Matrix (en ) é un filme de ciencia ficción escrito e dirixido por Lana e Lilly Wachowski e protagonizado por Keanu Reeves, Laurence Fishburne, Carrie-Anne Moss e Hugo Weaving. Foi estreado nos Estados Unidos o 31 de marzo de 1999 e foi o primeiro da triloxía de Matrix e dunha serie de videoxogos, curtas animadas e bandas deseñadas. O filme gañou 4 Premios Oscar incluíndo a mellor montaxe, mellor son, mellor edición de son e mellores efectos visuais.

Neste filme fíxose popular o "bullet time" (tempo bala), técnica que consiste en aparentar que se conxela a acción mentres a cámara segue movéndose arredor da escena. O efecto visual conséguese empregando múltiples cámaras que gravan a acción dende distintas posicións a unha cantidade elevada de fotogramas por segundo. Posteriormente intercálanse os fotogramas de cada unha das cámaras. Está categorizada como unha película de Cine Geek.

Estreouse en galego na TVG o 22 de marzo de 2008.

Sinopse miniatura|esquerda|200px Thomas A. Anderson (Keanu Reeves) de día é programador informático e polas noites un hacker que utiliza o alcume de Neo. Pasase a vida buscando a unha persoa, Morfeo, (Laurence Fishburne), e a resposta a unha pregunta: «Que é Matrix?»

Morfeo e os seus, ó decatarse de que os seus inimigos están buscando a Neo, deciden entrar en contacto con el. Outra hacker, Trinity (Carrie-Anne Moss), condúceo ata Morfeo e a resposta que busca. Pero para obtela debe renunciar á súa vida anterior e a todo o que coñeceu ata entón. Acepta e traga unha pílula vermella, en vez doutra azul que suporía quedar como estaba.

Neo descobre que o mundo no que cría vivir non é máis ca unha simulación virtual á que se atopa conectado mediante un cable enchufado no seu cerebro. Os miles de millóns de persoas que viven conectadas ó seu arredor, están sendo cultivadas do mesmo modo para poder dar enerxía ás máquinas. Esta ilusión colectiva (ou simulación interactiva) é coñecida como Matrix.

O grupo de rebeldes do mundo real que lidera Morfeo rescata a Neo da colleita de persoas onde se atopaba preso, e Morfeo explícalle en que consiste a realidade: atópanse presto do ano 2199 e a humanidade está escravizada polas máquinas, que tralo desenvolvemento da Intelixencia artificial (IA) se rebelaron contra a humanidade. Debido a que os seres humanos deterioraron o ceo (privando ás máquinas da enerxía solar que necesitaban), agora empregan á especie humana como fonte de enerxía (cultivándoos en grandes campos, onde son resgardados en cámaras). (Véxase The Second Renaissance de Animatrix para unha explicación máis detallada).

Morfeo cóntalle tamén a Neo que cre que el é o elixido. Este elixido, segundo a profecía, será o encargado de liberar a humanidade da escravitude á que está sometida. Ademais, será quen de cambiar Matrix á súa vontade e dar a vitoria ós humanos. Estes teñen a súa base en Sión (cidade subterránea bastión da resistencia humana).

O mundo virtual de Matrix convértese no campo de batalla onde Neo ten que combater contra os axentes de Matrix, que son uns programas en forma humana capaces de posuír a calquera habitante de Matrix que a resistencia non liberara, e en particular contra o temible axente Smith (Hugo Weaving). Estes intentan impedir que os rebeldes rescaten ás persoas que están conectadas, xa que están programados para capturar a calquera intruso que altere a realidade de Matrix. Neste mundo virtual, os seres humanos que son conscientes da verdadeira esencia do que lles rodea, son capaces de desafiar parcialmente as leis físicas e realizar fazañas asombrosas.

Personaxes Keanu Reeves como Thomas A. Anderson/Neo: Un programador de ordenadores da Corporación Metacortex cuxo nome de hacker é Neo. Laurence Fishburne como Morpheus. Carrie-Anne Moss como Trinity. Hugo Weaving como Axente Smith. Joe Pantoliano como Cypher. Julian Arahanga como Apoc. Anthony Ray Parker como Dozer. Marcus Chong como Tank. Matt Doran como Mouse. Gloria Foster como O Oráculo. Belinda McClory como Switch. Paul Goddard como Axente Brown. Robert Taylor as Axente Jones.

Galardóns e nomeamentos 1999: 4 Oscars: Mellor montaxe, son, efectos visuais, efectos sonoros. 1999: 2 premios BAFTA: Mellores efectos visuais, son. 5 nomeamentos.

Notas

Véxase tamén

Ligazóns externas Ficha na IMDb Web Oficial

Categoría:Filmes de 1999 Categoría:Filmes en lingua inglesa Categoría:Filmes dos Estados Unidos de América Categoría:Filmes de Australia Categoría:Filmes dirixidos por Lana e Lilly Wachowski Categoría:Filmes de acción e ciencia ficción dos Estados Unidos de América Categoría:Filmes de Warner Bros. Categoría:Filmes de Silver Pictures Categoría:Filmes de Village Roadshow Pictures Categoría:Filmes rodados en Australia Categoría:Filmes rodados en Sidney Categoría:Filmes postapocalípticos Categoría:Filmes de artes marciais Categoría:Filmes ciberpunk Categoría:Filmes distópicos Categoría:Filmes sobre intelixencia artificial Categoría:Filmes preservados no National Film Registry Categoría:Filmes de 1999 con versión en galego