ADEOS 1, ou simplemente ADEOS (acrónimo de Advanced Earth Observation Satellite), renomeado como Midori (verde, en xaponés) tras a súa posta en órbita, foi un satélite artificial xaponés lanzado o 17 de agosto de 1996 mediante un foguete H-2 desde o Centro Espacial de Tanegashima.
Características A misión de ADEOS 1 consistiu en facer observacións de cambios medioambientais na Terra. Foi inxectado nunha órbita heliosincrónica e rebautizado como Midori 1. Deseñado modularmente, o corpo principal medía 4 x 4 x 5 metros e o panel solar, unha vez despregado, medía 3 metros de ancho por 13 metros de longo. O satélite estabilizábase nos tres eixos mediante catro volantes de inercia e dous propulsores alimentados por hidracina. O coñecemento da actitude da nave proviña de dous magnetómetros e unha unidade de referencia inercial. O panel solar, composto por células de arseniuro de galio, alimentaba cinco baterías de níquel-cadmio cunha capacidade de 35 amperios-hora e proporcionando ata 4,5 kW de potencia a unha tensión de entre 34 e 52 voltios.
Os datos do satélite enviábanse ben directamente a terra en banda S (cunha velocidade de subida de 500 bps e de baixada de 4 Mbps) ou banda X, ben indirectamente a través do satélite ETS-6 usando s banda Ka, cunha velocidade de 120 Mbps. Adeos 1 levaba a bordo grabadoras para almacenar os datos.
ADEOS 1 deixou de funcionar o 30 de xuño de 1997, dous anos antes de cumprir a súa expectativa de vida, de tres anos. A falta de datos do dispersómetro NSCAT debido ao fin prematuro da misión foi compensada co lanzamento ex profeso do satélite QuikScat.
Instrumentos ADEOS 1 levaba oito instrumentos a bordo:
OCTS (Ocean Color and Temperature Scanner) AVNIR (Advanced Visible and Near-Infrared Radiometer) NSCAT (NASA Scatterometer) TOMS (Total Ozone Mapping Spectrometer) POLDER (Polarization and Directionality of the Earth's Reflectances) IMG (Interferometric Monitor for Greenhouse Gases) ILAS (Improved Limb Atmospheric Spectrometer) RIS (Retroreflector in Space)
Notas
Véxase tamén
Outros artigos ADEOS 2 QuikScat
Categoría:Satélites artificiais