A inflamación (do latín inflammatio: acender, facer lume) é a forma de manifestarse de moitas doenzas, que consiste nunha resposta inespecífica fronte ás agresións do medio (patóxenos, irritantes, células danadas), e está xerada polos axentes inflamatorios. A resposta inflamatoria ocorre só en tecidos conectivos vascularizados e xorde coa finalidade defensiva de illar e destruír o axente daniño, e para reparar o tecido ou órgano danado. Considérase un mecanismo de inmunidade innata, estereotipado, en contraste coa reacción inmune adaptativa, específica para cada tipo de axente infeccioso. Os signos clásicos da inflamación aguda son dor, calor, rubor, inchamento e perda de función.

Inflamación non é sinónimo de infección, porque poden darse inflamacións sen infección, e mesmo nos casos en que a inflamación está causada por unha infección, a infección é causada por un microorganismo, pero a inflamación é simplemente unha das respostas do organismo ante os patóxenos.

Unha inflamación prolongada pode destruír os tecidos, e a destrución progresiva dos tecidos comprometería a supervivencia do organismo. Porén, a inflamación crónica pode tamén orixinarse por enfermidades propias do organismo hóspede como por exemplo a febre do feo (en alérxicos), aterosclerose, artrite reumatoide, e mesmo cancro (por exemplo, carcinoma de vesícula biliar). Por isto a inflamación está normalmente moi regulada polo corpo.

A inflamación pode clasificarse en aguda e crónica. A inflamación aguda é a resposta inicial do corpo a estímulos daniños e orixínase polo aumento do movemento de plasma sanguíneo e leucocitos (especialmente granulocitos) desde o sangue cara aos tecidos danados. Propágase unha cascada de eventos bioquímicos que madura a resposta inflamatoria, a cal implica ao sistema vascular local, o sistema inmune, e varias células nos tecidos lesionados. A inflamación prolongada, coñecida como inflamación crónica, causa un cambio progresivo no tipo de células presentes no sitio da inflamación e caracterízase pola destrución simultánea e curación do tecido debido ao proceso inflamatorio. O maior probema que pode darse na inflamación é que a defensa se dirixa tanto cara aos axentes daniños coma aos non daniños, de maneira que provoque lesións en tecidos ou órganos sans.

A inflamación identifícase xeralmente en medicina co sufixo -ite (farinxite, larinxite, colite, conxuntivite...).

Axentes inflamatorios Axentes biolóxicos: bacterias, virus, parasitos, fungos. As células de mamíferos dispoñen de receptores que detectan a presenza de microbios. Entre os receptores máis importantes están os receptores de tipo Toll, que detectan bacterias, virus e fungos, e desencadean vías de sinalización que estimulan a produción de diferentes mediadores. Axentes ou condicións que producen necrose dos tecidos afectados: as células necróticas liberan moléculas que activan a resposta inflamatoria, como ácido úrico, ADP ou mesmo ADN; entre estes axentes temos: Axentes físicos: radiacións, frío, calor, raios ultravioleta. Axentes químicos: velenos, toxinas. Traumatismos e corpos estraños, que inducen inflamación porque danan os tecidos (necrose) ou achegan microbios. Alteracións vasculares: como por exemplo as que producen isquemia. Alteracións inmunitarias: como por exemplo as respostas de hipersensibilidade ou as autoinmunes; nestes casos é a propia resposta inmunitaria a que induce a inflamación, que é a causa principal do dano tisular.

Evolución histórica Nas primeiras civilizacións existen testemuñas de que tiñan coñecemento da inflamación e do seu proceso de curación; os primeiros escritos aparecen en papiros exipcios que datan do 3000 a.de C.

En Grecia e Roma existen escritos de Celso, que identificaban catro signos cardinais da inflamación. Posteriormente, Galeno engadiu o quinto signo.Goldsby Richard, Inmunología, 5ta. edición, Editorial Mc Graw Hill, Capítulo I páx. 7.

