Hilario de Poitiers nado en Poitiers aproximadamente no 310 e finado en 367 é un doutor da Igrexa Católica
Traxectoria Criado nunha familia pagá, estudou retórica e filosofía e converteuse ao cristianismo no 345 cando foi bautizado xunto coa súa muller e a súa filla Abra. Foi elixido bispo polos fieis da súa cidade no 354. Tras o sínodo de Beziers do ano 356, foi considerado herexe polos arianos e desterrado da Galia por orde do emperador Constancio II. Tivo que refuxiarse en Frixia nun ambiente tamén moi influído polo arianismo. É chamativo o seu Contra Constantium Augustum liber onde acusa ao emperador de tirano, de inmiscirse nos temas da Igrexa e mesmo chega a comparalo co Anticristo.
Escribiu varios tratados defendendo a dobre natureza humana e divina de Xesús de Nazaret e a divindade do Verbo encarnado nel consonte o Credo do Concilio de Nicea. En Occidente se lle compara coa figura de Atanasio de Alexandría en Oriente.
No 361 levantóuselle o desterro e puido exercer o seu labor doutrinal, pastoral e de axuda aos desfavorecidos na Galia. Procurou fórmulas de consenso, sendo tolerante con aqueles que non pasaban de recoñecer unha semellanza entre Deus Pai e o Verbo pero sen identificar neles unha soa natureza. Este vontade de diálogo en concordia cos semiarianos recibiu duros reproches do bispo Lucifer de Cagliari, partidario dun rigor dogmático e da exclusión dos presbíteros que antano profesaran a fe ariana. Hilario era proclive á reconciliación.
Ao redor do 364, preocupado pola deriva arianista da importante sé de Milán, dirixiuse a esta cidade imperial para contradicir ao seu bispo Auxentio. O emperador Valentiniano I amparou a Auxentio e ordenou a Hilario saír de Milán. Consta a súa relación con Martiño de Tours.
Aínda que se lle atribúe a introdución de determinados cantos ou himnos na liturxia, a súa autoría concreta é discutida.
En 1851 Pío IX proclamouno doutor da Igrexa. A súa festa é o 13 de xaneiro.
Pensamento Hilario de Poitiers entende que a Escritura debe ser comprendida como unha preparación do anuncio da salvación de Xesucristo. Impulsor da oración dos salmos, sostén que estes deben ser interpretados á luz do anuncio evanxélico. Defende a unidade de Deus entendéndoa como unha relación de amor entre tres persoas consubstanciais, onde todo procede do Pai, a través do Fillo no don do Espírito.
Obras miniatura|Lucubrationes, 1523 Comentario ao Evanxeo de Mateo De Trinitate Contra Constantium Augustum liber Contra Arianos vel Auxentium Mediolanemsem liber Libro dos Sínodos Tratado sobre os Salmos
Categoría:Santos do catolicismo Categoría:Doutores da Igrexa