de 1935 contraeron matrimonio na basílica de Santa María dos Anxos e os Mártires en Roma. Tiveron catro fillos:

A infanta Pilar, duquesa de Badaxoz (María del Pilar Alfonsa Juana Victoria Luisa Ignacia de Todos los Santos) (1936-2020). O rei Xoán Carlos I, rei de España (Juan Carlos Alfonso Víctor María) (n. 1938). A infanta Margarida, duquesa de Soria e de Hernani (Margarita María de la Victoria Esperanza Jacoba Felicidad Perpetua de Todos los Santos) (n. 1939). O infante Afonso (Alfonso Cristino Teresa Angelo Francisco de Asís de Todos los Santos) (1941-1956).

Importancia pública Xoán de Borbón e María das Mercés residiron en Cannes (onde naceu a súa primoxénita, Pilar), Roma (onde naceron os seus outros tres fillos). Ao desencadearse a segunda guerra mundial, trasladáronse a Lausana (na neutral Suíza) para vivir xunto á raíña Vitoria Uxía, nai de Xoán de Borbón. Finalizado o conflito, fixaron a súa residencia en Estoril (Portugal), onde permaneceron ata o seu regreso a España en 1976, restaurada a monarquía por Franco. Durante o seu exilio María das Mercés visitou España nalgunhas ocasións: en 1949, para acudir ao enterro do seu pai en Sevilla, en 1964 para asistir ao bautizo da súa neta a infanta Elena e en 1969 acudiu ao do seu neto Filipe VI, actual Rei de España.

María das Mercés mediou entre o seu fillo e marido, distanciados por mor da designación de Xoán Carlos como sucesor por parte do xeneral Franco en 1969. O 14 de maio de 1977, Xoán de Borbón renunciou á xefatura da Casa Real Española e aos seus dereitos sucesorios en favor do seu fillo o rei Xoán Carlos I, monarca desde o 22 de novembro de 1975 até o 19 de xuño de 2014.

Xoán de Borbón e María das Mercés conservaron o título de condes de Barcelona que xa utilizaran durante o seu exilio.

Últimos anos de vida María das Mercés fracturou a cadeira dereita en 1982 e o fémur esquerdo en 1985, accidentes que lle fixeron ter que utilizar unha cadeira de rodas. O 1 de abril de 1993 morreu Xoán de Borbón a consecuencia dun cancro de larinxe.

A Condesa de Barcelona foi unha muller afeccionada á pintura, a música, a cultura andaluza e as touradas. Ademais, foi socia de honra do Real Betis.

Desde o seu regreso a España viviu sempre na urbanización Puerta del Hierro de Madrid, no chalé "Villa Giralda", coma no que vivira en Estoril. María das Mercés faleceu repentinamente o 2 de xaneiro de 2000 aos 89 anos por mor dun ataque cardíaco na Residencia Real de La Mareta, na illa canaria de Lanzarote, onde acudira toda a Familia Real para pasar uns días de descanso polo Aninovo. Foi enterrada no Mosteiro de El Escorial.

Títulos 190px|miniatura|dereita|Escudo de María de las Mercedes de Borbón-Dúas Sicilias, Condesa de Barcelona despois da renuncia do seu marido como Pretendente ó Trono de España, (1977-2000).

Princesa da Casa de Borbón (23 de decembro de 1910 - 14 de abril de 1931) Condesa de Barcelona (26 de xullo de 1947 - 1 de abril de 1993) Condesa viúva de Barcelona (1 de abril de 1993 - 2 de xaneiro de 2000)

Antepasados

Véxase tamén Ligazóns externas Biografía e árbol xenealóxico da Condesa de Barcelona publicados polo diario El Mundo

Mercedes Categoría:Nados en Madrid Categoría:Nados en 1910 Categoría:Finados en 2000