Josef Suk, nado o 4 de xaneiro de 1874 en Křečovice (República Checa) e finado o 29 de maio de 1935 en Benešov (República Checa), foi un compositor e violinista checo.
Traxectoria Josef Suk naceu na pequena localidade checa de Křečovice, na rexión de Bohemia Central (República Checa). Seu pai, tamén chamado Josef Suk, era director de coro e o iniciou na música co piano, violín e o órgano. Entre 1885 e 1892 estudou no Conservatorio de Praga, sendo alumno de Antonín Dvořák e Antonín Bennewitz, compoñendo xa en 1888 a súa primeira misa, a Krecovická mase. En 1892 recibiu o seu diploma no Conservatorio presentando o seu Cuarteto con piano Op. 1 como traballo da súa tese, porén, Suk decidiu permanecer un ano máis na institución para estudar con Dvořák (quen o considerou o seu mellor alumno). En 1898 casou con Otilde Dvořáková (1878–1905), filla de Dvořák, coñecida afectivamente como Otilka. Creou o Cuarteto Checo con tres dos seus alumnos — Suk tocou o papel de segundo violín con eles boa parte da súa vida —.
En 1901 naceu do seu matrimonio con Otilde o seu único fillo, Josef(1901 – 1951).Černušák (1965), p. 641 Catro anos despois morrería a súa muller e nunca máis casaría. O notable violinista Josef Suk (1929-2011) foi o seu neto.
Dende 1922 impartiu clases no Conservatorio de Praga, onde tivo como alumnos destacados a Bohuslav Martinů, Rudolf Firkušný e Manoah Leide-Tedesco. O 29 de maio de 1935 morreu na localidade de Benešov á idade de 61 anos.
Obra
A traxectoria compositiva de Suk pode dividirse en dous períodos. As súas obras temperás caracterízanse por un estilo romántico tardío que mostra influencias de Dvořák e de Johannes Brahms que creou a imaxe de Suk como o herdeiro de Dvořák, mentres que as súas obras tardías mostran unha extensión da harmonía para crear un estilo máis complexo e persoal. Ao contrario que moitos dos seus compatriotas, Suk empregou pouco o folclore checo nas súas composicións.
En comparación con Dvořák, suk escribiu pouca música de cámara, mais acadou o éxito coas súas Catro pezas para violín e piano Op. 17 (1900), e a súa Fantasía para violín e orquestra Op. 24 (1903). Nas súas suites para piano Jaro Op. 22 e Letní dojmi Op. 22b, escritas as dúas en 1902, pode apreciarse un estado de optimismo, coincidindo coa época na que naceu o seu único fillo.
Entre as súas composicións máis coñecidas destacan a súa Serenata para cordas (1892) e a Sinfonía Asrael en Do menor (1906), unha obra escrita como consecuencia da morte do seu sogro en 1904 e da súa dona 14 meses despois, e da que o crítico musical Norman Lebrecht afirmou da gravación de Václav Talich en 1952 coa Orquestra Filharmónica Checa que era unha das 100 mellores gravacións do século.Norman Lebrecht, "Masterpieces: 100 Milestones of the Recorded Century" The Life and Death of Classical Music. New York: Anchor Books (2007): 181 - 182. Outras obras coñecidas son a Suite conto de fadas "Raduz e Mahulena" (1898), o ciclo de obras para piano Cousas vividas e soñadas (1909), e a triloxía de poemas sinfónicos Conto de Verán (1909), Maduración (1917) e Epílogo (1929, para soprano, barítono e baixo soli, coro e orquestra).
Premios Suk gañou a medalla de prata nos concursos de arte celebrados durante os Xogos Olímpicos de 1932 celebrados na cidade estadounidense dos Ánxeles coa súa obra Cara a unha nova vida.
Notas
Véxase tamén
Bibliografía
Ligazóns externas Biografía de Josef Suk en www.classicalconnect.com Obras para piano de Josef Suk [https://web.archive.org/web/20080324221744/http://www.editionsilvertrust.com/music-books-s-to-z.htm Cuarteto con piano Op. 1 de Josef Suk, Trío con Piano en do Op. 2 e Cuarteto No. 1, Op. 11] Vídeo: 1º movemento da Serenata Op. 6 nunha interpretación da Orquestra de Cámara Eslovaca no Festival Indian Summer'' de Levoča, 2008.
Categoría:Compositores de República Checa Categoría:Compositores de música clásica Categoría:Nados na Bohemia Central Categoría:Nados en 1874 Categoría:Finados en 1935