O CPI Camiño de Santiago é un centro de ensino situado na localidade do Pedrouzo, no concello do Pino, no barrio de Reboredo.
Ao tratarse dun centro público integrado nel pode cursarse educación infantil, educación primaria e educación secundaria. O ciclo de educación infantil contra cunha única liña nos tres niveis: 3 anos, 4 anos e 5 anos. Dispón dun pequeno pavillón de deportes para o alumnado no que se practica o fútbol sala, baloncesto e balonmán.
Ao seu carón pasa o Camiño Francés a Santiago e hai instaladas algunhas das infraestruturas de maior relevo do concello, como son o Centro médico de Arca (2007), o Centro Sociocultural Luís Seoane (2007), o Campo de fútbol de Reboredo e o Pavillón municipal de Reboredo.
Historia O edificio no que se atopa o CPI Camiño de Santiago foi construído en 1975 sobre unha superficie de 10.710 m², segundo o catastro. As obras foron costeadas polo Ministerio de Eduación e Ciencia como centro de Educación Xeral Básica e dotada de dezaseis unidades mixtas para albergar un total de seiscentos alumnos, ascendendo o orzamento a uns trinta millóns de pesetas (pouco máis de 180.000 euros).
En 1999 sufriu unhas grandes reformas derivadas da súa necesidade de adaptación á ESO. Dispoñía nese momento das súas unidades de infantil, doce de primaria e oito de secundaria, sendo o orzamento da ampliación do centro de máis de 143 millóns de pesetas (pouco máis de 859.000 euros). As obras provocaron un certo atraso no curso escolar de 1999-2000.
En 2014 a Xunta propuxo reducir o número de profesores do centro, o que produciu unha forte contestación no municipio. Outra das reivindicacións destacadas sobre o centro foi a reclamación feita en 2016 de dotalo cun ximnasio propio, para evitar usar o municipal que está ao seu carón. Pouco despois deu comezo o estudo para arranxar as cubertas do centro e o chan do patio cuberto, así como a construción dun almacén e en 2017 dotouse de calefacción propia ao polideportivo de Reboredo, que deste xeito pasou a ser definitivamente o ximnasio do CPI, cun investimento duns 135 mil euros.
Arte urbana Nas paredes dos muros leste e suroeste desenvolvéronse unhas intervencións de arte urbana. A primeira delas tivo lugar no ano 2018 no muro suroeste e foi executada por un colectivo do que formaron parte Mutante Creativo, Lidia Cao e Azor.
En outubro de 2019, o debuxante Brais Rodríguez deseñou a intervención do muro leste. Na súa execución participaron alumnos de 4º da ESO do centro escolar. No mural atópanse motivos relacionados co concello, como o Camiño de Santiago, que pasa ao carón do muro, a Festa do Galo Piñeiro, a Feira Cabalar, as propias actividades escolares e unha benvida aos visitantes da vila.
Galería de imaxes
Notas
Véxase tamén Ligazóns externas Web do centro Pequerrechos de Bea, blog do ciclo de educación infantil
Camiño de Santiago Camiño de Santiago Categoría:O Pino