Juan Manuel Baleato Iglesias, nado o 3 de febreiro de 1957 en Bembibre e finado en Santiago de Compostela o 17 de outubro de 2011, foi un futbolista e político galego, do PPdeG.

Traxectoria Durante a súa mocidade dedicouse ao fútbol, co que militou no Dubra, Céltiga, Bergantiños FC, Ordes e SD Compostela. Traballou durante quince anos como secretario do xulgado de paz do Val do Dubra.

Presentouse á alcaldía de Val do Dubra por primeira vez con Alianza Popular nas eleccións municipais en 1987 sendo a forza máis votada, pero non puido alcanza-la alcaldía debido a un pacto entre o PNG e a CPG que fixo alcalde ó nacionalista Manuel García Monteagudo. Nas municipais de 1991 volveu se-la forza máis votada e foi elixido alcalde por maioría simple, xa daquela á fronte do Partido Popular. Gobernou en minoría ata agosto de 1992Nova en La Voz de Galicia ed. Santiago, 6-8-1992, p. 30., cando alcanzou un pacto coa CNG que encabezaba o exalcalde García Monteagudo.

Revalidou a alcaldía con maioría absoluta nas sucesivas convocatorias electorais (1995, 1999, 2003, 2007 e 2011) ata que en setembro dese último ano foi condenado pola Xustiza a sete anos de inhabilitación por un delito de prevaricación, logo de que operarios do concello retirasen en 2007 cascallo dun predio privado sen o consentimento do seu propietario. Baleato viuse obrigado por lei a dimitir e foi substituído o 10 de outubro de 2011 de forma provisional pola concelleira popular Rosa Parafita e de forma definitiva polo tamén popular Camilo Varela Mariño. Uns días despois de abandonar a alcaldía, Baleato falecía dun infarto.Juan Manuel Baleato, ex alcalde de Val do Dubra, fallece a los 54 años víctima de un infarto , El Correo Gallego, 17/10/2011.

Recoñecementos Un ano despois do seu falecemento o campo de fútbol de Bembibre cambiou de nome, pasando a chamarse Campo Juan Baleato.

Vida persoal Estivo casado, e tivo dous fillos, un deles o futbolista Roberto Baleato.

Notas

Véxase tamén Bibliografía

Outros artigos Eleccións municipais en Val do Dubra

Categoría:Nados en Val do Dubra Categoría:Nados en 1957 Categoría:Finados en 2011 Categoría:Futbolistas da provincia da Coruña Categoría:Dianteiros de fútbol Categoría:Xogadores do Céltiga FC Categoría:Xogadores do Bergantiños FC Categoría:Xogadores da SDC Órdenes Categoría:Xogadores da SD Compostela Categoría:Alcaldes de Val do Dubra Categoría:Alcaldes de Galicia durante a democracia Categoría:Alcaldes de Galicia polo PPdeG Categoría:Personalidades de Galicia sen imaxes