Brian Peter George St. John le Baptiste de la Salle Eno, nado en Woodbridge (Suffolk) o 15 de maio de 1948, comunmente coñecido como Brian Eno, é un músico, compositor, produtor, cantante e artista visual inglés, famoso por ser un dos principais innovadores na música ambiente.

Traxectoria Eno estudou na escola de arte Colchester Institute en Essex, inspirándose na pintura minimalista. Durante ese tempo na escola de arte gañou experiencia compoñendo, tocando e tomando clases na escola de música que había ao lado do Colchester Institute.

Uniuse á banda Roxy Music como teclista a principios dos 70 e o éxito da banda na escena glam rock chegou rapidamente. Pero Eno cansouse pronto dos conflitos co vocalista Bryan Ferry e de saír de xira, e deixou o grupo despois da edición de For Your Pleasure (1973), comezando a súa carreira en solitario cos álbums de art rock Here Come the Warm Jets (1973) e Taking Tiger Mountain (By Strategy) (1974).

Eno abriuse cara a estilos de música máis experimentais con (No Pussyfooting) (1973) e Evening Star (1975), ámbolos dous colaborando con Robert Fripp, The Lamb Lies Down on Broadway (1974) con Genesis, onde o seu traballo aparece acreditado co nome "Enossification", e os seus influentes traballos en solitario Another Green World (1975) e Discreet Music (1975). Os seus esforzos pioneiros co son ambient comezaron a consumir o seu tempo con Ambient 1: Music for Airports (1978) e posteriormente con Apollo: Atmospheres and Soundtracks (1983), que foi composto para o filme documental For All Mankind. Porén, Eno seguiu cantando nalgúns dos seus discos, indo de Before and After Science (1977) a Wrong Way Up (1990) con John Cale, ata chegar os seus máis recentes Another Day on Earth (2005) e Drums Between the Bells (2011).

O traballo de Eno en solitario ten sido extremadamente influente, sendo pioneiro nas músicas ambiente e xenerativa, innovando técnicas de produción, e salientando "a teoría sobre a práctica". Tamén introduciu o concepto de música aleatoria a audiencias máis xerais, particularmente a través de colaboracións con outros músicos. Cara finais dos 70, Eno traballou con David Bowie na súa "Berlin Trilogy", axudou a popularizar á banda punk rock estadounidense Devo e o xénero No Wave, e tamén realizou traballos frecuentemente con Harold Budd, John Cale, Cluster, Robert Fripp e David Byrne, co cal produciu o influente My Life in the Bush of Ghosts (1981). Produciu e tocou en tres álbums de Talking Heads, entre eles Remain in Light (1980); foi produtor de sete discos de U2, e traballou en álbums de James, Laurie Anderson, Coldplay, Depeche Mode, Paul Simon, Grace Jones e Slowdive, entre outros.

Eno realiza traballos multimedia á parte da súa carreira musical, onde se inclúen instalacións de arte, unha columna no xornal The Observer e outra columna sobre sociedade e innovacións na revista Prospect. Eno continua colaborando con outros artistas, producindo discos, editando a súa propia música e escribindo.

Discografía Álbums de estudio en solitario Álbum Ano Selo Here Come the Warm Jets 1974 Island Records Taking Tiger Mountain 1974 Island Records Another Green World 1975 Island Records Discreet Music 1975 Obscure Records Before and After Science 1977 Polydor Records Ambient 1: Music for Airports 1978 Polydor Records Music for Films 1978 Polydor Records Ambient 4: On Land 1982 E.G. Records Apollo: Atmospheres and Soundtracks 1983 E.G. Records More Music for Films 1983 E.G. Records Thursday Afternoon 1985 E.G. Records Nerve Net 1992 Opal, All Saints Records The Shutov Assembly 1992 Opal, All Saints Records Neroli 1993 All Saints Records Headcandy 1994 BMG The Drop 1997 All Saints Records Another Day on Earth 2005 Hannibal Records Lux 2012 Warp Records The Ship 2016 Warp Records Reflection 2017 Warp Records

Categoría:Produtores musicais Categoría:Músicos de Inglaterra Categoría:Nados en 1948 Categoría:Nados en Woodbridge, Suffolk