Manuel Antonio Martínez Murguía, nado no Froxel (Oseiro, Arteixo), o 17 de maio de 1833 e finado na Coruña o 2 de febreiro de 1923, foi un historiador galego que impulsou o Rexurdimento e creou a Real Academia Galega. No ano 2000 dedicóuselle o Día das Letras Galegas.

Traxectoria miniatura|esquerda|Murguía, Rosalía e os fillos. Manuel Murguía era fillo de Concepción Murguía Egaña e Juan Martínez de Castro. Naceu en Froxel cando a súa nai ía ao santuario da Virxe de Pastoriza. O seu pai era farmacéutico na rúa Garás da Coruña e estableceuse despois, seguramente en 1837, en Santiago de Compostela. Será neste lugar precisamente onde o neno Manuel Murguía presencie os sucesos do 23 de abril de 1846, que el narrará máis tarde nun artigo titulado "La Voz de Galicia" cun enorme sentimento; é de supoñer que este episodio da historia de Galicia influíu na ideoloxía romántico-liberal do rapaz. miniatura|esquerda|Placa na casa na que viviu en Santiago.

A partir de 1845 comezou a estudar bacharelato na universidade, concluíndo o bacharel en filosofía en 1850, e ó mesmo tempo o preparatorio de farmacia, que iniciou por desexo do pai. Mais Murguía tivo moi claros os seus gustos, e así, o interese pola literatura e a historia fixérono abandonar a carreira para dedicarse plenamente ao seu labor de escritor e investigador. Nestes anos a vida cultural de Santiago xiraba no contorno do Liceo de la Juventud, onde se daban cita estudantes e intelectuais como Eduardo Pondal, Aurelio Aguirre e Rosalía de Castro.

Murguía relacionouse en Madrid, onde se trasladara en 1850 para estudar Farmacia, con intelectuais como os irmáns Valeriano e Gustavo Adolfo Bécquer, Alejandro Chao. En 1854 Murguía publicou o seu primeiro texto en galego, o 1 de xuño, no álbum de Elena Avendaño, unhas seguidillas tituladas a "Nena das Soidades". En 1855 publica, por entregas, a súa primeira novela Desde el cielo. Murguía seguiu colaborando en xornais e revistas madrileñas da época como La Iberia e Las Novedades, nos que acadou moito éxito -o que lle permitiu publicar folletíns con obras como "Mientras Duerme", "Mi madre Antonia", "El Ángel de la Muerte" e "Los Lirios Blancos".

Tamén coñeceu en Madrid a Rosalía de Castro e tamén colaborou en xornais galegos como La Oliva. Escribiu unha crítica de La Flor, o primeiro poemario de Rosalía e a relación entre ambos os dous foise estreitando ata o punto de ennoivaren, e o 10 de outubro de 1858 casaron na madrileña igrexa de Santo Ildefonso. É indubidábel que Murguía foi unha peza de apoio intelectual e social para Rosalía. Dende o principio, animouna na súa carreira literaria e na publicación de obras como Cantares gallegos, considerada o inicio do Rexurdimento literario galego, e mesmo chegou a publicar algunha obra súa sen o seu consentimento.

Algo que se pode considerar como o primeiro puntal do Rexurdimento foi o cambio operado en Murguía cando deixou o labor creativo, tras acadar un grande éxito, para se dedicar por completo á investigación histórica e á divulgación desta, así como a difundir o ideario político xurdido, principalmente, das súas investigacións.

En 1859 o matrimonio trasladouse a Santiago de Compostela, e con motivo do nacemento da súa primeira filla, en maio, publicou La Primera Luz, un libro de lecturas escolares estruturado en vinte temas de historia e xeografía, que o Ministerio de Fomento recomendou para o ensino nas escolas de Galicia. Esta obra foi reeditada en Lugo en 1868.