Actualmente, poden recoñecerse os seus cinco signos cardinais, que son:

Tumefacción. Aumento do líquido intersticial e formación dun edema. Rubor. Arroibamento, debido principalmente aos fenómenos de aumento de presión por vasodilatación. O maior fluxo sanguíneo na zona fai que esta teña unha cor máis vermella. Calor. Aumento da temperatura da zona inflamada. Débese á vasodilatación e ao incremento do consumo local de oxíxeno. Dor. A dor aparece como consecuencia da liberación de substancias que poden provocar a activación dos nociceptores, tales como as prostaglandinas. Estes catro constitúen a tétrade de Celsius de signos. Perda ou diminución da función. Chamado 5º signo de Virchow (función laesa).

En 1793, o cirurxián escocés Hunter salientou algo que actualmente se considera obvio: "A inflamación non é unha enfermidade, senón unha resposta inespecífica que produce un efecto saudable no organismo no que ten lugar". Cohnheim (1839-1884) foi o primeiro investigador que utilizou o microscopio para observar vasos sanguíneos inflamados en membranas finas e translúcidas, como o mesenterio e a lingua da ra. Coa observación das alteracións iniciais do fluxo sanguíneo, o edema posterior ao incremento da permeabilidade vascular, a migración leucocitaria, este autor realizou grandes contribucións. O biólogo ruso Metchnikoff descubriu o proceso da fagocitose ao observar a inxestión de espiñas de rosal polos amebocitos das larvas de estrelas de mar, e de bacterias por leucocitos de mamífero (1882); a conclusión deste investigador foi que o obxectivo da inflamación era o de facer chegar as células con capacidade fagocitaria á zona da lesión para que fagocitaran os axentes infecciosos. Con todo, ao pouco tempo quedou claro que tanto os factores celulares (fagocitos) como os factores séricos (anticorpos) eran imprescindibles para a defensa fronte a microorganismos, e por estes descubrimentos Elie Metchnikoff e Paul Ehrlich (que desenvolveu a teoría humoral) compartiron o Premio Nobel de Medicina en 1908.

A estes nomes débese engadir o de Thomas Lewis que, por medio de experimentos sinxelos sobre a resposta inflamatoria da pel, estableceu o concepto de que diversas substancias químicas inducidas localmente polo estímulo dunha lesión, como a histamina, son factores mediadores das alteracións vasculares da inflamación. Este concepto fundamental constitúe a base dos importantes descubrimintos dos mediadores químicos da inflamación e da posibilidade de utilizar fármacos antiinflamatorios.

Lewis chamou aos mediadores químicos da inflamación "H1",e definiu a tripla resposta ante a agresión que consistía en:

Eritema central Inchamento Eritema periférico

Dependendo das características temporais da inflamación definimos dous tipos de resposta, que son: inflamación aguda e inflamación crónica.

Inflamación aguda

A fase aguda da inflamación é unha reacción inmune innata. Na inflamación aguda distinguimos tres puntos clave: cambios hemodinámicos, alteración da permeabilidade vascular e modificacións leucocitarias.

Cambios hemodinámicos no calibre e no fluxo

Despois dun período inconstante e transitorio de vasoconstrición arteriolar, prodúcese vasodilatación e hiperemia activa (aumento de fluxo sanguíneo na zona da lesión), que causa arroibamento e aumento da temperatura. Despois prodúcese un período de hiperemia pasiva na que diminúe o fluxo por un aumento da permeabilidade microvascular con extravasación de líquido e aumento da viscosidade sanguínea nos vasos de menor calibre, que é o que se denomina estase (parálise total do fluxo). A medida que evoluciona a estase prodúcese a orientación periférica (marxinación) dos leucocitos, que se adhiren ao endotelio vascular, atravesan a parede vascular e diríxense ao intersticio.

