A Guerra de Croacia ou Guerra da Independencia de Croacia (en croata: Domovinski Rat, Guerra da Patria), en serbio: Рат у Хрватској ou Rat u Hrvatskoj, Guerra en Croacia) foi un conflito bélico que tivo lugar en Croacia desde 1991 até 1995. Inicialmente, a guerra desenvolveuse entre Croacia e o Exército Popular Iugoslavo (JNA). Máis tarde, o conflito derivou nunha loita entre as tropas da nova Croacia independente e as forzas rebeldes da minoría serbia, que á súa vez proclamou a República Serbia de Krajina. Os serbios foron apoiados polo Exército Popular Iugoslavo. O bando croata intentaba establecer a plena soberanía para a República de Croacia, anteriormente constituída como unha república socialista dentro da República Federal Socialista de Iugoslavia, mentres que os serbios querían manterse en Iugoslavia, buscando novos límites en partes de Croacia con maioría étnica serbia ou cunha minoría serbia influente. A guerra resultou particularmente impactante pola súa brutalidade nunha sociedade relativamente desenvolvida en Europa e nos tempos modernos.
Antecedentes. Disensións en Iugoslavia A guerra en Croacia foi resultado do ascenso do nacionalismo en Iugoslavia durante a década de 1980, que conduciu á disolución da República Federal Socialista de Iugoslavia. A crise comezou a desencadearse en Iugoslavia tras o debilitamento das democracias populares da Europa oriental, na última fase da guerra fría, todo iso simbolizado pola caída do Muro de Berlín en novembro de 1989. En Iugoslavia, a Liga dos Comunistas de Iugoslavia perdera xa gran parte da súa preeminencia ideolóxica.
Nos anos 1980, a axitación secesionista dos movementos albaneses en Kosovo levou á represión da maioría albanesa nesta provincia do sur de Serbia. As repúblicas má prósperas, as norteñas Eslovenia e Croacia, quixeron dar pasos para aumentar a súa autonomía, mesmo cara á independencia e ao establecemento dun sistema político occidental. A República de Serbia, dirixida por Slobodan Milošević, avogaba polo centralismo e o sistema de partido único (o comunista) para toda Iugoslavia (baixo a dirección serbia), terminando por derrogar a autonomía das rexións de Kosovo e Voivodina. Ao mesmo tempo, o Exército Popular de Iugoslavia experimentou un proceso de transformación, pasando de ser un Exército multinacional a converterse nunha forza controlada polos serbios.
Dado o ascenso do nacionalismo baseado nos intereses individuais de cada república, foi facéndose previsíbel a desaparición de Iugoslavia e a súa substitución por uns cantos Estados sucesores. Slobodan Milošević, desde o seu ascenso ao poder en Serbia, tratou de favorecer a continuidade de todos os serbios nun único Estado (agrupando ás maiorías ou minorías serbias das outras repúblicas na longamente soñada "Gran Serbia"). As demandas eslovenas e croatas dunha maior autonomía, incluíndo un status de tipo confederal e, mesmo, unha completa independencia, fixeron medrar así mesmo as ideas nacionalistas entre os altos cargos da aínda gobernante Liga dos Comunistas de Iugoslavia.
A reafirmación de Serbia En marzo de 1989, a crise en Iugoslavia profundouse tras a adopción dalgunhas emendas á Constitución socialista serbia. A través delas, o Goberno serbio puido reafirmar os seus poderes efectivos sobre as provincias ex autónomas de Kosovo e Voivodina. Dado que estas entidades tiñan dereito a voto a nivel da presidencia federal de Iugoslavia (seis membros das repúblicas e dous das provincias autónomas, agora ex autónomas), Serbia, baixo o seu presidente Slobodan Milošević, obtivo o control sobre tres votos de oito na elección da presidencia federal. Grazas aos apoios adicionais de Montenegro, habitado por serbios) e, ocasionalmente, Bosnia e Hercegovina, Serbia estaba en condicións de exercer unha enorme influencia sobre o Goberno federal. Esta situación ocasionou protestas noutras repúblicas, así como propostas de reforma da federación iugoslava.