En 1862 Murguía rematou o seu Diccionario de escritores Gallegos e en 1865 editou o primeiro tomo da súa Historia de Galicia. Na revolución de setembro de 1868 foi secretario da Xunta Revolucionaria de Santiago e despois nomeado director do Arquivo de Simancas. Desde que empeza nese arquivo, suscítanse tres conflitos graves e no último Murguía “llegaría a las manos, y originó un expediente sonado, de cuya consecuencia se originó el traslado fulminante de Murguía al Archivo General de Galicia” en 1870. Será desde ese ano xefe do Arquivo Xeral de Galicia ata 1875, e máis tarde, no 1879, foi director de La Ilustración Gallega y Asturiana. A súa amizade co ministro Saturnino Álvarez Bugallal é posíbel que levase a este a incluír Galicia canda os demais territorios forais tradicionais no Real Decreto de 2 de febreiro de 1880, aínda cando o dereito galego non era de carácter foral en sentido estrito, senón consuetudinario. Este feito acabou conducindo á promulgación da Lei de Compilación do Dereito Civil Especial de Galicia en 1963, antecedente do actual Dereito civil galego. Murguía publicou en 1882 El foro. Sus orígenes, su historia, sus condiciones, un estudo sobre a propiedade territorial de Galicia que resultou premiado no certame literario celebrado en Pontevedra e que foi dedicado a Álvarez Bugallal.

No ano 1885 foi nomeado Cronista Xeral do Reino á instancia da Real Sociedade Económica de Amigos do País de Santiago. No 86 (ao ano de morrer Rosalía) publicou Los Precursores, obra na que fai unha descrición de varios personaxes da vida cultural galega, e dirixiu en Santiago de Compostela o xornal La Región Gallega. No ano 1890, Murguía dirixiu xunto con Alfredo Brañas La Patria Gallega, boletín onde se deron as primeiras claves do que ía ser co tempo o pensamento rexionalista galego. Tamén neste mesmo ano Murguía publicou durante uns Xogos Florais en Barcelona un discurso que foi moi aplaudido e que fixo que o nomeasen "Mestre en Gay Saber". Neste discurso fala do sentimento histórico e cultural diferenciador de Galicia. Foi nomeado presidente da Asociación Rexionalista Galega (ARG), a primeira organización política de signo decididamente galeguista. Nos Xogos Florais de Tui de 1891, organizados pola ARG, faríase reivindicación do uso público do galego, lingua en que Murguía pronunciaría o discurso inaugural.

En 1892 foi destinado á Biblioteca da Universidade de Santiago de Compostela, posto que exercería ata a súa xubilación en 1905.

Con 72 anos xorde en Murguía a idea de crear unha Academia Galega da Lingua, idea que comunicou a outros escritores que se daban cita nunha libraría da Coruña coñecida co nome de A Cova Céltica. Tamén en Murguía xurdiu a teima de crear un dicionario da lingua galega, porque se sentía falto de vocabulario; se cadra, a inexistencia deste dicionario foi determinante para que a súa obra en galego fose tan escasa. O día 25 de agosto de 1906 aprobouse a creación da Real Academia Galega, que presidiría ata á súa morte.

Manuel Murguía finou na madrugada do 2 de febreiro de 1923, na súa casa de rúa de Santo Agostiño da CoruñaPorén, nalgunhas fontes a súa data aparece como o día 1. Cf. Axeitos e Barreiros 2000., sendo soterrado no camposanto de Santo Amaro. A revista da Asociación Galega de Historiadores chámase Murguía. Revista Galega de Historia, na súa honra.

