O cachalote anano (Kogia sima, Owen, 1866, e anteriormente Kogia simus) é un cetáceo odontoceto pertencente á familia Kogiidae. Estes animais non se observan con facilidade no seu medio natural e a maior parte da información de que se dispón procede do estudo de exemplares varados nas praias.
Descrición É de menor tamaño có cachalote pigmeo (Kogia breviceps), alcanzando unhas medidas de entre 2,1 e 2,7 m de lonxitude e entre 135 e 275 kg de peso. A cor do lombo é gris azulenta ou gris escura, coa parte inferior (ventre e cabeza) máis clara, ás veces rosada; esta degradación da cor pode ascender polos lados do corpo. Resulta significativa a presenza dun prego abrancazado ou crema na parte posterior da cabeza, que asemella as branquias dos peixe. Pode presentar engurras sobre a pel.
Os individuos adultos teñen a cabeza cadrada, co fociño lixeiramente apuntado. O espiráculo está lixeiramente desviado cara a esquerda. A aleta dorsal está ben definida e máis desenvolvida que no cachalote pigmeo. É de forma falciforme e rematada en punta. As aletas pectorais son anchas e curtas.
Coma os outros cachalotes, só posúe dentes na mandíbula inferior, en número de 14 a 26, moi aguzados, pero nesta especie é máis frecuente que nas outras a presenza dalgúns dentes na mandíbula superior, en número variable. A boca é pequena e retraída (o que lembra á dos tiburóns.
Comportamento A forma de nadar e mergullarse, os saltos, a estrutura dos grupos e a alimentación son similares ás descritas no cachalote pigmeo, así como a característica de expulsar un líquido vermello cando foxe dun posible predador.
Distribución O cachalote anano prefire augas profundas, pero máis próximas ás costas có cachalote pigmeo: o seu hábitat favorito parece se-lo límite da plataforma continental. Prefire augas cálidas e tense observado na costa oriental dos Estados Unidos (golfo de California) e Suráfrica, así como no Índico e augas do Xapón.
Como a principal fonte de información da bioloxía da especie procede dos varamentos e non da observación directa, os datos existentes poden non representar fielmente a distribución da especie.
Estado de conservación Non se coñece suficientememte a poboación mundial. Estímase unha poboación de 11.000 individuos no Pacífico Oriental.
Notas
Véxase tamén
Outros artigos Cachalote Cachalote pigmeo
Bibliografía CARWARDINE, M.: Ballenas, delfines y marsopas. Guía visual de todos los cetáceos del mundo. Omega, 1985.
Ligazóns externas Taxonomía ITIS JEFFERSON, Thomas A.: Marine mammals of the world. FAO species Identification Guide, 1994 Mammal Species of the World Kogia sima na Lista vermella da IUCN
Categoría:Kogiidae Categoría:Cetáceos do océano Atlántico Categoría:Animais descritos en 1866