Movementos electorais e constitucionais O debilitamento do réxime comunista permitiu ao nacionalismo estender a súa presenza política, incluso dentro da propia Liga dos Comunistas de Iugoslavia. No XIV Congreso Extraordinario da Liga, celebrado o 20 de xaneiro de 1990, as delegacións das repúblicas mostraron as súas discrepancias sobre os temas principais da federación iugoslava. A delegación croata demandou unha federación menos centralizada, mentres que a delegación serbia, encabezada por Milošević, se opuxo a iso. En consecuencia, os delegados eslovenos e croatas abandonaron o Congreso. Este feito considérase por algúns como o comezo do fin de Iugoslavia.
As primeiras eleccións libres foron convocadas entón en Croacia e Eslovenia para uns poucos meses máis tarde. As eleccións parlamentarias croatas celebráronse entre abril e maio de 1990 (a primeira rolda o 22 de abril e a segunda o 6 de maio).
Ao longo de 1989 fundáranse varios partidos políticos, entre eles a Unión Democrática Croata (Hrvatska Demokratska Zajednica, HDZ), liderada polo nacionalista Franjo Tudjman. A HDZ baseou a súa campaña na aspiración á independencia e nunha retórica xeral antiiugoslava e antiserbia, alimentando nos croatas o sentimento de que só a HDZ podía protexer a Croacia das aspiracións dos sectores serbios liderados por Slobodan Milošević relativas á conformación da Gran Serbia. Deste xeito, logrou encabezar os resultados das eleccións (seguido polos comunistas reformistas de Ivica Racan, o Partido Socialdemócrata de Croacia) e formar un novo Goberno croata.
Un factor importante na preservación dos límites fronteirizos de Croacia foi a axuda internacional recibida, a cargo de membros da diáspora croata. Moitos futuros dirixentes do HDZ, incluíndo a Tudjman, realizaron visitas internacionais durante os 80 e a principios dos 90 con vistas a obter apoio dos emigrantes cara á causa nacional croata. Porén, estes contactos foron xa interpretados por algúns políticos comunistas conservadores (maioritariamente serbios) como mostras de separatismo. Esta sensación foi, ademais, reforzada por algunhas controvertidas declaracións de membros do HDZ e por unha retórica imprudente que era calquera cousa menos pacífica. Serva como exemplo unha recordada declaración pública de Tudjman na que se congratulaba de que a súa muller non fora "nin serbia nin xudía". Adicionalmente, o emprego de iconografía nacionalista, algunha dela recuperada directamente do movemento nacionalista croata que foi responsábel, durante a segunda guerra mundial, da desaparición de probabelmente máis de 100.000 serbios, non contribuíu a rebaixar as tensións.
O 13 de maio de 1990 tivo lugar en Zagreb un partido de fútbol entre o Dínamo de Zagreb e o Estrela Vermella de Belgrado. Os choques entre estes dous equipos iugoslavos, habitualmente rivais nos postos altos da liga do país, sempre foran de alto risco, pero esta vez o encontro dexenerou en violentos incidentes cando os seareiros do Dínamo trataron de saltar os valados cara á zona do estadio onde estaban os seguidores do Estrela Vermella. Rapidamente, estes comezaron a lanzar asentos e anacos de valado sobre os fans do Dínamo, o que fixo innecesaria unha intervención policial. A militia (policía da época comunista) interveu inmediatamente, cargando contra os seguidores do Dínamo (que, recordemos, era o de casa) co resultado de máis de 60 feridos, incluíndo algúns por arma branca, de bala ou intoxicados polo gas lacrimóxeno.