Paso a paso (aínda que estes procesos ocorren superpoñéndose) o que se observa é o seguinte: 200px|miniatura|dereita|Migración de neutrófilos por quimiotaxe cara ao foco de infección. 1- Vasodilatacion arteriolar e capilar, que provoca a apertura de capilares e vénulas; inducida pola acción de diferentes mediadores da inflamación sobre o músculo liso vascular, principalmente histamina e óxido nítrico.

2- Aumento da velocidade do fluxo sanguíneo (hiperemia) polas arteríolas, que é a causa da aparición de eritema (cor vermella) no sitio da inflamación;

3- Aumento da permeabilidade da microvasculatura: saída dun exsudado inflamatorio cara aos tecidos extravasculares e aparición de edema inflamatorio.

4- Acumulación anormal e excesiva de sangue: a saída de líquido provoca un aumento da viscosidade do sangue, o cal aumenta a concentración dos glóbulos vermellos (conxestión venosa).

5- Diminución da velocidade do sangue en pequenos vasos (estase sanguínea).

6- Acumulación periférica dos leucocitos: marxinación e pavimentación leucocitaria.

7- Ao mesmo tempo, as células endoteliais son activadas polos mediadores da inflamación, expresando moléculas nas súas membranas que favorecen a adhesión dos leucocitos, fundamentalmente os neutrófilos.

8- Paso de leucocitos (neutrófilos en primeiro lugar, seguidos polos macrófagos) desde os vasos ao intersticio: migración celular, con formación do infiltrado inflamatorio. Denomínase diapédese.

Ademais, durante a fase de reparación que segue á inflamación aguda e durante a inflamación crónica prodúcese un fenómeno de proliferación de vasos sanguíneos denominado anxioxénese.

Alteración da permeabilidade vascular

En condicións normais o endotelio non permite a saída de proteínas e o intercambio prodúcese por pinocitose. Durante a inflamación, altéranse as bases morfolóxicas do endotelio pola acción dos mediadores químicos, producíndose unha alteración das unións celulares e as cargas negativas da membrana basal: Majno e Palade viron aberturas entre as células que non estaban rotas. Xeralmente, este efecto prodúcese nas vénulas, mais se é moi intenso chega aos capilares e prodúcese a extravasación por rotura.

A saída de líquidos, proteínas e células a partir do sangue denomínase exsudación. É importante distinguir os seguintes conceptos:

un exsudado é un líquido extracelular moi denso que contén unha alta concentración de proteínas e restos celulares; a súa presenza implica unha reacción inflamatoria; un transudado é un fluído con baixo contido en proteínas (contén sobre todo albumina); é un ultrafiltrado do plasma debido á existencia dunha diferenza de presión osmótica ou hidrostática a través da parede dun vaso, sen aumento da permeabilidade vascular nin proceso inflamatorio; un edema é un exceso de líquido no tecido intersticial, que pode ser un exsudado ou un transudado; o pus é un exsudado purulento inflamatorio rico en leucocitos (sobre todo neutrófilos), restos de células mortas e, en moitos casos, microbios.

O aumento da permeabilidade vascular xérase por varios mecanismos, que poden producirse simultaneamente:

Contracción das células endoteliais É o mecanismo máis común, desencadeado por diferentes mediadores inflamatorios, como a histamina, a bradicinina, os leucotrienos e a substancia P, entre outros. Estas substancias provocan a contracción brusca, por fosforilación oxidativa, dos filamentos de actina e miosina das células endoteliais que se retraen, de forma que os espazos interendoteliais aumentan. Despois o citoesqueleto reorganízase para manter a contracción durante máis tempo. As substancias inflamatorias deben disolver a membrana basal destas aberturas.

Dano endotelial A necrose das células endoteliais provoca a súa separación da parede do vaso, creando desta forma unha abertura no mesmo. Pode producirse en feridas graves, como queimaduras, ou pola acción tóxica de microbios que afectan directamente ao endotelio. Os neutrófilos que se adhiren ás células endoteliais tamén poden danalas. Neste caso, a perda de líquido continúa ata que se forma un trombo ou se repara o dano.

Aumento da transcitose