Pablo Insua Blanco, nado en Arzúa o 9 de setembro de 1993, é un futbolista galego, que xoga de defensa central no Real Zaragoza, da Segunda División.

Traxectoria

Inicios (1993-2006) Seu pai, Fernando Insua, fora futbolista e xogara co Bergantiños en Terceira División. Pablo comezou a xogar ao fútbol sala en Arzúa e logo fichouno o Rosalía CF de Santiago de Compostela, a onde o levaba súa nai a adestrar e xogar. Militou catro anos no Rosalía, logo chamado CD Santiago Sar tras a fusión co Colexiata do Sar e logo Santiago de Compostela CF. En 2006 foi elixido mellor xogador sub-13 da Compostela Cup, fichando a continuación polo Deportivo da Coruña.

Deportivo da Coruña (2006-2017)

Categorías inferiores e Fabril (2006-2013) Comezou a súa etapa no Deportivo no equipo infantil, pasando logo ao cadete e ao xuvenil e debutou con 16 anos no Fabril en Segunda División B fronte ao Lugo. Tito Ramallo converteuno nun fixo da aliñación esa tempada (2010/11), na que disputou 28 partidos, todos eles como titular, aínda que o equipo acabou descendendo a Terceira División. O seu bo xogo fixo que esa mesma tempada o seu contrato fose renovado por catro anos máis.

Xogou dúas tempadas máis no filial branquiazul e na segunda delas debutou ademais co primeiro equipo en partido oficial, nun partido de liga contra o Athletic de Bilbao no vello San Mamés (1–1). Á semana seguinte, coas baixas de Marchena e Zé Castro, José Luis Oltra colocouno como titular no choque de Copa contra o Mallorca, no que o Dépor empatou (0–0) e quedou eliminado. Disputou dous partidos máis co primeiro equipo esa tempada, fronte a Atlético de Madrid e FC Barcelona, ambos como titular.

Primeiro equipo (2013-2015) Na tempada 2013/14, xa como futbolista do primeiro equipo en Segunda División, converteuse nun titular indiscutible para o técnico Fernando Vázquez, e disputou 40 partidos durante a tempada, todos como titular. Marcou ademais tres goles e os dous primeiros, fronte a Las Palmas e Recreativo de Huelva, significaron cadansúas vitorias por 0-1. O equipo logrou o ascenso directo tras acabar segundo por detrás do Eibar. Ademais foi elixido mellor defensa da tempada de Segunda División na Gala dos Premios LFP, superando na votación a Yuri Berchiche (SD Eibar) e a Jean-Sylvain Babin (AD Alcorcón) e renovou co club coruñés até 2018.

Con todo, na tempada 2014/15 o seu rendemento baixou e non contou coa confianza dos técnicos Victor Fernández e Víctor Sánchez. Aínda así chegou a exercer como capitán nun partido de liga contra o Valencia. Na tempada seguinte chegaron ao club Arribas, Fernando Navarro e Sidnei, mentres que Insua saíu cedido ao Leganés, de Segunda División.

Cesións ao CD Leganés (2015-2017) No club madrileño recuperou a titularidade, disputando dende o inicio 38 partidos, e foi un dos piares do equipo no ascenso á Primeira División. No verán de 2016 o presidente do Deportivo Tino Fernández renovoulle o contrato ata 2020 e cedeuno de novo ao Leganés. Na súa segunda tempada en Leganés disputou 30 partidos e anotou un gol fronte ao Alavés en Mendizorrotza. O equipo conseguiu o seu obxectivo de salvar a categoría.

Á súa volta á Coruña o club comunicoulle que o adestrador Pepe Mel non contaba con el e foi traspasado ao Schalke 04, da Bundesliga, nunha operación próxima aos 3.500.000 euros.

Schalke 04 (2017-2020) O seu paso polo fútbol alemán viuse condicionado pouco despois da súa chegada, ao ser diagnosticado cunha pleurite e posteriormente unha pericardite que impediron o seu debut ata marzo de 2018, cando, tras dez meses de baixa, xogou o seu primeiro e único partido na Bundesliga, fronte ao Wolfsburg.

Cesións á SD Huesca (2018-2020) No verán de 2018, xa recuperado da súa doenza cardíaca, foi cedido á SD Huesca, que se dispoñía a disputar a súa primeira tempada na Primeira División. Con todo, en febreiro sufriu unha rotura do ligamento cruzado anterior do seu xeonllo esquerdo, dicindo adeus á campaña. O equipo acabou descendendo a Segunda e o Schalke 04 volveuno ceder ao club oscense. Tras recuperarse da grave lesión recuperou a titularidade nos últimos partidos da tempada, e contribuíu a un novo ascenso do equipo a Primeira.

SD Huesca (2020-2022) En agosto de 2020 a SD Huesca exerceu a opción de compra obrigatoria que tiña sobre o xogador en caso de ascenso a Primeira e Insua foi traspasado definitivamente ao club aragonés, no que levaba xogando dous anos como cedido. Na tempada 2020/21 descendeu de novo a Segunda co Huesca, no que militou ata o verán de 2022. Disputou un total de 64 partidos co club aragonés.

Sporting de Gijón (2022-2024) A continuación fichou polo Sporting de Gijón, tamén de Segunda, onde foi un fixo e unha peza clave nas aliñacións tanto de Abelardo como do seu sucesor no banco, Miguel Ángel Ramírez. Na tempada 2022/23 formou parella de centrais case sempre co arxentino Izquierdoz, mentres que na seguinte fíxoo co tamén galego Róber Pier, acadando a promoción de ascenso a Primeira. Nas súas dúas campañas en Xixón acumulou un total de 73 encontros, todos eles como titular, e anotou catro goles.

Granada (2024-2025) En xuño de 2024, tras rematar o seu contrato co Sporting, decidiu non renovalo e aceptar no seu lugar a oferta do Granada, equipo que viña de descender a Segunda. No equipo andaluz tivo un papel secundario, lastrado polas lesións, e só disputou 16 partidos, 12 deles como titular.

Zaragoza (2025-) No verán de 2025 fichou polo Zaragoza, tamén de Segunda.

Selección nacional Xogou na selección española sub-19, coa que se proclamou campión de Europa baixo a dirección de Julen Lopetegui. Posteriormente xogou tamén na selección sub-20 e en 2013 foi convocado por Lopetegui para xogar dous partidos coa selección española sub-21, aínda que finalmente foi desconvocado por mor dunha escordadura de nocello.

Notas

Véxase tamén Ligazóns externas Datos do xogador en Soccerway . Datos do xogador en BDFutbol .

Categoría:Nados en 1993 Categoría:Nados en Arzúa Categoría:Futbolistas da provincia da Coruña Categoría:Xogadores do Deportivo Fabril Categoría:Xogadores do Deportivo da Coruña Categoría:Xogadores do CD Leganés Categoría:Xogadores do FC Schalke 04 Categoría:Xogadores do SD Huesca Categoría:Xogadores do Sporting de Gijón Categoría:Xogadores do Granada CF Categoría:Xogadores do Real Zaragoza