O 30 de maio de 1990 o novo Parlamento croata celebrou a súa primeira sesión, na que o presidente Tudjman anunciou a súa intención de aprobar unha nova Constitución (que sería ratificada a finais dese ano) e propuxo multitude de cambios políticos, económicos e sociais, algúns en relación a se os dereitos das minorías serbia e bosníaca serían garantidos ou non. Os dirixentes serbios locais opuxéronse, temendo que a poboación serbia de Croacia se vira ameazada. A súa principal preocupación era que a nova Constitución cambiara o status dos serbios en Croacia, pasando a ser unha 'minoría nacional' en lugar dunha 'nación constituínte'. Isto finalmente sucedeu coa aprobación da Constitución, a finais do ano.
En agosto de 1990 celebrouse un referendo non oficial nas rexións croatas cunha substancial poboación serbia, que serían posteriormente coñecidas como a República Serbia de Krajina (RSK), situada na fronteira con Bosnia e Hercegovina, sobre a cuestión da autonomía e soberanía serbias en Croacia.
miniatura|250px|En vermello, República Serbia de Krajina, en Croacia.<small>Á esquerda, na fronteira con Bosnia e Hercegovina; á dereita, na Eslavonia oriental. Nótese a coincidencia coas antigas Fronteiras Militares de Croacia.
Isto fíxose para tratar de contrarrestar os cambios na Constitución. O Goberno croata tratou de bloquear o referendo enviando forzas policiais ás comisarías de policía rebeldes nas zonas serbias para confiscar as súas armas. Entre outros incidentes, civís serbios do sur de Croacia, a maioría en torno á cidade de Knin, bloquearon as estradas de acceso aos destinos turísticos da costa de Dalmacia. Anos despois, durante o xuízo a Milan Martić, Milan Babić afirmaría que foi enganado por Martić para organizar a revolta, e que esta —así como a guerra en Croacia en si mesma— foi responsabilidade de Martić, dentro dun plan orquestrado por Belgrado.IWPR news report: Martic "Provoked" Croatian Conflict O Goberno croata respondeu ao bloqueo das estradas mediante o envío de corpos policiais especiais transportados por helicópteros, pero estes foron interceptados por avións de combate do Exército Iugoslavo e obrigados a regresaren a Zagreb.
Os serbios de Croacia non trataron nun principio de conseguir a independencia. O 30 de setembro de 1990, o Consello Nacional Serbio declarou "a autonomía do pobo serbio nos territorios históricos nos que vive, e que están dentro das fronteiras actuais da República de Croacia como unidade federal da República Socialista Federal de Iugoslavia".
Tras a elección de Tudjman e a percepción de ameaza nacida da nova Constitución, os serbios nacionalistas da rexión de Kninska Krajina comezaron a realizar accións armadas contra oficiais do Goberno croata. Moitos foron expulsados á forza da RSK. As dependencias do Goberno croata na rexión comezaron a seren controladas polas autoridades locais serbias ou o recentemente instituído "Consello Nacional Serbio". Este acabaría despois por ser o Goberno da rebelde República Serbia de Krajina, que estaba liderado por Milan Babić, o cal foi despois condenado por crimes de guerra polo Tribunal Penal Internacional para a ex Iugoslavia, onde mostrou abertamente o seu arrepentimento polas súas actuacións (ademais de testemuñar contra outros líderes serbios).
O 22 de decembro de 1990 o Parlamento de Croacia ratificou a nova Constitución, cambiando o status dos serbios de Croacia, agora considerados 'minoría nacional' en lugar de 'nación constituínte'. A porcentaxe daqueles que se declaraban serbios, segundo o censo de 1991, era do 12 % (o 78 % da poboación declarábase croata). Isto interpretouse como a anulación dalgúns dos dereitos que a anterior Constitución (socialista) concedera aos serbios de Croacia, alimentando así o extremismo entre eles. Ademais, moitos serbios comezaron a perder os seus empregos na Administración Pública croata, particularmente tras a ratificación da Constitución. Isto non fixo máis que aumentar aínda máis a tensión.
Así mesmo, Eslovenia encontrábase neses momentos inmersa no seu propio proceso cara á independencia. O 23 de decembro de 1990 —un día despois da ratificación da nova Constitución croata— Eslovenia celebrou un referendo de autodeterminación no que os votos a favor da independencia alcanzaron o 88 %.