Obra 215px|miniatura|Portada do primeiro número de La Ilustración Gallega y Asturiana, 1879, segunda etapa da revista, con texto de Manuel Murguía e un retrato de Diego Sarmiento de Acuña. Ensaio La Primera Luz (1859). Vigo: Juan Compañel. De las guerras de Galicia en el siglo XV y de su verdadero carácter (1861). Diccionario de escritores gallegos (1862). Vigo: Juan Compañel. Historia de Galicia: T. I (1865). Lugo: Soto Freire. T. II (1866). Lugo, Soto Freire. T. III (1888). A Coruña: Libr. de A. Martínez Salazar. T. IV (1891). A Coruña: Libr. de E. Carré Aldao. T. V (1913). A Coruña: Imprenta e fotograbado de Ferrer. miniatura|210px|Historia de Galicia, T. I (PDF). Memoria relativa al Archivo Regional de Galicia (1871). A Coruña. Biografía del P. M. Fr. Benito Gerónimo Feijóo (1876). Santiago: Est. Tip. de El Diario. El foro (1882). Madrid, Libr. de Bailly Bailliere. El arte en Santiago durante el siglo XVIII y noticia de los artistas que florecieron en dicha ciudad y centuria (1884). Madrid, Est. Tip. de Fernando Fé. Los Precursores (1886). A Coruña, Latorre y Martínez Editores, Biblioteca Gallega. miniatura|210px|Los Precursores, 1886. Galicia (1888).Galicia en Internet Archive. Barcelona: Daniel Cortezo. El regionalismo gallego (1889). A Habana: Imp. La Universal. En prosa (1895). A Coruña. Contén a novela El puñalito. Don Diego Gelmírez (1898). A Coruña, Imprenta y Librería de Carré. Los trovadores gallegos (1905). A Coruña, Imp. de Ferrer. Apuntes históricos de la provincia de Pontevedra, folletín de La Temporada en Mondariz (1913). Imp. del Establecimiento. Politica y sociedad en Galicia, ed. de Xesús Alonso Montero e prólogo de Castelao (1974). Madrid: Akal, Colección Arealonga, 8.

Contos Un can-can de Musard (1853). Un artista (1853). Madrid. Editado co título de Ignotus en Los Precursores (1886).

Novelas Desde el cielo, (1855). Madrid: La Iberia, 1855; Vigo: Imp. de La Oliva, 1856; Madrid: Biblioteca de Escritores Gallegos, 1910 Dende o ceo (2000). Vigo: A Nosa Terra. ISBN 9788489976764. Tradución ao galego. Luisa (1855). Madrid e A Coruña en 1862. La Virgen de la Servilleta (1855). Madrid. El regalo de boda 1855). Madrid: La Iberia. Mi madre Antonia (1856). Vigo: La Oliva. Don Diego Gelmírez (1856). Madrid: La Oliva. El ángel de la muerte (1857). Madrid: La Crónica. La mujer de fuego (1859). Madrid. miniatura|210px|Álbum de la Caridad. Juegos Florales de La Coruña, 1862.Album de la Caridad. Juegos Florales de La Coruña en 1861, seguido de un mosaico poético de nuestros vates gallegos contempornáneos Galiciana. Biblioteca de Galicia. Poemas miniatura|Necrolóxica en El Ideal Gallego. "Nena d’as soledades" (27-2-1856). La Oliva. "Madrigal" (8-3-1856). La Oliva. "La flor y el aire" (19-3-1856). La Oliva. "A una paloma" (3-5-1856). La Oliva. "A las ruínas del Castillo de Altamira" (31-5-1856). La Oliva. "En un Álbum" (31-5-1856). La Oliva. "Al partir" (1862), Galicia (A Coruña), páx. 39. "Madrigal", "Nena d’as soledades" e "Gloria", en El Álbum de la Caridad (1862). A Coruña. "Sueños dorados", en García Acuña (177) e antes en El Álbum de El Miño. "Ildara de Courel", en García Acuña (177-178). "Soneto de Pardo de Cela", en García Acuña (179). "Los versos fueron mi ilusión primera" (1903). En Naya (1950: 104). "Romance da flor da auga".

Escolmas

(Contén 58 artigos de Murguía). Contén "Nena d’as soledades", "A Curros", "Discurso nos Xogos Florais de Tui" e "Eduardo Pondal e a sua obra". Contén o Discurso nos Xogos Florais de Tui, "Eduardo Pondal e a sua obra", "A Curros", "Nena d’as soledades", pasaxes de Los Precursores ("Galicia" e "Rosalía"), "Discurso del Presidente" (na inauguración da Academia), "Orígenes y desarrollo del regionalismo en Galicia", "El regionalismo gallego" e "A Don Juan Valera".

Galería de imaxes

Notas

Véxase tamén

Bibliografía

Outros artigos Ovidio Murguía (fillo) Precursores Asociación Iniciadora y Protectora de la Academia Gallega

Ligazóns externas

Categoría:Artigos destacados sobre Galicia